1770. Case dous millares de persoas pasaron xa polo albergue bateado co nome de Juan Manuel López-Chaves dende a súa inauguración o pasado 1 de xullo, cando o primeiro albergue público para peregrinos de Vigo abriu as súas portas no número 5 da praza do Berbés, xusto a tempo para gozar do verán e de cara celebrar este Ano Santo bianual, que se alongará durante todo o 2022. 

Un pulo para o Camiño Portugués pola Costa con motivo do Xacobeo e tamén para a cidade como unha das súas paradas máis importantes, que contou con picos de visitantes: no propio mes de xullo, con 278 peregrinos; agosto, cando recibiu a 485 persoas; setembro, data na que hospedou a 445 visitantes, e, finalmente, outubro, cando foron 408 os peregrinos que durmiron nas súas instalacións.

Xornadas de portas abertas no albergue de peregrinos de Vigo. Cedida

Con capacidade para 93 persoas en seis plantas  

O edificio, establecido en pleno Casco Vello de Vigo, consta dun total de seis plantas e conta con capacidade para acoller ata 93 persoas nun espazo distribuído en sete habitacións. Dispón ademais de cociña, comedor, zona de lecer e aseos.

 O novo albergue aposta en todo momento por garantir a accesibilidade e a eficiencia enerxética e debe o seu nome a Juan Manuel López-Chaves Meléndez, presidente de honra da Asociación dos Amigos dos Pazos. Un recoñecemento ao seu labor de divulgación do Camiño de Santiago e, concretamente, da ruta portuguesa pola costa.

Con 1770 visitantes rexistrados ata esta data, o número 71 da rede pública de albergues do Camiño de Santiago está a servir para impulsar a Vigo no marco da fermosa ruta costeira do Camiño de Santiago Portugués da Costa. 

Unha aposta que “pon de manifesto o compromiso do Goberno galego pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo; non en van, ata o de agora, xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras máis”, segundo destacan dende o propio Goberno autonómico, que mira ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, “pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica”. 

Neste senso, a Xunta quere agradecer unha vez máis á hostalería e o comercio da cidade a súa implicación e colaboración na sinalización do Camiño Portugués pola Costa a través de diversos tipos de vinilos.  

Coñece o Camiño portugués da Costa

Cunha lonxitude de 162,8 quilómetros, esta ruta costeira que entra en Galicia pola vila da Guarda, discorre en dirección oeste e camiña en paralelo ao río Miño ata chegar ao seu amplo esteiro. Dominando a paisaxe atópase o monte de Santa Trega, gran miradoiro cara ao Atlántico e Portugal. 

Despois, chégase a Oia, localidade portuaria célebre polo seu mosteiro cisterciense, e dobra o Cabo Silleiro para penetrar nun territorio máis resgardado, a preciosa ría de Vigo. En primeiro lugar chégase a Baiona, vila histórica de encantadoras rúas e prazas.

Tras pasar a ponte medieval da Ramallosa, a ruta diríxese cara a Panxón, coñecida polo Templo Votivo do Mar. Algo máis cara ao norte, o camiño atópase coa beleza da enseada de Samil e, pouco despois, chega xa a etapa Vigo - Redondela, onde enlaza co Camiño Portugués interior.

A Xunta defende as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro e a seguridade nos albergues a través da posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, que da cobertura aos viaxeiros en caso de que enfermen durante a súa estancia na comunidade.