Síguenos en redes sociales:

‘Guernica’ inspira unha reflexión con premio no Pintor Colmeiro

O instituto de Silleda denuncia as atrocidades das guerras sobre a poboación a través dun proxecto recoñecido nun certame da Xunta

Outros Guernicas é o nome dunha iniciativa que desenvolve este curso o IES Pintor Colmeiro, premiada no IX Concurso de Traballo por Proxectos convocado pola Consellería de Educación. O que comezou como unha actividade para o Día da Paz, partindo do cincuentenario da morte de Picasso como motivo para reflexionar sobre a súa obra máis universal e as atrocidades das guerras sobre a poboación civil, foi cobrando dimensión ata involucrar a case todos os niveis educativos, seis departamentos e trece docentes. Como recompensa, obtivo 1.500 euros da Xunta para cubrir necesidades da biblioteca escolar.

Colocación de pezas no crebacabezas.

Todo comezou na biblioteca Xosé Neira Vilas do IES Pintor Colmeiro, en relación cunha das actividades puntuais de calendario que se realizan cada ano. A pretensión da idea inicial era a de traballar para o Día Escolar da Paz o Guernica, as súas implicacións históricas e simbólicas, coincidindo tamén cos 50 anos do pasamento do seu autor, Pablo Picasso. Estes elementos mantivéronse como eixos no proxecto final, que tivo como centro o traballo de investigación sobre diversos acontecementos históricos de masacres de poboación civil no contexto dunha guerra e outros traballos de menor entidade máis vinculados ao cadro en si.

Un grupo de alumnos en pleno labor.

Competencias clave

A actividade principal centrouse en 3º e 4º da ESO, pero acabaron participando todos os grupos de secundaria, algúns alumnos de 1º de Bacharelato e mailos de FP Básica e ESA. O equipo da biblioteca levou a cabo a coordinación xunto co de Dinamización Lingüística e tamén, nunha parte, o Clube da Ciencia. Deste xeito, as competencias clave traballadas foron moitas: desde comunicación lingüística, matemática,ciencia e tecnoloxía ou dixital, ata sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor ou conciencia e expresións culturais.

Traballos no cadro.

A temática escolleuse a partir da reflexión sobre o tratamento da violencia e a guerra nas actividades escolares como “algo pouco vinculado á realidade máis palpable, tentando buscar un fío que permitise unha reflexión ben construída sobre a violencia e a cara máis humana dos conflitos bélicos”, tal como recolle o propio proxecto. “A efeméride dos 50 anos da morte de Picasso brindaba a oportunidade de engadir a esta temática unha dimensión artística e histórica moi frutífera –prosegue a explicación–. De maneira que partimos da imaxe do Guernica, pensando en traballar unicamente o cadro, a súa historia e o bombardeo concreto da vila vasca”. Mais nas reunións preparatorias foron ampliando o foco sobre distintos masacres “para facer unha reflexión máis extensa”. Deste xeito xurdiron as ramificacións que facilitaron a integracións de máis grupos e departamentos dos previstos.

Un rapaz contempla paneis da exposición.

O proxecto foi concebido ao comezo do curso como un traballo de menor dimensión e vinculado a 4º da ESO para culminar o 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e da Paz. “Nas propias reunións preparatorias empezamos a albiscar as posibilidades do tema como proxecto de maior envergadura e a heteroxeneidade do equipo propiciou que se ampliasen os contidos e se implicasen máis grupos, de xeito que o calendario final excedeu co moito ao propio día da paz”, apuntan desde a biblioteca do IES Pintor Colmeiro.

Debuxo do 'Guernica'.

Diversificación

O primeiro paso foi incorporar 3º da ESO á actividade principal. A seguir diversificáronse as outras máis alá da investigación histórica. Incorpáronse debuxo e investigación química e, finalmente, outros ámbitos de traballo vinculados á biblioteca, como o clube de lectura dedicado ao cómic histórico e o Espazo Facedor, de fomento da reciclaxe.

Mesa na Feira da Ciencia.

En canto á documentación elaborada, a principal consistiu en dous pósters por grupo de traballo, un relativo á información sobre un conflito correspondente e outro cun dato asociado a unha imaxe, que servira de pista para a base do crebacabezas. O alumnado de 1º de BAC fixo a parte informativa sobre o Guernica para acompañar, contextualizándoa, a reprodución do cadro. Na materia de inglés (4º da ESO) fixéronse “traballos individuais de ensaio sobre cada conflito traballado cunha reflexión xeral sobre a violencia sobre os civís nas guerras”, explican.

Mesa de traballos manuais.

Matanzas investigadas

En pequenos grupos, o alumnado de 3º e 4º da ESO, ESA e FPB II investigou matanzas de civís en contextos bélicos. Os episodios seleccionados foron as matanzas de Mozote, My Lai, Marzabotto, Oradur-sur-Glane, Katyn, Sudán do Sur, Daoxian, Dresde, Guta, Hiroshima e Nagasaki, Nanjin, Ruanda, Shabra e Shatila, Srebrenica, La Desbandá e, por suposto, Guernica. O alumnado de Física e Química de 4º investigou sobre substancias empregadas nas guerras, algunhas directamente relacionadas cos conflitos estudados.

Un grupo de traballo.

Elaboraron materiais para formar unha exposición conxunta sobre os masacres traballados. Confeccionaron paneis sobre o uso de armas químicas; redactaron pequenos ensaios en inglés; crearon unha imaxe fragmentada do Guernica para a montaxe dun quebracabezas xigante; e realizaron as súas propias versións pictóricas. A reciclaxe estivo presente na elaboración de cadernos conmemorativos da obra de Picasso con papel vello no Espazo Facedor para a Feira de Ciencia.

Panel sobre masacres.

A difusión dos traballos entre a comunidade educativa tivo lugar, fundamentalmente, nos corredores da planta baixa do edificio, mediante a exposición dos pósters e a reprodución do Guernica en formato de crebacabezas. As actividades adquiriron unha maior proxección a través da páxina web Vida no Colmeiro e das súas redes sociais.

Pulsa para ver más contenido para ti