O Entroido de Merza repartirá máis de 1.000 euros en premios

O xurado valorará a creatividade e o disfraz artesanal | Haberá un sorteo de productos cárnicos e chocolate para os nenos e nenas

Un neno, ataviado como Xeneral, no desfile de 2023.   | // JOSÉ RAMÓN MOIRE

Un neno, ataviado como Xeneral, no desfile de 2023. | // JOSÉ RAMÓN MOIRE / S.Soutelo

S.Soutelo

A Asociación Cultural Vello dos Cornos, de Merza, xa ten pechada a programación do seu Entroido, previsto para o 4 de febreiro. As actividades comezarán ás 16.30 horas, co desfile pola parroquia das carrozas, as charangas e os disfraces. A organización repartirá 1.150 euros en premios entre os participantes, con tres galardóns para os mellores en cada categoría e a maiores unha mención especial de 200 euros. Así, en carrozas haberá 200 euros para a mellor, 150 euros para a segunda e 90 para a terceira. En grupos colectivos, as gratificacións serán de 180, 100 e 80 euros, e para os disfraces individuais, de 70, 50 e 30 euros. O xurado terá en conta a orixinalidade, a creatividade e o disfraz artesanal.

Tralo desfile, ás 17.30 horas terá lugar o Alto dos Xenerais, no que ademais do enfrontamento verbal haberá o discurso dos mouros, o repaso do escribano e o sermón do frade. Estará amenizado pola charanga BB+. Ao remate da xornada, vaise sortear un conxunto de productos cárnicos para o 2025, e ademais haberá chocolate con churros para todos os nenos e nenas que acudan á xornada.

Para a organización do Entroido de Merza, Vello dos Cornos conta coa colaboración do Concello de Vila de Cruces e máis de Xenerais da Ulla, un colectivo no que se integran 8 concellos de Pontevedra e da Coruña que conservan reminiscencias no seu Entroido do paso das tropas de Napoleón por terras galegas. Así, ademais de Vila de Cruces, tamén forman parte desta asociación Silleda, A Estrada, Boqueixón, Santiago, Teo, Touro e Vedra. No seu perfil da rede social Facebook, Xenerais da Ulla publicará en breve o calendario con todas as celebracións destes oito municipios. Merza ten un dos entroidos máis madrugadores, xunto ao de Lamela, en Silleda.

Festexos perdidos en Gres

A primeira documentación que se ten deste entroido ribeireño do Ulla é da segunda metade do século XIX, da man do politico santiagués Alfredo Vicenti, como indica dito colectivo. Antano, tamén había tradición en Gres e Ledesma, así como en Brandariz.