Lionel Rexes gaña o Neira Vilas de novela curta

O xurado suliña a estrutura narrativa armada ao redor das relacións dos personaxes de “Nove lúas”

Redacción

O xurado da oitava edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu por unanimidade concederlle o galardón á obra Nove lúas, de Lionel Rexes Martínez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado polos membros da Fundación Xosé Neira Vilas Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, así como polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.

O galardón entregarase o venres 3 de novembro, ás 19.00 horas, nun acto público na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) coincidindo coa conmemoración do Día da lectura e, con este motivo, farase unha lectura pública da poesía de Xosé Neira Vilas e da súa compañeira de vida, Anisia Miranda. O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do traballo seleccionado en Edicións Embora. O obxectivo deste certame, dirixido ao público infantil e xuvenil, é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo que lle permitan achegarse ao sempre “engaiolante” mundo da novela.

O xurado argumentou, a propósito da obra gañadora, a estrutura narrativa armada ao redor das relacións dos personaxes e de como deben enfrontar as opcións vitais e laborais en contextos de gran dificultade. Sobre o pano de fondo da guerra civil, destaca a vontade de estilo que impregna todo o relato.