Este Nadal a Deputación de Pontevedra impulsa o comercio local no rural co proxecto “Da túa Man”

A implantación e uso das novas tecnoloxías e a promoción da economía circular e o consumo sostible, entre as chaves do novo plan, que se centrará en 11 municipios da provincia

A Deputación de Pontevedra impulsa o comercio local no rural co proxecto “Da túa Man” este Nadal.

A Deputación de Pontevedra impulsa o comercio local no rural co proxecto “Da túa Man” este Nadal. / Cedida

O comercio local do rural é un dos grandes esquecidos en Nadal, sobre todo nos municipios de menos de 5.000 habitantes. Por iso, a Deputación de Pontevedra está a realizar numerosas accións para reactivar e impulsar o consumo de produtos locais e o comercio de proximidade nestes territorios. 

Baixo o lema “Da túa man”, a Deputación de Pontevedra leva a cabo este proxecto coa finalidade de visibilizar e modernizar o comercio local e rural para adaptalo aos novos hábitos de consumo. Todo iso, a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e a promoción da economía circular e o consumo sostible. A execución deste plan céntrase en 11 municipios concretos da provincia de Pontevedra: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro.

Neste ámbito de actuación, a Deputación de Pontevedra pretende establecer vínculos entre tódolos axentes que forman parte da cadea de valor do comercio local, impulsando unha estratexia común que implique ás comunidades locais, aos concellos dos municipios e á Deputación de Pontevedra. Estas sinerxías teñen como obxectivo principal potenciar os produtos locais, culturais e turísticos destes territorios e favorecer a empregabilidade e permanencia dos seus habitantes.

A transformación dixital cobra importancia co lanzamento de tres campañas de comunicación en medios dixitais, deseñadas para promocionar o comercio local dos municipios beneficiarios.

A transformación dixital cobra importancia co lanzamento de tres campañas de comunicación en medios dixitais, deseñadas para promocionar o comercio local dos municipios beneficiarios. / Deputación de Pontevedra

Tres eixos de actuación para facer brillar ao comercio local este Nadal 2023

En canto ás accións que se van desenvolver, existen diversos eixos de actuación:

A transformación dixital cobra importancia co lanzamento de tres campañas de comunicación en medios dixitais, deseñadas para promocionar o comercio local dos municipios beneficiarios, facendo fincapé na importancia do consumo de produtos quilómetro 0, a sustentabilidade do comercio de proximidade e a economía circular. Para iso, tamén se contará ca participación de varios influencers galegos para dar unha maior visibilidade aos produtos de calidade destes municipios e á campaña en xeral. 

En canto á transformación no punto de venda, realizaranse melloras na accesibilidade da contorna comercial, con prazas de aparcamento para persoas con discapacidade e sinalización con información sobre os comercios locais. 

Na mesma liña, poñendo o foco na sustentabilidade, instalaranse illas ecolóxicas para fomentar a reciclaxe e dispositivos especiais para reciclar produtos altamente contaminantes, como pilas ou dispositivos electrónicos. Neste sentido, crearanse e promoveranse novos deseños de embalaxe reutilizable, como alternativa sostible ás bolsas de plástico e papel. 

Para comerciantes e consumidores tamén se ofrecerán talleres enfocados a potenciar as súas habilidades dixitais e a fomentar a sustentabilidade e a economía circular no comercio local. 

En definitiva, numerosas accións que pretenden facer brillar ao comercio local, sobre todo en datas tan sinaladas como o Nadal.