A programación do día grande da Feira do Cocido de Lalín recupera o seu formato habitual. Deste xeito, ás 10:30 horas na Casa Consistorial terá lugar a recepción do pregoeiro e das autoridades, para dar paso ao Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido. Despois da firma do pregoeiro no Libro de Honra, e o resto de actos protocolarios, actuará a Charanga Verbeneros polas rúas de Lalín. Ás 12:00 horas abrirase a Feira na carpa do Cocido, no Campo da Feira Vello. Ao longo de toda a mañá, terá lugar o Cocido Corredoiro, no que varias representacións dos entroidos tradicionais galegos animarán as rúas da vila. Ás 12:45 horas Alberto Núñez Feijóo será o encargado de ler o pregón da LIV Feira do Cocido de Lalín. De seguido, comezará o agardado desfile de Carrozas, Comparsas, Agrupacións Musicais e Entroidos Tradicionais galegos.

Ás 12 do mediodía abrirase a feira cos diferentes postos de venda na carpa do cocido, sita no campo da feira vello

Xa pola tarde, despois da degustación do prato rei da gastronomía galega nos fogares e restaurantes da vila, actuarán as charangas KM Cero e Leña Verde, arredor das 17:00 horas. Pola súa banda, a Charanga Ardores ofrecerá o seu espectáculo na Praza da Igrexa ás 19:30 e as 22:00 horas. Ás 20:30 e ás 23:00 actuará a orquestra La Fórmula, nesta mesma ubicación.

Participantes no desfile

Os participantes do tradicional pasarrúas posterior á lectura do pregón desfilarán na seguinte orde: Asociación Cultural Carballo da Manteiga; Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas; Cabezudos de Laxeiro; Carroza da Asociación A Carqueixa da Veiga; Vellaróns de Riós; Batucada Miúdos de Arcade; Carroza Cooperativa Val do Deza de Goiás; Entroido de Samede; Entroido de Cobres; Carroza Cooperativa Aprodeza; Folión de Mormentelos; Carroza de Sello; Rondalla Atios; Carroza” Cabaleiros de Lalín”; Comparsa Luces de Tomiño; Carroza Cooperativa Gandeira de Botos; Rondalla Pontellas; Carroza do Grupo de Baile A Carballeira de Cercio; Comparsa Aturuxo de Ribadeo; Carroza Cooperativa Gandeiros do Deza; Folión da Veiga. O porco Queitano, que se fixo viral ao longo desta semana por deixarse ver paseando tranquilamente polas rúas de Lalín co seu criador, Manuel Dovalo, será o encargado de abrir o desfile.

Manuel Dovalo posa con Queitano, o porco que se fixo viral estos días e que abrirá o desfile trala lectura do pregón. BERNABE/JAVIER LALIN

Os Cocidos do Camiño, entre o 13 e o 15 de maio

Entre o 13 e o 15 de maio terá lugar este Festival Gastronómico, nun escenario polo que pasarán artistas da talla de Tanxugueiras ou Baiuca, entre outros. A gastronomía, a cultura e o Camiño de Santiago son os eixos do proxecto “Cocidos do Camiño”, que este ano, impulsado pola empresa I-Radia Crea en colaboración co Concello de Lalín e Xunta de Galicia, busca darlle continuidade ás iniciativas de intercambio de experiencias gastronómicas no tocante ao vínculo do Camiño coa Feira do Cocido de Lalín. Ademáis, coincidido coa festividade das Letras Galegas, haberá un acto no que se ligará a oralidade e a gastronomía á literatura galega. Unha acción que porá en valor a rica tradición gastronómica galega empregando a gastronomía como un espazo de difusión cultural. Un evento no que se mesturará gastronomía con literatura e no que se contará con personalidades vencelladas á literatura galega.