A orde dos Cabaleiros de Vigo celebrou xuntanza e cocido en Lalín

A igrexa parroquial acolleu o ingreso de cinco novos membros, ao que sucedeu un desfile polo centro da vila e un cocido

Os Cabaleiros de Vigo, diante da igrexa parroquial de Lalín.

Os Cabaleiros de Vigo, diante da igrexa parroquial de Lalín. / Bernabé

Daniel González Alén

O pasado sábado, medio centenar de membros da Orde dos Cabaleiros de Vigo visitaron, por segundo ano consecutivo, a capital dezá para celebrar o seu capítulo anual e degustar o típico cocido lalinense. Logo de chegar en autobús dende Vigo ata capital de Deza, desembarcaron na céntrica Praza da Igrexa, onde os agardaba eu, como cronista oficial de Lalín. Acompañeinos durante toda a xornada, comezando pola igrexa parroquial, onde o párroco de Lalín, Marcos Torres, lles dou a benvida e mostrou o templo e as imaxes que hai cen anos escolleu para o culto o sabio e ilustre sacerdote lalinense, Ramón Mª Aller Ulloa.

Desfile da Orde dos Cabaleiros de Vigo polo centro da vila.  | // D.G.A.

Desfile da Orde dos Cabaleiros de Vigo polo centro da vila. / Bernabé

No mesmo templo parroquial tivo lugar o acto de nomeamento de cinco novos membros desta Orde dos Cabaleiros de Vigo, que dende a súa fundación, no ano 1995, non parou de medrar superando xa na actualidade o centenar de afiliados. Foi o secretario, Antonio Rodríguez Arenosa, quen presentou aos novos cabaleiros aos que lles tomou xuramento o presidente do colectivo, Antonio Puga Teixeira, segundo o tradicional ritual en presenza dos demais afiliados. A continuación, os cabaleiros, ataviados con capa e colar da orde, desfilaron polo Quilómetro Cero de Galicia e polas rúas Loriga, Laxeiro e González Taboada, coas terrazas da hostalería que co bo tempo reinante estaban repletas de xente, aos acordes musicais do grupo de gaitas Os de Mondariz, que acotío acompaña a este colectivo vigués.

A irmandade deu ingreso a novos membros.  | // DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

A irmandade deu ingreso a novos membros. / Bernabé

O autobús levaría logo os directivos e membros da asociación olívica ao restaurante Casa Pablo da Goleta, para dar conta dun espléndido cocido ao que puxo remate, logo das abundantes sobremesas, o grupo de gaitas Os de Mondariz coa interpretación de varias pezas populares e ata boubo quen se animou a cantar.

O cocido celebrouse nesta ocasión na Casa Pablo.  | // D.G.A.

O cocido celebrouse nesta ocasión na Casa Pablo. / Bernabé

Antes de emprender o retorno a Vigo, conversamos co vicepresidente da Orde, Eusebio Prado Fontao, propietario da Cafetería Nuevo Derby de Vigo, nativo da parroquia de Mariz, en Chantada, que xunto a Antonio Brandido, natural da parroquia lalinense de Botos, e Xosé Isaac Aguiar Diéguez, nativo da de Carboentes en Rodeiro, todos eles afincados na cidade olívica, son os promotores desta xuntanza en Lalín, quen manifestou que, logo do bo sabor de boca que lles deixara o cocido e a acollida da xente de Lalín, nesta e na anterior ocasión por estas mesmas datas, a cita lalinense da Orde dos Cabaleiros de Vigo, tería continuidade nos anos vindeiros, ficando incluída no amplo programa de actividades culturais e recreativas que vén desenvolvendo o devandito colectivo vigués.