Corazón de Artesanía oferta oito cursos de formación en Agolada

Cestería, olería de Buño, tapicería, bordado ou debuxo son as especialidades, xunto cun obradoiro práctico de decoración de mesas

Formación no torno nunha edición anterior. |   // FUCO REYES

Formación no torno nunha edición anterior. | // FUCO REYES

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

A Fundación Artesanía de Galicia abreu onte o prazo de inscrición para os oito cursos de formación especializada que está previsto realizar no marco do XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se vai celebrar do 5 ao 7 de xullo nos Pendellos de Agolada. Cestería, bordado, olería tradicional de Buño, tapicería, debuxo e un obradoiro práctico sobre decoración de mesas son as especialidades ofertadas. É precisa a inscrición previa, que xa se pode realizar a través da páxina web da fundación dependente da Xunta.

Nesta edición destacan os cursos de formación en técnicas tradicionais a través de artesáns reputados e de longa traxectoria nos seus ámbitos. Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía de 2023, impartirá un curso centrado na cestería en espiral empregada tradicionalmente para fabricar pezas para transportar dende alimentos ata auga. Está dirixido a profesionais ou interesados con coñecementos previos.

O Corazón da Artesanía –nome do encontro– acollerá tamén un curso de iniciación á espartería, impartido por Pedro A. Blanco, sexta xeración do obradoiro Ubedíes Artesanía, de Úbeda (Jaén). Os asistentes traballarán con técnicas de trenzado e de cosido do esparto para elaborar unha alfombra e outras pezas con fibras como a pita ou o sisal. A actividade está dirixida a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio.

Tamén relacionado coa cestería está o obradoiro Banqueta encordada con fibras vexetais, a cargo de Belén Martínez, da Casa Atlântica (Redondela), no que rescatará técnicas artesanais de cestería para encordar unha banqueta utilizando fibras vexetais recollidas na súa contorna e con tinguidos naturais. Está dirixido a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da cestería.

Aprender da tradición

Na programación de cursos especializados inclúense dúas actividades impartidas por dous dos docentes que formaron parte do programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta dende finais de 2023 para a renovación e a conservación de técnicas e de oficios tradicionais na artesanía galega. Estelle Bisson,de Atelier Estelle B (A Coruña), impartirá un programa de tapicería tradicional no que amosará dende a colocación das cinchas e resortes ata gornecer a peza para lle dar forma ao asento e a colocación da tea e da pasamanería. Está dirixido a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da restauración e do moble.

Pola súa banda, Antonio Pereira e Luz Díaz, do obradoiro Alfarería Rulo, de Buño, impartirán técnicas tradicionais da olería desta localidade de Malpica de Bergantiños, incluído o levantado e o decorado dunha peza. Os participantes empregarán un torno tradicional e coñecerán o método que os docentes empregan para pintar as creacións, especialmente os pratos tradicionais. Está dirixido a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da olería e da cerámica e conformarase un grupo diferente para cada un dos días.

A artesá Minia Banet, do obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela), dirixirá unha formación de bordado sobre fotografía na que os asistentes empregarán diferentes puntos de bordado para engadirlle cor e textura a fotografías dos Pendellos de Agolada. Para este curso non se precisan coñecementos previos en bordado e participará un grupo diferente para cada día.

Concurso do diario gráfico

Durante toda a fin de semana desenvolverase tamén o Diario gráfico Corazón da Artesanía: Urban sketching. As mans que traballan, un curso orientado a captar o ambiente do evento nos pendellos e retratar o espazo, a contorna e as demostracións dos artesáns en directo a través do debuxo. O domingo pola mañá celebrarase un concurso entre os diarios elaborados e seleccionaranse dous gañadores. O primeiro premio estará dotado con 350 euros e o segundo, cun lote de produtos de Artesanía de Galicia. Esta actividade estará dirixida por Maru Godás, artista afincada en Barcelona.

Amais dos cursos de formación especializada, o venres 5 de xullo celebrarase no marco un obradoiro de decoración de mesas impartido pola directora de arte Rosana A. Agrelo (Pontevedra). Nesta actividade –vinculada ao proxecto Artesanía no prato, que xunta artesanía e gastronomía– os asistentes aprenderán a utilizar dunha maneira práctica e creativa difrentes elementos que lle dan á mesa unha personalidade propia.

Cinco obradoiros gratuitos e abertos a todos os públicos

O Corazón da Artesanía funciona tamén como un espazo de divulgación e de achegamento dos oficios artesanais a todo tipo de públicos, polo que en cada edición deséñase unha programación de obradoiros abertos e gratuítos, que lle permiten aos asistentes iniciarse en diferentes técnicas e/ou oficios. A cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022, dirixirá un obradoiro de cestería colaborativa, no que se creará unha estrutura a través do tecido intuitivo. O artesán Jorge Bellón, de Santo André de Teixido (Cedeira), será o encargado de dar a coñecer a historia das tradicionais figuras elaboradas con miga de pan, os sanandresiños, e de guiar aos participantes na elaboración destas pezas. Sandra Betanzos, do taller Amorote Printing Workshop (Ames), encargarase da actividade estampaxe colectiva e impartirá un obradoiro diferente cada xornada: O venres estamparanse cadernos con selos de Amorote, o sábado personalizaranse avionetas de goma eva e o domingo crearanse medusas con elementos variados con papel e téxtil estampado. Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), ofrecerán un obradoiro de tecido colectivo de tapices nun gran bastidor cúbico. E a actividade de iniciación ao torno cerámico correrá a cargo de varios ceramistas: Nerea Carpente, do taller Peixe Nero (Covelo), Carlos San Claudio (Vigo) e a Asociación Galega da Cerámica e outras artesanías A Escola (Gondomar). O horario de todos estes obradoiros abertos será de 11:30 a 14 e de 16 a 21 horas, e non requiren de inscrición previa.