Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dacosta fotografiada en Celso Emilio Ferreiro. // A. Villar

Marta Dacosta: "O BNG é o único que propón unha lei do naval e eliminar os concertos educativos"

"Imos ser determinantes para evitar un goberno do PP e a maior urxencia na comarca de Vigo é o rescate do hospital"

Marta Dacosta amósase optimista sobre o resultado do BNG o próximo 25S. Está convencida de que representan unha opción "distinta" e avanza que para eles non chega con mudar o goberno galego e que tan importante como iso é mudar as políticas. "O BNG é o único que propón unha lei do naval e eliminar os concertos educativos". A estes dous compromisos suman o rescate do hospital e da autopista AP-9.

--Nas últimas municipais o BNG quedou fóra da Corporación despois de 24 anos. É fácil unha campaña nestas condicións?

-Non é un hándicap en absoluto porque son espazos diferentes e a xente enténdeo así. Partimos da nosa representación no Parlamento e do traballo feito alí. O debate do luns demostrou que nos presentamos con forza, cun proxecto con garantías. Estar fóra dunha institución non nos impide seguir traballando e incluso condicionar as políticas das institucións.

-A tendencia do Bloque en municipais e xerais é á baixa. Tense feito autocrítica e deseñado un plan para mudar a situación?

-Internamente valoráronse as causas que nos levaron a esa situación e unha vez detectadas iniciamos un proceso no que aínda estamos para reconducilo, revisando liñas de comunicación, facendo máis atractiva a nosa mensaxe para continuar traballando por Galicia co obxectivo claro de lograr unha sociedade máis xusta.

-Non corre risco o BNG de converterse nunha forza insignificante?

-Non somos insignificantes. Somos determinantes. Máis alá das cifras. E temos moito que dicir e achegar. Esa é unha apreciación errónea e somos tan determinantes que pensamos que igual a distribución de escanos fai que da representación do BNG dependa o futuro do goberno galego. Imos decidir se continúan as políticas de Feijóo ou comeza un tempo novo. Ao BNG non lle é suficiente un cambio de goberno e de cadeiras, o que nos preocupa é que muden as políticas.

-Entendo que o Bloque non venderá barato o seu apoio.

-Cando chegue o momento teremos que debater moito. Non hai que dicir que temos a man tendida. O noso traballo demostra que intentamos democratizar as institucións como estamos facendo na Deputación de Pontevedra. Os feitos falan por nós. Se cremos en algo facémolo con tódolos custes.

-En que se diferencia o BNG do resto de forzas da esquerda?

-Somos os únicos dispostos a romper o corsé normativo que nos impide gobernarnos por nós mesmos e os únicos que falamos claramente de eliminar os concertos educativos dentro dun calendario que empezaría polos que segregan. E para nós é básico e forma parte da nosa historia a loita polo emprego na comarca. Eu son delegada da CIG, acabo de estar nunha mobilización. O BNG traballou no Parlamento nesa dirección e seguirao facendo. O naval ten menos de mil empregados cando chegou a 10.000. Estamos ante un empobrecemento brutal da comarca e é necesaria a Lei do Naval que defendemos. E presentamos un Plan Retorna porque as xeracións máis formadas están emigrando porque o PP os expulsa. Estamos perdendo un capital humano que pode truncar o futuro de Galicia. Outra cuestión básica que nos diferencia é que para nós é prioritario derogar as reformas laborais. O resto de forzas tiveron a oportunidade nestes meses de iniciar os trámites no Estado e non fixeron nada.

-Que prioridades tedes en materia de infraestruturas?

-Defendemos competencias públicas plenas sobre a autoestrada AP-9 e apostamos polo tren de proximidade que podería aliviar as estradas. A clave está na ordenación de tódolos transportes no sur de Pontevedra, tren, porto, aeroporto, transporte de ría e transporte por estrada. É básico favorecer a interconexión de tódolos recursos e na área de Vigo a planificación debe facerse pensando no peso económico e industrial da zona.

-Como potenciariades o aeroporto de Peinador?

-Hai que ordenar o tráfico e defendemos un sistema integrado e especialización en cada un dos tres aeroportos galegos para que sexan rendibles. Pola súa vocación industrial, Vigo debería potenciar esas rutas e o transporte de mercadorías sen que iso impida ter una oferta turística acaída. E non somos partidarios de investir fondos públicos en aeroliñas.

-Como ve o Bloque o futuro da área sanitaria?

-Apostamos por servizos públicos gratuítos e de calidade con dotación orzamentaria suficiente, tanto en sanidade como en benestar ou ensino. A maior urxencia na comarca de Vigo é rescatar o hospital e dotalo do persoal que precisa. Será unha peza central do noso traballo xunto á cobertura das necesidades básicas da xente.

-É viable recuperar o hospital?

-A saúde, o ensino e o benestar non poden ser analizadas en termos de rendibilidade. No caso do hospital, un propietario privado espera un lucro e iso encarece a súa xestión. Facelo público significa aforrar diñeiro.

-Comprende os recelos ante unha coalición de goberno trala experiencia do bipartito?

-Ese é o mantra do PP, pero cando facemos memoria nos actos públicos do que fixo o bipartito a xente é consciente da marcha atrás que supuxeron os 7 anos do PP. O bipartito iniciou políticas que hoxe nos terían colocado noutra situación máis favorable. O PP desmontou e modificou ao seu convir a lei forestal e deturpou o banco de terras por poñer só dous exemplos.

-Por que deben apostar por vós os pontevedreses?

-O BNG é a garantía de que se van a mudar as políticas dende o Parlamento. O BNG vai a ser determinante para impedir un novo goberno do PP. As nosas propostas nacen do contacto coas persoas, cos sectores produtivos, autónomos e traballadores. Imos traballar para vivir nun país que poida gobernarse por si mesmo e construír unha vida digna para todos.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.