Nos anos 50, o escritor de ciencia ficción Isaac Asimov imaxinaba un futuro cun único gran ordenador que resolvía os problemas da humanidade pero que precisaba grandes cantidades de enerxía e ocupaba o espazo dun enorme edificio, e cheo, polo tanto, de corredores onde se movían os enxeñeiros e enxeñeiras que se encargaban de facelo funcionar.

Non é estraño que Asimov imaxinase que naquel "futuro remoto" os enxeños encargados de mover o mundo das tecnoloxías da información e das comunicacións fosen cada vez máis voluminosos e faraónicos. Ao fin e ao cabo, as infraestruturas de telecomunicación dos anos 50 eran, como mínimo, ben visibles: grandes antenas como as construídas durante a Segunda Guerra Mundial na Terra Chá de Lugo, ou máis tarde os repetidores de televisión que vemos na cima de moitos dos nosos montes e tamén os grandes edificios que albergaban as centrais telefónicas (aínda que daquela poucos eran os que dispoñían dun teléfono).

As predicións de Asimov tal vez non chegaron a ter a fama das de outros autores famosos coma Jules Verne, pero o certo é que moitas ideas súas se fixeron realidade. En 1964 escribiu un ensaio no que describía o mundo no ano 2014, é dicir, hoxe. Nese texto falaba de que as comunicacións serían audiovisuais, polo que un podería ver, ademais de escoitar, á persoa á que chamaba (certamente, hoxe é doado con videoconferencia sentirse máis preto de alguén que está na outra punta do mundo). Tamén dicía que sería posible chamar a calquera punto da terra, incluíndo as estacións meteorolóxicas colocadas na Antártida: grazas ao que se chama o "Internet das cousas", hoxe é posible conectarse con dispositivos sitos en calquera punto do planeta. Ou contaba que as "pantallas de parede" substituirían aos aparellos ordinarios: moitos temos na casa unha pantalla plana, e ata nos costa recordar os televisores de tubo. Arriscouse a dicir que no 2014 se poría moito esforzo en deseñar vehículos con cerebros robóticos: os grandes fabricantes de automóbiles e empresas coma Google están xa probando coches que non precisan condutor.

Pero é certo que tamén se trabucou en cousas coma a descrición dese futuro con grandes máquinas xa que o camiño seguido foi xusto o contrario: cada vez temos aparellos máis e máis pequenos. Un exemplo paradigmático é o dos teléfonos móbiles, nos que pasamos dos teléfonos "movibles" que só servían para chamar (basicamente, maletíns pesados cunha antena voluminosa) a auténticos computadores de man que serven para falar, conectarse a Internet, sacar fotos, apuntar os eventos, ver vídeos... e todo nun pequeno dispositivo duns gramos que gardamos no peto.

Isto está a suceder en xeral e continúa avanzando ata un punto no que os dispositivos de telecomunicación nos proporcionarán un servizo, pero xa nin poderemos velos, aínda que sigan estando aí. Xa nos avisaba disto outro famoso escritor, Arthur C. Clarke, que enunciou tres leis arredor do avance científico, dicindo na última delas que "calquera tecnoloxía o suficientemente avanzada é indistinguible da maxia". Sería atrevido dicir que no mundo das tecnoloxías da información e das comunicacións se chegase a ese punto pero non mentiriamos se dicimos que se está cerca. Pensemos, só, en cantas veces usamos as telecomunicacións na nosa vida cotiá, e que moitas veces nin vemos.

Uso cotiá

Un día calquera, despois de erguernos quentamos o leite no forno de microondas (aparello que aproveita as ondas electromagnéticas para quentar por vibración das moléculas de auga que fai que suba a súa temperatura). Logo almorzamos mentres vemos as novas na televisión (por cable, TDT, satélite, ou mesmo por Internet) ou consultamos na Internet, antes de saír da casa, a previsión meteorolóxica (que se elabora cos datos recollidos por sensores nos satélites e cos radares meteorolóxicos e procesan con grandes computadores), ou vemos nas redes sociais as últimas fotos que subiron os nosos amigos (as redes sociais funcionan grazas a redes de comunicación que envían a información a grandes centros de almacenamento e procesado de datos que atenden a millóns de usuarios). Estas imaxes obtivéronas os nosos amigos co seu móbil ou a cámara de fotos de última xeración (que levan sensores de varios megapíxeles, microprocesadores e software que converte toda esa información nunha imaxe que logo podemos ver). Máis tarde collemos o coche ou o autobús para ir ao colexio, instituto ou traballo (este vehículo ten centos de compoñentes electrónicos que controlan a música, a temperatura, os freos, a dirección, o motor, e ata poden aparcar o vehículo) ou imos a un lugar que non coñecemos guiándonos polo GPS.

É dicir, apenas comezou o día e sen decatarnos estamos a utilizar aparellos con tecnoloxías de telecomunicación. Poderiamos seguir afondando, por exemplo en como se grava ou reproduce a música, nos aparatos sofisticados para diagnose médica, nos videoxogos (mandos, consolas, os propios xogos), nos sistemas de navegación para barcos ou avións, nos sistemas de control de tráfico nos concellos...

A lista é interminable e está a aumentar. A telecomunicación ten cada vez máis importancia nas nosas vidas e precísanse profesionais cunha elevada cualificación que poidan crear novas aplicacións e mellorar as que xa hai, facendo posible un futuro que aínda non coñecemos. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, dende 1985, ano en que nace coma a terceira de España, formáronse xa 3.000 profesionais que contan cunha inserción laboral plena e dun grande prestixio en Galicia, España, Europa e o mundo.

Felipe Gil-Castiñeira (Profesor titular do Departamento de Enxeñaría Telemática. Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo).