Non hai símbolo que identifique mellor aos galegos e ás galegas como colectivo que Os pinos, peza de Eduardo Pondal. E é que son as raíces celtas que marabillaron ao Bardo de Galicia as que fixeron dos seus versos un himno que, con música de Pascual Veiga, estrearíase na Habana en 1907. Un alarido de insurrección para non esquecer o medo e a rabia que fixeron da historia de Galicia un soño prologando.

Eduardo Pondal, Pascual Veiga e Fontenla Leal —considerado un dos percusores daquela histórica xornada na que hai 111 anos se estreaba o himno como tal— tiñan algo en común: querían ver a súa terra galega liberada das ataduras da historia.

Un anhelo que compartiría, algo menos de dez anos despois, Antón Villar Ponte, reunindo nos locais da Academia Galega na Coruña arredor de 20 intelectuais como foron Manuel Lugrís Freire ou Luís Porteiro Garea, coa fin última de acabar formando as Irmandades da Fala.

Seguindo a liña de Pondal, foi precisamente Manuel Lugrís quen redactou o que foi o primeiro himno das Irmandades: Na fala gallega vive / a ialma da nosa terra; / a redención de Galicia / nos seus acentos latexa. / Pobo que o seu verbo esquece / é traidor á natureza; / como irmáns todos falemos / a nobre fala gallega.

As promesas descentralizadoras que trouxo anos despois Primo de Rivera foron asumidas con esperanza dende o galeguismo, mais esa esperanza só durou ata que a censura asolagou as potencialidades deste grupo de intelectuais, que foron duramente criticados pola xove vangarda que capitaneaba Manuel Antonio: "Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos —eles son os devanceiros—.Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos".

Non foi ata que chegou a Segunda República cando se lle outorgou un recoñecemento oficial por parte do goberno estatal, aínda que duraría pouco, pois a Ditadura relegouno a un segundo plano que, malia estar nunha etapa aperturista, só permitía empregalo como unha canción máis parte do folclore patrio. Así e todo, os versos que publicou Eduardo Pondal en 1886 seguen representando, a día de hoxe, gran parte da historia galega que, polo de agora, non se deu a esquecemento.

20 de decembro de 1907

O 20 de decembro de 1907 estreouse na Habana, en Cuba, o himno galego, nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego que pasou a historia como un dos xestos que dende a emigración cubana lle deron o pulo definitivo a esta composición para a súa aceptación como símbolo de Galicia. Por iso, pola importancia deste feito, a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto José Cornide conmemoraron o pasado decembro o aniversario desa estrea cun acto na sede da entidade na Coruña.

A música e o texto do himno foron compostos en 1890. O propio Pascual Veiga pediulle a Eduardo Pondal que escribise un poema para un certame musical do Orfeón coruñés nº4. A partitura gañadora para acompañar os versos de Os pinos foi a de Ivo Gotós, pero non chegou a estrearse nese certamen posiblemente por falta de tempo para ensaiala. A música que finalmente acompañou ao texto de Pondal foi a de Veiga.