¿Aparece Ribela no Cancioneiro de Afonso X?

Unha das cantigas de Santa María podería ambientarse nesta parroquia

A igrexa de Santa Mariña de Ribela.

A igrexa de Santa Mariña de Ribela. / nerea couceiro

A Estradense Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela, publicou no último número da Miscelánea un interesante artigo titulado “Esta é como a Santa María de Ribela” sobre a posibilidade de que a parroquia de Ribela saia mencionada nunha das Cantigas de Santa María recollidas por Afonso X o Sabio.

En concreto, a académica fala dun texto recollido no códice F (conservado na Biblioteca Nazionale Centrale di Firenze, Banco Rari 20) co número 77 e no E (J.b.2., do Real Monasterio do Escorial) co número 304. A composición, formada por cinco estrofas– a primeira con notación musical– de catro versos cada unha, que se completan coa repetición do refrán inicial de dous versos. A nivel formal, Brea afirma que a cantiga segue os esquemas do modelo trobadoresco das cobras singulares (diferentes en cada estrofa) e que entraría dentro do esquema rítmico de cuaderna vía se non fose porque a rima do último verso enlaza coa do refrán, o que a converte nunha rima unisonante. Porén, o que cómpre destacar non é tanto o aspecto formal senón o conido. A catedrática expón neste artigo que o texto en prosa que encabeza a composición reza: “Esta é como Santa María de Ribela, non que que arça outr’oyo ant’o seu altar se non d’olivas que seja ben claro e muit’esmerado”.

En primeiro lugar, Mercedes Brea resalta que a patrona de Ribela é Santa Mariña, non a Virxe María. Continúa explicando: “O milagre que conta non ten un protagonista destacado merecedor dunha recompensa pola devoción á Virxe, nin dun castigo por un delito cometido contra ela. Tampouco se coñecen as fontes concretas nas que poida estar baseado, senón que parece un milagre menor”.É dicir, neste caso, o milagre que se narra é que no altar de Santa María de Ribela non se pode arder outro aceite que non sexa o de oliva máis limpo, pois os veciños tentaron empregar outros materiais e a chama nunca prendía no altar da Santa.

Segundo comparte Brea na súa publiación, apoiándose nos traballos de outros estudosos, o propio milagre resulta pouco común e diferente ao patrón do resto de relatos recollidos nas cantigas de Santa María, o que leva a pensar que este chegou á mesa de redacción afonsina– entre outras hipóteses– a través dun trobador da zona, que recolleu o prodixio da tradición oral. De ser así, a estradense plantexa que este puideser Roi Paez de Ribela, se ben tampouco está comprobado que a procedencia deste sexa a parroquia da Estrada.

En xeral, Mercedes Brea chega á conclusión de que dado que Ribela é un topónimo moi extentido no territorio galego e que non se atopa ningún indicio para vencellar a historia narrada na cantiga coa parroquia estradense, non se pode confirmar que sexa esta a patrona deste núcleo da que se fala na composición medieval. Porén, tampouco existen argumentos para desbancar a hipótese, e limítase a manter unha postura prudente e agardar a que máis estudos vertan luz sobre o asunto.

Suscríbete para seguir leyendo