Os Blanco: unha pegada imborrable

Unha extensa colección fotográfica da Guerra Civil, o monolito a Marcial Valladares ou un acto galeguista en pleno franquismo son parte do legado desta familia en A Estrada

A familia Blanco Valdés.   | // CEDIDA POR JUAN L. BLANCO VALDÉS

A familia Blanco Valdés. | // CEDIDA POR JUAN L. BLANCO VALDÉS / .

Unha familia que é “case como un clan”. Así define o estradense Juan Luis Blanco Valdés á estirpe á que pertence. Trátase dos Blanco, un apelido que a poucos estradenses lles é descoñecido, especialmente cando se fala coas xeracións máis senlleiras. Polo xeral, o primeiro nome que vén á mente é o de Mario Blanco Fuentes, alcalde deste concello dende o 1 de agosto de 1959 ata o 27 de febreiro de 1971, é dicir, durante o réxime franquista. Porén, a cronoloxía do seu mandato non define quen era Blanco Fuentes nin a nivel ideolóxico nin como persoa. Moito menos resta valor á pegada que deixou no pobo. Neste sentido, o seu fillo, Juan Luis Blanco Valdés, axuda a verter máis luz sobre este persoeiro, sobre a súa familia e sobre as dinámicas sociais doutrora para reforzar a idea de que nun contexto histórico de represión, medo e escasez, nada é branco ou negro.

A familia Blanco Valdés.   | // CEDIDA POR JUAN L. BLANCO VALDÉS

A familia Blanco Fuentes. | // CEDIDA POR JUAN L. BLANCO VALDÉS / .

“Para coñecer mellor a figura de meu pai hai que remontarse á súa nenez e á súa familia. El era fillo de Mario Blanco Torres e Edelmira Fuentes. Criouse en Cuntis ata que o seu pai, que era xuíz, pediu a permuta para a A Estrada” ,conta o tamén escritor e actual director do departamento editorial da Universidade de Santiago de Compostela, que continúa: “Meu avó era galeguista e republicano, e unha vez se asentou na Estrada pasou a formar parte dunha clase intelectual e aburguesada que compartía estes ideais”. Por este motivo, dende neno, Mario Blanco Fuentes creceu en proximidade a ese sentir da cultura e a lingua galega como rasgos identitarios que coidar e defender.

Seu pai non era o único referente da familia que se movía nesas esferas. O ex alcalde era sobriño de Roberto Blanco Torres, recoñecido xornalista e poeta galego galardoado coas Letras Galegas en 1999. A labor desta figura estivo sempre unida á defensa da República e de Galicia, tanto a nivel xornalístico como literario, e iso costoulle a vida o 3 de outubro de 1936, cando foi fusilado polas forzas franquistas.

Todo isto foi o caldo de cultivo para formar o carácter do que máis tarde sería alcalde estrandese durante case dúas décadas, e que tivo que aprender a moverse entre as conviccións persoais e a tónica política e ideolóxica predominante.

“A meu pai chamouno o gobernador civil de Pontevedra para ofrecerlle o posto no 71, pois coñecéranse loitando no bando nacional durante a Guerra Civil, e el aceptou. Neste sentido hai que aclarar que non todos os que foron ao frente con Franco eran franquistas nin falanxistas, moitos sinxelamente temían as represalias de dicir que non”, explica Blanco Valdés. É precisamente durante este conflito bélico que Mario Blanco leva a cabo un labor de documentación fotográfica da guerra que hoxe en día forma parte do seu inmenso legado, non só para á Estrada (as imaxes dixitalizadas foron doadas ao Museo Reimóndez Portela), senón para o conxunto da sociedade galega.

Unha vez entrou no posto, o seu fillo asegura que o único que importaba para Blanco Fuentes era a mellora do seu pobo: “Había na vila unha pequena burguesía formada por varias familias que se relacionaban entre elas, como eran os De la Calle, os Carbón, os Bastida, os Durán e, humildemente os Blanco, entre outros. En xeral predominaba nesta xente un sentido de pertenza á vila que facía que se buscase o seu crecemento a todos os niveis”.

Algúns dos logros do mandato de Mario Blanco Fuentes foron, por exemplo, a primeira biblioteca municipal, o campo deportivo Coto Ferreiro ou o Instituto de Ensino Medio, ubicado no edifico que hoxe ocupa o Conservatorio e que por aquel entón non existía na meirande parte dos concellos galegos. “Para meu pai foi o gran orgullo do seu goberno” relata Valdés. A el tamén se lle debe gran parte da electrificación do rural e a instalación de casas escolas nestes núcleos. Con todo, quizais máis significativo foi un dos últimos actos que levou a cabo antes de abandonar a casa consistorial.

No ano 1970, no último cuarto da dictadura, outorgóuselle o Día das Letras Galegas ao estradense Marcial Valladares e Mario Blanco non quixo deixar pasar a oportunidade de amosar onde tivo sempre o corazón. Así, case a modo de despedida, instalou un monolito na Alameda na honra ao escritor, que se inaugurou cun acto onde reinaba a bandeira galega, se entonou o himno e se contou coa presenza de peroeiros como Ramón Otero Pedraio, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco e demais integrantes da plana maior da Real Academia Galega. Demostrou así que un non é servo por servir.

Tres xeracións de mecenado literario

Ademais de instalacións e servizos municipais, Mario Blanco Fuentes deixou, como xa se mencionaba anteriormente, un gran legado cultural. Por unha bandam están as referidas fotografías do frente durante a Guerra Civil, pero ademais tamén conta cunha ampla colección de imaxes da propia vila estradense, capturando así a memoria desta. A maiores, o que foi alcalde durante a década dos sesenta contaba tamén cunha faceta de mecenado que se materializou nunha extensa biblioteca con máis de 3.000 exemplares, que recentemente o seu fillo Juan Luis Blanco Valdés donou a arquivos e fondos bibliotecarios galegos. Esta contaba con máis dun século de historia e pasara polas mans de tres xeracións da familia Blanco, comezando por Mario Blanco Torres, seguindo por Mario Blanco Fuentes ata chegar á última, a de Juan. Entre os libros que forman parte dela hai primeiras edicións de autores como Valle Inclán ou coleccións completas de Galdós e Blasco Ibáñez, pero tamén publicacións galeguistas clandestinas de tiradas pequenas, auténticas xoias de coleccionista que foron, na meirande parte, aportación de Blanco Fuentes. Así, esta tradición de defensa e posta en valor da cultura e do galego que comezaron Roberto e Mario Blanco Torres e seguiron xeracións sucesivas, aínda hoxe activas nesta verea, como demostra o traballo de Juan Luis e Roberto Blanco Valdés, coñecidos escritores e columnistas, continúan a poñer A Estrada no mapa destas esferas, pois como o propio entrevistado para este artigo proclama: “Síntome moi orgulloso de pertencer á familia que pertenzo e de terme criado nesa vila que garda os recordos máis dourados da miña infancia”.

Suscríbete para seguir leyendo