O comercio local de proximidade é clave para o desenvolvemento da provincia e dos seus municipios. Este sector foi un dos máis afectados pola pandemia e o confinamento pola covid-19, polo que no momento actual é vital favorecer a creación, desenvolvemento e consolidación de negocios do sector do comercio polo miúdo na provincia de Pontevedra. Nese contexto nace “Da túa man” o programa da Deputación de Pontevedra que busca poñer en valor, modernizar e transformar ese comercio de proximidade da provincia

“Da túa man” busca dotar ao comercio local das ferramentas precisas para dar resposta a unha contorna cambiante e a novos retos competitivos

“Da túa man” busca apoiar mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización de once concellos con entre 5.000 e 20.000 habitantes, concretamente A Cañiza, Gondomar, Moaña, Meaño, Ponte Caldelas, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Tomiño, Poio e Ribadumia, todos eles en zonas nas que o comercio de proximidade non pode beneficiarse tanto do turismo como noutras da provincia de Pontevedra. 

Neles, busca construír vínculos entre comerciantes e veciñanza, facendo fincapé no trato próximo e personalizado que as persoas responsables das tendas locais teñen coas e cos consumidores. Xunto co proxecto desenvolvido en zonas turísticas, “Commerce Inside”, conseguirá transformar o comercio minorista, dotándoo das ferramentas precisas para dar resposta a unha contorna cambiante e aos novos retos competitivos da postpandemia.

Realizaranse accións como a posta en marcha dunha páxina web, a creación de packaging sostible ou actividades de formación, entre outras

A iniciativa posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, que está subvencionada ao 70% cos fondos Next Generation, transformará o comercio e animará á cidadanía a facer as súas compras en tendas e mercados municipais a través de accións e actuacións encadradas en varios ámbitos diferentes. Por unha banda, incídese na transformación dixital coa posta en marcha dun portal web e dunha aplicación móbil do comercio local e dunha plataforma de Big Data coa que se poderán analizar as tendencias de consumo municipal.

Por outra banda, ponse o foco na sostibilidade e na economía circular a través do deseño de packaging reutilizable para o comercio local, o desenvolvemento dun sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa ou a instalación de illas ecolóxicas para clasificar os residuos e fomentar a súa reciclaxe. 

Ademais, procederase a instalar puntos de recollida intelixentes en diferentes lugares dos concellos para facilitar a entrega dos produtos adquiridos de maneira online e habilitaranse zonas de descanso axardinadas próximas ás áreas comerciais de interese e dotadas con cargadores solares e asentos entre outros elementos. Elementos, ademais, que se completarán coa instalación de tótems ou mupis ou sinaléctica corporativa. 

A formación tamén é vital para que avance o comercio da provincia e, por iso, no marco do proxecto “Da túa man” deseñarase un programa formativo que incluirá cursos para profesionais en materia de transformación dixital e packaging sostible, así como unha actividade para consumidores vulnerables de habilidades dixitais.

Para saber máis, prema aquí.