“A seguranza viaria será unha prioridade nos concellos incentivando políticas de calmado de tráfico, a través da colocación de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade. Todos os viarios municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais disporán de velocidades máximas de 30 qm/h. Nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados terán unha velocidade máxima de 10 qm/h”. 

Non todo o mundo o sabe, pero os concellos da Rede Ágora, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que está a revolucionar o espazo público na provincia, foron pioneiros na aposta polo modelo da ‘Cidade 30’ en España. “A implantación do máximo de 30 km/h permite afondar no modelo de vilas e cidades para as e os peóns. Pontevedra é un exemplo paradigmático nun movemento cara a outro tipo de mobilidade baseada na convivencia”, valorou o director do Observatorio Nacional de Seguranza Viaria, Álvaro Gómez, vencellado á Rede. 

Uxío Benítez: “A seguranza viaria é unha prioridade para nós, incentivando políticas de calmado de tráfico da importancia da colocación de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade"

Unha medida que favorece a transformación das cidades e vilas en espazo seguros e que se concreta no sexto dos dez principios que vertebran a rede de acción institucional promovida pola Deputación de Pontevedra

 “A seguranza viaria é unha prioridade para nós, incentivando políticas de calmado de tráfico da importancia da colocación de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade, potenciando que todos os viarios municipais en contornos de núcleos urbanos ou rurais teñan velocidades máximas de 30 km/h e que nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados teñan unha velocidade máxima de 10 km/h”, defende o deputado de Mobilidade de Pontevedra Uxío Benítez sobre a esencia da iniciativa, que rebaixa o límite estatal dos 20 Km/h aos 10 Km/h. 

Os pasos de peóns sobreelevados, elementos salvavidas

Neste senso, o tamén ideólogo da Rede Ágora explica que os gobernos que ata agora acadaron reducir o número de mortes nas estradas conseguírono “dando prioridade á seguridade na xestión da velocidade”, xa que “o índice de supervivencia en impactos a 30 quilómetros por hora é radicalmente superior a se a velocidade é 60 quilómetros hora, e os danos físicos redúcense significativamente ao baixar a velocidade a 10 km/h nas zonas urbanas e de convivencia”.

“Entendemos que os lombos son incómodos indo nos coches, pero nos gobernos non debemos ter medo a priorizar ás persoas"

Así mesmo, subliña que a “única maneira efectiva de baixar a velocidade” é con elementos físicos, redutores de velocidade de vehículos e pasos de peóns sobreelevados, que se teñen demostrado máis eficientes que as multas e os radares e que definiu como “elementos salvavidas” pola súa maneira de calmar o tráfico de forma directa.“Entendemos que os lombos son incómodos indo nos coches, pero nos gobernos non debemos ter medo a priorizar ás persoas, porque a demanda social ten cambiado moito nos últimos anos: cada vez máis colectivos e veciñanza piden actuacións de redución de velocidade”, afirma o nacionalista.