Mercedes Peón e Leilía, cerna musical do Corazón da Artesanía

Zumaque, Galifunk, Cantigas e Agarimos e Bico da Balouta completan o cartel do 7 ao 9 de xullo

Mercedes Peón con Ana Fernández e Mónica de Nut, nunha imaxe promocional de ‘Déixaas’.

Mercedes Peón con Ana Fernández e Mónica de Nut, nunha imaxe promocional de ‘Déixaas’.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Mercedes Peón, Leilía, Zumaque, Galifunk, Cantigas e Agarimos e Bico da Balouta conforman a programación musical do Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que organiza a Xunta de Galicia nos Pendellos de Agolada os días 7, 8 e 9 de xullo.

A primeira actuación será o venres ás 22:00 horas na Praza do Concello, a cargo de Zumaque, unha formación integrada por tres músicos afincados en Santiago de Compostela: a arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica; o contrabaixista Alfonso Calvo, vencellado a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas; e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, sempre vinculado á música tradicional galega. Propoñen un percorrido renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación.

O sábado, día 8, tamén na Praza do Concello, haberá tres propostas diferentes: Mercedes Peón, a partir das 13:30 horas, presentará o seu traballo Déixaas, acompañada sobre o escenario de Ana Fernández e Mónica de Nut. Ás 22 horas será o turno de Galifunk, un grupo de músicos galegos que xorde inspirado polas brass bands americanas, buscando romper coas pautas do clásico e facer as súas propias versións de temas de estilo disco, funky, R&B... que van desde os anos 70 ata a música máis actual. Tamén o sábado (18:30) está previsto un pasarúas no recinto dos Pendellos a cargo da agrupación tradicional Bico da Balouta, de Agolada.

O domingo será a quenda de Leilía, que actuará na Praza do Concello en sesión vermú (13:30), para presentar o seu derradeiro traballo, Vidas cantadas. A programación musical do Corazón da Artesanía pecharase cun desfile e unha actuación da agrupación de música tradicional Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, que terá lugar o domingo a partir das 18:30 horas, na mesma praza consistorial.