Entrevista | Paulo Vicente Monteagudo Reelixido presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo

“O COVID pasou; o dos eólicos é un sufrimento que non cura, non pasa e non ten vacina”

Os veciños de Sabucedo confiaron de novo na súa directiva para loitar polo benestar desta Festa de Interese Turístico Internacional

Paulo Vicente, no primeiro 
curro do ano en Sabucedo, en
 xullo.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Paulo Vicente, no primeiro curro do ano en Sabucedo, en xullo. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Nestes días de Nadal, os veciños da parroquia estradense de Sabucedo tiveron eleccións. Ao longo das xornadas do 23, 24 e 25 de decembro foron ás urnas para escoller á persoa que, na aldea da Estrada máis coñecida e internacional, é un referente en maiúsculas: o presidente da Asociación Rapa das Bestas, chamada a coidar e loitar para perpetuar unha tradición ancestral que foi recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. Son catro anos de traballo os que Paulo Vicente Monteagudo ten por diante, agora coa experiencia doutros catro que tiveron un chisco de todo: dende unha Rapa en plena pandemia ata uns tempos nos que os de Sabucedo “aloitan” tamén fóra do curro para defender que montes da cabana do Santo se manteñan coma sempre os coñeceron estes cabalos salvaxes.

–Catro anos máis despois dun primeiro mandato de todo menos habitual...

–A verdade é que si. A pandemia primeiro e aquela Rapa rara na que había que controlalo todo e poñernos ao día como asociación coas medidas e, despois, os eólicos. A verdade é que foi un mandato diferente.

–Afronta o que agora inicia con enerxía?

–Si. É que non queda outro xeito de tomalo. Esta festa, ou a levamos adiante con enerxía... ou senón me parece que nos leva ela a nós.

–Estes últimos foron catro anos intensos, como recoñece. Sobre todo, tempos con moitas cousas novas. Como vía a asociación cando colleu as súas rendas e como a ve agora que revalida o cargo?

–A asociación non cambiou moito porque viña de estar Henrique Bazal –que continúa– e a forma de traballar e as idea xerais mantivéronse. Vendo que as cousas funcionan, pois tampouco se vai variar moito. Temos que actualizarnos nalgunhas historias pero a liña de traballo, máis ou menos, estaba sendo a mesma. Todo o traballo que se fixera na directiva de Henrique axudou a que iso fose así.

–E a situación da cabana do Santo e da propia festa?

–Está claro que a Rapa ten dous parámetros diferenciados: a primeira fin de semana de xullo e o resto do ano. No que é a Rapa como festa, buscamos que houbera máis contidos culturais e actividades de día e, no tocante ás bestas, que baixaran as máis posibles para a rapa. É difícil, porque iso depende moito de como están elas, do ano meteorolóxico e de como estea o monte. Para que elas cheguen ben á festa hai que traballar todo o inverno e ese é o traballo duro de verdade. Aí as dinámicas tamén foron as mesmas: vixilancia, control, sacalas de zonas nas que poden entrar en fincas privadas e manter o control sanitario máis estrito posible. Tampouco hai moito que se poida variar neste sentido. Se hai que cambiar algo é extremar as precaucións e mirar polas bestas no senso de que as enfermidades que teñen estean controladas e a situación do pasto sexa a correcta. Poucas voltas máis lle podes dar.

–Cal é a situación actual nos animais no monte?

–Pois levamos uns meses nos que está habendo bastantes baixas. As chuvias de outubro e novembro machacáronas bastante. E, ademais, está habendo bestas que perecen e que non é por fame. Debe de haber aí algún tipo de enfermidade ou algo. Nós achacámolo á esa enfermidade do carracho que hai e estamos botándolle desparasitante cando as collemos no inverno. Despois, tentar que as condicións da súa vida melloren, que estea todo desbrozado e teñan pasto. Se hai que darlle algún complemento a algunha recollela e tela uns días dándollo... ese tipo de cousas.

–De cantos cabalos podemos estar falando na actualidade?

–Nesta Rapa vixeron máis de 320, así que debemos andar nas 400. Pero está o tema do que falamos sempre: seguen desaparecendo animais e hai que ir compensando. Hai anos de máis nacementos. Máis ou menos estamos nesa liña. É difícil ter máis animais e subir. É unha situación que custa regular.

–Cales son os retos de futuro para Rapa das Bestas?

–O reto, dende logo, está no tocante ás bestas. Queremos ter máis animais e iso conleva comprar animais que teñen que estar moi ben seleccionados para que cumpran as características do Cabalo Galego de Monte, que para nós é moi importante. Haberá que facerse con bestas, haberá que mirar polo seu coidado para que a súa reprodución poida ser alta e iso nos leve a ter máis animais e, despois, o que temos claro na asociación: non queremos moitísima xente en Sabucedo o día da Rapa; o que queremos é que a xente que veña teña un interese polo noso patrimonio, polas nosas bestas, pola nosa forma de facer as cousas...que se integre na festa, que vaia ao monte a buscalas, que entendan a nosa forma de traballar. Non tanto ter xente por ter xente. A idea de que moitas veces menos é mais.

[object Object]

–No se primeiro mandato como presidente da Asociación Rapa das Bestas toucoulle ‘aloitar’ cunha pandemia e contra os muíños de vento. Contra cal deles custa máis?

–O COVID trouxo moito sufrimento para a xente e moito medo. O ano que fixemos a Rapa no monte fin de semana a fin de semana supuxo moitísimo traballo. Ese verán foi de tolos. Iso solventouse: os animais foron identificados e saneados. Houbo xente que sufriu moito pero iso pasou. O dos eólicos é como un sufrimento que tes enriba que non cura, non pasa ni ten vacina. Cando parece que das un paso para adiante e o TSXG di que vai paralizar cautelarmente algo e, de alí a 15 días, o Tribunal Supremo di que non fan falta eses informes que solicita o TSXG das un paso para atrás. Ves como a administración, tanto autonómica como nacional, non fai moito por que certas queixas, que entendemos que son honrosas e honradas, se materialicen nas declaracións e non dicir cousas como que ‘parece que é máis fácil parar un parque que levalo adiante’... Cando ves que as medidas que se toman por parte da administración é darlle a todo para adiante, sen mirar a individualidade de cada parque, vendo o que pode pasar para cada cousa ou por que se queixa verdadeiramente a xente... Cando ves que estás só ante o mundo... pois é unha loita que non cesa, que non che dá perspectiva de cambio. Sofres.

–Mantén a esperanza no caso do parque que máis lles afecta, o de Campo das Rosas, paralizado cautelarmente polo TSXG?

–Esperanzado si, porque o que saíu do TSXG referíase ao recurso de Ecoloxistas en Acción que falaba dun aspecto administrativo. A Rapa das Bestas tamén fixo o seu recurso, que vai máis enfocado na defensa do patrimonio natural e animal e que a declaración que xa está en movemento como Ben de Interese Cultural Inmaterial pode facer que se teña e conta, porque pillará un pouco de camiño xa que os procesos estanse ralentizando ao ir ó xulgado. Tamén queda o recurso do Concello da Estrada, xunto co de Cerdedo-Cotobade. Nós temos esperanzas de que aínda teñen que saír outras sentenzas que se teñen que manifestar noutras cousas.

Suscríbete para seguir leyendo