O bo tempo será un aliado máis para que Cambados sexa un fervedoiro de xente durante os vindeiros dez días. Se a elo se lle suma unha programación con animación e música para todos os gustos, o éxito está garantido.

Nicky Jam, Amaia Romero, Tanxungueiras ou Morad, serán os platos fortes dos concertos para esta LXX Festa do Albariño. A eles súmanselle outros artistas de primeiro nivel, como Dorian e Beny Jr, Derby Motoreta's Burrito Kachimba ou Susana Seivane, entre outros. Non faltarán á súa cita coa Capital do Albariño as mellores orquestras de Galicia, as charangas e as sesións DJ. Tamén haberá actuacións pensadas para a cativada, entre as que destacan os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, os espectáculos de maxia de Adrián Conde, ou o espectáculo circense de Patty Difhusa, entre outros.

Viño e música, a simbiose perfecta para ateigar de xente as rúas da Capital do Albariño INAKI ABELLA DIEGUEZ

Reforzo nas telecomunicacións

Durante a semana grande da Festa do Albariño de Cambados poden congregarse na localidade máis de 250.000 persoas. Ademais, e segundo estimacións da Policía Local, durante as noites do venres e o sábado hai ata 50.000 persoas na festa. Por este motivo, o Concello de Cambados e as operadoras de telecomunicacións reforzarán a tecnoloxía durante a celebración do evento, para evitar que o exceso de consumo poida chegar a colapsar a rede.

Telefónica Móbiles de España instalaba hai uns días a estación portátil no porto de Tragove, tal como xa fixeran en anos anteriores, onde permanecerá ata o 9 de agosto, dous días despois de finalizada a festa enogastronómica. Ademais, o 30 de xullo entrarán en funcionamento case unha vintena de puntos wifi públicos, que se instalarán no exterior dalgúns dos edificios máis significativos da localidade, como o consistorio, o auditorio, a confraría, o cuartel da Garda Civil, a biblioteca ou o pazo de Torrado. Este investimento é posible grazas a unha subvención do Plan Concellos e esténdese ao rural, dado que se colocarán outro puntos de semellantes características nas casas da cultura de Castrelo (haberá en dúas localizacións distintas), Corvillón, Oubiña e Vilariño. Esta tecnoloxía favorece un intercambio de datos por internet máis rápido sen risco de colapso na rede.

Dende o Concello de Cambados fan un chamamento á responsabilidade da cidadanía INAKI ABELLA DIEGUEZ

As casetas, a partir do día 3 de agosto

Un total de 44 adegas das cinco subzonas que forman a D.O. Rías Baixas, estarán presentes nas 42 casetas que se instalarán no Paseo da Calzada a partir do vindeiro mércores 3 de agosto e ata o domingo 7. Será precisamente na primeira fin de semana de agosto cando Cambados rexitre a maior afluenza de visitantes. Ademáis do albariño, nas casetas poderánse catar outros viños amparados polo selo D.O. Rías Baixas, tales como espumosos, tintos, etc.

Dende o Concello de Cambados fan un chamamento á responsabilidade da cidadanía para que a festa se celebre con total normalidade, unha festa na que hai cabida para todo tipo de público.