Silleda convoca o certame de vídeo ‘Presume de lingua’ polo Día das Letras Galegas

Está destinado á mocidade de 14 a 20 anos | Repartirá 350 euros para gastar no comercio

REDACCIÓN

O Concello de Silleda lanza unha iniciativa para conmemorar o Día das Letras Galegas: un certame de vídeos creativos en formato anuncio publicitario para defender a lingua e a literatura galega, promover o uso do galego entre a mocidade do municipio e incentivar o interese por coñecer e difundir máis a figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada neste ano.

Os vídeos terán que ser de curta duración (de 30 a 90 segundos), gravados con móbil ou con cámara doméstica ou profesional. Deberán ser inéditos e non ter sido presentados a outro concurso. A temática ten que estar relacionada coa defensa da lingua galega, a literatura galega contemporánea, a escritora Luísa Villalta e/ou o Día das Letras Galegas. Dáse liberdade creativa á hora de gravar e editar a idea que se queira realizar (ficción, documental, imaxe real, animación, con ou sen voz en off, uso de música...). É preciso que a persoa autora, en caso de que apareza no vídeo, ceda os seus dereitos de imaxe e autorice, asimesmo, a cesión dos dereitos de imaxe das persoas que poidan saír na gravación. Tamén é obrigatorio que o texto escrito e/ou falado sexa en galego.

En canto ao sistema de elección dos tres vídeos gañadores, o 50% será o reconto dos me gusta recibidos nos vídeos participantes que se publicarán na conta oficial de Instagram do Concello. A votación popular será dende o luns 13 de maio ata o mércores 15. A outra metade corresponderá a un xurado profesional, que puntuará criterios coma a creatividade e orixinalidade da proposta; a calidade técnica e audiovisual; a capacidade para promocionar o galego, as letras galegas e/ou a figura de Luísa Villalta; e mensaxe e impacto emocional.

Outorgaranse tres premios consistentes en vales para mercar no comercio local por valor de 200, 100 e 50 euros. Os traballos gañadores daranse a coñecer o venres 17 de maio nun acto aberto ao público organizado polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas.

Prazo de participación

As persoas que queiran participar neste concurso poderán enviar o seu vídeo Presume de lingua ao correo electrónico cultura@silleda.es antes do domingo 12 de maio ás 23:59 horas. En caso de que o arquivo pese demasiado, pódese enviar a través de WeTransfer. Xunto co vídeo, a persoa interesada deberá enviar tamén a solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa participante ou pai, nai ou titor/a legal, no caso de menores de idade. As bases e o anexo que hai que cubrir pódense consultar xa na páxina web municipal.