Bergantiños arrasa no ‘Enreguéifate’, que tamén premia a Vila de Cruces

A peza do Marco do Camballón foi distinguida como a mellor cantada | Concorreron 56 obras

‘Regueifa en Razo’, premio á mellor falada.   | // ENREGUÉIFATE

‘Regueifa en Razo’, premio á mellor falada. | // ENREGUÉIFATE / Marcos Manteiga

Marcos Manteiga

O certamen Enreguéifate, impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo para apoiar a difusión da improvisación oral en verso, xa ten gañadores entre os 56 traballos recibidos. E a de Bergantiños foi unha das comarcas con más podios (cinco), aínda que Boiro, Teo, Santiago ou Vila de Cruces, entre outros, obtiveron premios. A entrega será no Teatro Principal compostelán o 3 de abril, ás 11 horas, e conducirán Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces.

Así, na categoría xeral gañou, entre as regueifas máis bravas, Cumbio do Choque, de Arrieiro e Chaminho (Malpica); a máis aguda, Vai de Voda, da Escola de Regueifa de Carballo; a máis diversa, a Regueifa pola saúde mental, de Teiseiros Regueifeiros (Vigo); a máis reivindicativa, Regueifa de coidar a terriña, de Iván e Aroa (Teo); a mellor cantada, Sempre vida, do Grupo xuvenil da terceira idade de Poio; e a mellor falada, Os deberes, presentada por As da Muiñeira, de Carballo.

Na categoría escolar, a proposta máis brava foi á de Os máis bravos, do CEIP de Bormoio, Coristanco con Queremos moito ás nosas profes; a máis aguda, Regueifando apréndese mellor, de Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba; a más diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do compostelano CEIP Quiroga Palacios, e titúlase O noso Entroido; a máis reivindicativa, a dos alumnos de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro (Boiro), titulada O granulado non é pasado; a mellor cantada, A nosa música na nosa voz, das Regueifeiras do Camballón, do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada aportárona os Regueifeiros de Razo, procedentes do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), e titúlase Regueifa en Razo. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para Todo isto son mentiras, de Noa e Martín, do IES Antonio Fraguas, de Santiago de Compostela.