A Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia traballa xa coa selección de startups que están chamadas a protagonizar os avances do sector turístico nos vindeiros anos en Galicia e fóra dela, xa que todos e cada un dos proxectos teñen alma de crecemento e esencia de expansión nos mercados. 

A segunda edición desta iniciativa estratéxica de aceleración e de talento innovador do Goberno galego parte coa vantaxe de ter implementadas as leccións aprendidas na primeira entrega e de aproveitar unha nova fornada de emprendedoras e emprendedores que xa saben que o seu paso pola Academia traducirase nunha importante oportunidade real no sempre esixente mundo empresarial no futuro inmediato.

O programa de formación e mentorización que a Xunta de Galicia pon a disposición das startups en fases iniciais (pre-seed) que estean especializadas no sector turístico vén de arrancar o seu núcleo central, despois dunha primeira entrega intensiva. Esa Pre-Academia serviu para escoller os 10 finalistas deste programa 2022 de entre as 15 propostas seleccionadas dun total de 117 aspirantes. O demoday resultou decisivo para elixir ao topten que representará á Aceleradora desde agora ata a súa saída aos mercados e, unha vez neles, estarán chamadas a converterse en novos casos de éxito, emulando así aos seus predecesores da edición inaugural.

O respaldo que supón a iniciativa autonómica actúa como mellor carta de presentación para os seleccionados, xa que a primeira gran batalla, a de acceder á rolda final, xa está conquistada. Agora, toca evolucionar as ideas orixinais, peneiralas grazas ao traballo co grupo de mentores e expertos multidisciplinares co que conta a Aceleradora e ser os máis destacados desta segunda edición.

Das 7 grandes categorías onde os promotores podían encadrar os seus proxectos, a que máis propostas concentra nesta final é Travel Tech (40 % dos proxectos). Aquí encaixan todas as ideas relacionadas con facer da experiencia das viaxes algo inesquecible e poñer ao alcance do viaxeiro produtos, servizos e comodidades que antes non existían ou que non eran tan accesibles nin tan dixitais como o serán nos vindeiros anos. Xunto a este gran grupo de proxectos, destaca tamén, co 20 % das ideas, Gastro Tech, que pon o foco nos recursos gastronómicos enraizados coa cultura ancestral de Galicia, que a fan única. O menú complétano apostas intimamente relacionadas co Turismo de litoral, coa Social Tech, a Infrastructure Track e a Sostibilidade do sector turístico. En global, 10 apostas que están chamadas a marcar as diferenzas aportando novas experiencias para quen nos visita ou nos redescubre desde un punto de vista máis innovador.

Marta Gantes Crespo, CEO de Atlantic Surf Cedida

Atlantic Surf

» Marta Gantes Crespo (CEO)

“Galicia como destino de surf durante todo o ano”

Categoría: Turismo  de litoral

Proxecto: Axencia de viaxes receptora de turismo de surf en Galicia que integra todo o que o viaxeiro precisa durante a súa estancia.

“O obxectivo é poñer a Galicia no mapa como destino de surf durante todo o ano. Necesitamos un crecemento exponencial que está sendo posible grazas á Aceleradora”.

Patricia López, CEO de BGreen. Faro

BGreen

» Patricia López Rodríguez (CEO)

“Os hostaleiros galegos, motor dun modelo sostible”  

Categoría: Sostibilidade

Proxecto: App para axudar aos hostaleiros a loitar contra o cambio climático. Traslada consellos e permite obter un certificado de “Local Sostible”.

“Queremos que os hostaleiros galegos sexan o motor do cambio cara un modelo máis sostible. Entrar na Aceleradora é unha oportunidade única, e estar na Academia e poder ir da man da Xunta e dos formadores e mentores que participan nela, todo un luxo”. 

Xosé Manuel Feijóo, CMO de Boldest. Cedida

Boldest 

» Xosé Manuel Feijóo (CMO)

“Os mellores mapas interactivos do mundo”

Categoría: Travel Tech

Proxecto: Servizo web que facilita a creación de mapas interactivos para promocionar a oferta turística. Facilmente integrable en webs e campañas de marketing dixital.

“O noso obxectivo é gañar visibilidade, dar a coñecer o que facemos, encontrar un modelo de negocio escalable e replicable e acelerar apoiándonos en profesionais de éxito. Vemos con optimismo o futuro”. 

