Entrevista | María José Preciado Pintos Matrona de Forcarei

“Fun moi feliz no meu traballo estes anos, pero sinto que a miña labor xa está feita”

“Para min Forcarei é unha gran familia. Atendín os embarazos de varias xeracións, primeiro ás nais e despois ás fillas, e tamén me gusta moito o equipo que temos no centro”

María José fronte ao centro de saúde de Forcarei.

María José fronte ao centro de saúde de Forcarei. / Bernabé/ Javier Lalín

Os veciños de Forcarei andan tristes estes días. A súa matrona, que a tantos deles veu moverse dentro do ventre da nai cando aínda non saíran ao mundo, xubílase despois de 42 anos no posto. María José Preciado Pintos é natural de Marín. Despois de estudar Enfermería en Santiago de Compostela e facer a especialidade en Málaga, tomou posesión da praza de matrona en este concello de Terra de Montes o 1 de novembro de 1982, á idade de 23 anos, e alí quedou ata agora, cando aos 65 anos di adeus a unha traxectoria profesional cargada de lembranzas, e de algún que outro reto.

–Cando deixa oficialmente a consulta?

–O 23 deste mes é o meu último día, xa non queda moito.

–Vaino botar de menos?

–Dende logo. Eu fun moi feliz no meu traballo, sempre me gustou e sei que o vou botar en falta. Váiseme facer difícil ao principio, pero acostumareime. Sinto que a miña labor xa está feita, e nela empeñeime 42 anos, que se din pronto.

–Case medio século atendendo aos forcaricenses é un longo período de tempo. Cambiou moito o seu traballo dende que comezou?

–Moitísimo, son dous mundos diferentes. Cando eu cheguei aquí eramos tres e atendíamos dende a nosa casa ou nos domicilios dos pacientes, as xiringas fervíanse para desinfectalas, non eran de usar e tirar. En xeral a forma de exercer a medicina e a enfermería eran completamente distintas. Ademais hai que ter en conta que daquela había no concello uns 8.000 habitantes, mentres que agora a penas se roldan as 3.000 tarxetas sanitarias.

–Sempre soubo que acabaría traballando toda a vida en Forcarei?

–En absoluto. Cando cheguei viña para uns meses, pero namoreime do pobo. Alugara un piso antes de virme no que acabei botando nove anos, despois xa merquei a miña propia casa, formei a miña familia... e cando me din conta, levaba máis tempo aquí que no meu Marín natal.

–Que diría que foi o que máis lle gustou do pobo para animala a quedarse?

–A xente. Aínda a día de hoxe, para min Forcarei é unha familia. O trato que temos cos pacientes nun centro como este, ubicado nun pobo con tan poucos habitantes, é moito máis estreito e persoal. Eu atendín embarazos de varias xeracións da mesma familia, primeiro ás nais e despois ás fillas. Pero tamén me gustaba moito o equipo que tiñamos no centro, sempre fomos todos a unha. Se había unha urxencia, todos nos volcabamonos con ela, axudabámonos os uns aos outros.

–Cales son algunhas das anécdotas que lembra especialmente da súa traxectoria?

–As que máis recordo son as do principio. Como dicía, as cousas cambiaron moito dende que empecei a agora. A atención primaria era totalmente precaria, non tiñamos centro de saúde, desprazabámonos aos domicilios dos pacientes nun catro latas, e eu mesmo teño arrancado para o hospital no meu propio coche con embarazadas de parto porque no había ambulancias. Xa non é que nós non tiveramos medios, senón que a poboación en xeral tampouco os tiña. Aquí a maioría era xente do rural, sen coche, sen teléfono... unha realidade que nada ten que ver coa de agora.

–Como reacionaron os seus pacientes á noticia de que se xubilaba?

–Moitos estanse pasando estes días a despedirse, outros venme pola rúa e pregúntanme se xa me retirei e danme a noraboa, ou dinme que me van botar en falta. Eu téñolle moito cariño a toda a xente coa que me topei, tanto compañeiros como aqueles aos que atendín, e fixen todo o que estaba na miña man para levar a cabo un bo traballo e dar unha boa atención. Polo que me fai moi feliz ver que en xeral, o sentimento é recíproco.

–Se tivese que comezar de novo, volvería escoller quedarse en Forcarei?

–Sen pensalo dúas veces, si. Forcarei e a atención primaria foron dúas decisións das que non podería arrepentirme nunca, sinto paixón polo que foi o meu traballo e podo dicir que son das afortunadas que sempre ía ao seu posto chea de alegría. Quizais habería cousas que faría de diferente xeito, pero sempre aquí.

–A unha persoa que está comezando, animaríaa a seguir os seus pasos?

–Si, por suposto. A atención primaria é a porta ao hospital, é crucial para o tratamento dos pacientes e se che gusta a xente e o trato cercano, vai a aportarche unha satisfacción que non se atopa no ámbito hospitalario.

“As nais de agora son nais de libro”

–Fáleme do seu traballo. En que consiste ser matrona?

–Pois a verdade é que hai moito descoñecemento por parte dos pacientes a este respecto. Nun centro de saúde como o de Forcarei unha matrona encárgase de todo o que ten que ver coa muller, non só o embarazo senón tamén a menopausia, realizar citoloxías... e cando fai falta, mesmo cousas que non teñen que ver coa túa especialidade. E, como é lóxico, cando se trata de algo que se escapa da nosa formación, derivamos a especialistas.

–Cambiou a forma de vivir a maternidade dende antes a agora?

–Eu diría que si. Polo que podo observar, as nais de agora son nais de libro, teñen acceso a moitísima máis información sobre a etapa que están vivindo, e todo se pode buscar en Google. Iso ten as súas cousas boas e as súas couasas malas, como todo. Tamén notei que antes se apostaba máis pola xinecoloxía privada mentres que agora parece que repuntan as mulleres que seguen o embarazado dende o comezo pola atención primaria. Como explicaba antes, este é o primeiro eslavón de calquera tratamento e nós facemos sempre fincapé na importancia de vir ás consultas nas primeiras oito semanas para comezar con todo o papeleo.

Suscríbete para seguir leyendo