En Asorei os ramistas tocan a campá e sacan os santos

Nun monte desta cativa parroquia de Vila de Cruces, hai un curioso círculo pétreo que os paisanos teñen por un castro

Daniel González Alén

A parroquia de Santa María de Asorei é, xunto coas de Arnego e Portodemouros, das máis cativas en extensión e en habitantes do concello de Vila de Cruces. Ningunha delas chega ao medio cento de habitantes e no caso de Asorei, repartidos en dous lugares que son unha única entidade de poboación. Malia ser poucos veciños, non renuncian a facerlle festa á Virxe dos Remedios e Santo Antonio de Padua en dúas xornadas, con celebracións tan divertidas e participadas coma calquera outra festa que se prece na comarca dezá. Aquí os ramistas fan de todo, dende pedir as coutas, poñer os carteis, atender o bar, contratar todo, pedir os permisos, tirar os foguetes e ata tocar as campás ao tempo que levan aos santos en procesión.

Este ano, adiantaron a festa que viñan celebrando o 8 e 9 de setembro á fin de semana anterior, para evitar dise xeito coincidir con moitas festas dos arredores. Nas dúas xornadas houbo misa solemne con procesión coas imaxes da Virxe e o santo milagreiro, e despois sesión vermú que amenizou a charanga Karakolas o sábado e a charanga Kilómetro 0, o domingo, cunha única verbena, que o sábado correu a cargo do dúo Dunas.

A igrexa de Asorei é un templo de pequeñas dimensións, malia que a mediados do século XVIII o arcebispo de Santiago, o dezao Cayetano Gil Taboada, deixara en testamento os cartos precisos para ampliar a antiga da que, logo dunha reforma posterior, queda a sinxela espadana barroca con pináculos, os restos da mesa do altar que agora fai de piso no exterior da entrada principal, dúas pías de auga bendita que na actualidade serven de maceteiros e unha columna que se usou para o púlpito e agora, a falta de retablo, fai de soporte da imaxe da Virxe dos Remedios, que é das de vestir e ten a un outro lado as de Santo Antonio e San José, e na parte superior a de Cristo Crucificado, todas elas de nova factura.

Dende hai un par de décadas Patrimonio ten catalogado na parroquia un curioso círculo pétreo que algúns investigadores comparan cun henge británico, e que os paisanos din que é un castro, sinalando coma en tantos outros de Galicia, que o fixeron os mouros. O lugar na aba da Serra do Carrio, no monte pertencente a esta parroquia coñecido coma O Coto, apréciase con claridade un círculo de pedras de cachotería a modo de muralla duns 50 metros de diámetro e aínda se poden ver restos doutro círculo concéntrico duns de 100 metros de diámetro, atravesado dende hai anos por unha liña de alta tensión a beira dun camiño que dende o depósito da traída de augas, vai cara a cima do Carrio (Coordenadas X-568.423, Y-4.733.329).

Pode ser un deses círculos pétreos que agora comezan a asomar en Galicia ou un castro a medio facer ou a medio desfacer, do que os paisanos din que os moitos e bos canteiros que houbo na parroquia levaron pedra para outras construcións. Non se ten escavado nel e non temos noticias de achádeos casuais neste enclave. Dase o caso que no outro extremo da Serra do Carrio, nos montes pertencentes aos veciños de Bermés e Val, do municipio de Lalín, hai outro círculo pétreo semellante, no que se están realizando escavacións, sen que polo de agora permitan coñecer detalles que avalíen a antigüidade e utilidade destas construcións que se teñen por prehistóricas.

Polo demais, nesta pequena parroquia hai varios muíños de boa cantería e a única casa de labregos podentes e cregos é a de Montoto, con grande balconada, hórreo de tres claros e ata un ben labrado cruceiro. Outra vella construción con forno interior, serve de local social aos veciños que loitan por manter a identidade desta parroquia da que saíu o senlleiro apelido de Asorei, e na que os antigos habitantes do país deixaron un campo de mámoas nos lindes coa parroquia de Oirós. Terras que malia manter unha ampla cabana gandeira e mellorar as súas comunicación e servizos nos últimos tempos, esmorecen en habitantes, sen que ninguén por desgraza, lle atope remedio.

Suscríbete para seguir leyendo