V.Gómez, CEO de Mercado da Terra. Cedida

Mercado da Terra

» Verónica Gómez (CEO)

“Unha auténtica experiencia con todos os sentidos”

Categoría: Gastro Tech

Proxecto: Experiencia gastronómica que permite gozar do mellor da gastronomía galega e a súa cultura, mantendo vivas as tradicións, coa posibilidade de adquirir os produtos ou de degustalos in situ.

“Estar na Aceleradora é a posibilidade de empaparse dos mellores profesionais en cada campo. Apórtanos coñecemento, contactos, unha visión alternativa, pero sobre todo fainos perfeccionar o proxecto”.

Elena Victoria, CEO de Salmoira. Cedida

Salmoira 

» Elena Victoria Alonso (CEO)

“Innovación a través dos sabores do pasado”

Categoría: Gastro Tech

Proxecto: Un diversificado food business que parte da salazón de peixe das rías a través dunha elaboración ancestral, que supón un potente recurso de turismo gastronómico en si mesmo. 

“Contar coa Aceleradora supón un verdadeiro revulsivo para a excelencia da industria do Turismo en Galicia. Ser finalistas é un impulso clave que doutra maneira non sería posible”. 

S. Candal, CEO de Spa Relajarse. Cedida

Spa Relajarse 

» Sandra Candal García (CEO)

“O maior marketplace especializado en wellness”

Categoría: Social Tech

Proxecto: Buscador especializado en spas, balnearios e talasos onde poder reservar online experiencias personalizadas en máis de 650 establecementos termais e wellness de toda a Península Ibérica.

“Pretendemos ser o maior marketplace especializado en wellness, vendendo experiencias termais e produtos propios. Esperamos adquirir todos os coñecementos necesarios para o éxito”.

M.A Gil Martí, CEO de Spot Now. Cedida

Spot Now 

» Miguel Ángel Gil Martí (CEO)

“Varios sectores turísticos, unha soa plataforma”

Categoría: Travel Tech

Proxecto: Plataforma de xestión global de reservas para o desenvolvemento e dixitalización de solucións de lecer e turismo, escalables e a medida.

“Spotnow é capaz de dixitalizar varios sectores turísticos nunha soa plataforma. Para nós, estar na Aceleradora da Xunta de Galicia supón a oportunidade de coñecer de preto as necesidades de innovación do sector turístico de Galicia”.

Óscar Gómez, CEO de Trictrack. Cedida

Trictrack 

» Óscar Gómez (CEO)

“Revitalizar o turismo activo a través da orientación”

Categoría: Infrastructure Track

Proxecto: Tecnoloxía que emprega o deporte de orientación para fomentar o turismo activo e gamificar os múltiples recursos turísticos, tanto en espazos naturais como urbanos. 

“O noso obxectivo é revitalizar o turismo activo e contribuír á posta en valor dos recursos. Esperamos aproveitar todas as ferramentas que nos proporciona a Aceleradora. É unha gran oportunidade”

A. Aparicio, CEO de Viajator. Cedida

Viajator

» Alejandro Aparicio Gallego (CEO)

“Intelixencia artificial, mellores produtos” 

Categoría: Travel Tech

Proxecto: Marketplace turístico que emprega intelixencia artificial para predicir o comportamento e o gusto dos usuarios, ofrecendo mellores experiencias.

“A intelixencia artificial e a rede de neuronas artificiais permitirán deseñar mellores produtos anticipando a demanda futura. Cremos que a participación na Aceleradora permitirá que nos posicionemos como web de referencia. Somos pioneiros en Galicia.”

A. Pérez García, CEO de Wonder. / Faro Cedida

Wonder Experience 

» aránzazu Pérez García (CEO)

“Unha experiencia gamificada para gozar”

Categoría: Travel Tech

Proxecto: Plataforma de experiencias turísticas gamificadas, personalizadas sobre tecnoloxía blockchain

“Ofrecemos unha experiencia gamificada, con rutas personalizadas e premios, para desfrutar da estancia en destino. A Aceleradora da Xunta representa esa oportunidade de acceder ao mercado dun modo seguro, planificado e aproveitando a súa experiencia. Ser finalistas dános confianza. Iniciativas como estas son imprescindibles”.