¿Hai que desfacer Pozo do Boi?

Hai dúas opcións antagónicas: Continuar a desfacer o que o río fai ou restaurar o espazo, eliminando toda a “formigonada” do río, e construindo unha ou dúas piscinas laterais

Vista da praia fluvia no ano 2018, antes da destrución do cono torrencial existente

Vista da praia fluvia no ano 2018, antes da destrución do cono torrencial existente / Antonio Presas

Antonio Presas

Hai que desfacer Pozo do Boi resulta unha afimación que ten un doble sentido e, segundo se interprete, da lugar a dúas situacións completamente diferentes.

En primeiro lugar, o que debemos ter en conta é que a zona de Pozo do Boi é desde sempre, en especial nestes últimos miles de anos (Holoceno), un espazo sedimentario na que os materiais desgastados, redondeados (pelouros, pelouriños, areas...) son arrastrados pola erosiva rede fluvial do alto Deza, o que nace e se forma na Serra do Candán e Montes do Testeiro, ata que chegan, logo de recorridos varios quilómetros, a un fondo de val aplanado, neste caso A Veiga, topónimo que fai referencia ao espazo comprendido entre Pozo do Boi e a ponte vella da estrada Lalín-Laro (PO-534).

Pois ben, o sitio onde empeza a zona de acumulación dos arrastres que primeiramente sedimentan é denominada, tecnicamente, “zona proximal”, e coincide exactamente con Pozo do Boi. Este punto é o máis activo e dinámico de todo o “abano aluvial” (tamén denominado, de forma máis impropia, “cono torrencial”), un lugar que, de forma acertada, foi empregado, tradicionalmente, como zona de baño polos habitantes da parroquia de Vilatuxe, nunha época na que, individual ou conxuntamente, as parroquias tiñan zonas comúns de baño en varios ríos.

En Pozo do Boi pasouse dunha zona de baño, case exclusiva, dos habitantes de Vilatuxe a unha municipalizada e completamente apropiada (masa común), logo da concentración parcelaria, polo Concello de Lalín, que é quen xestiona, agora, ese espacio por moi ben ou por moi mal que lles pareza aos veciños da parroquia.

Pozo do Boi na actualidade, con síntomas de recuperar a súa forma logo das enchentas do inverno.

Pozo do Boi na actualidade, con síntomas de recuperar a súa forma logo das enchentas do inverno. / Antonio Presas

Na realidade, a xestión que fai o Concello de Lalín en Pozo do Boi afecta a espazos de ribeira e métese plenamente na zona de “dominio público hidráulico”, un lugar preservado, legalmente, pola “Lei de Augas”. A artificial zona de baño de Pozo do Boi foi construida dentro da canle fluvial do río Deza, en concreto, sobre un “cono torrencial” activo, polo que estamos ante unha obra invasiva, de carácter, esencialmente, ilegal. Por causa desa ocupación apareceron unha serie de problemas que o Concello tenta solventar, de forma puntual, levando a cabo traballos de remoción dos sedimentos acumulados no abano aluvial, empregando maquinaria pesada, que se introduce en pleno leito fluvial, como sucedeu no mes de xuño do ano 2021. Loxicamente, a Consellería de Medio Ambiente, se quere cumprir escrupulosamente coas propias normativas que emite e debe facer cumprir, non pode autorizar tales actuacións a non ser por medio dunha Declaración Responsable (DR), na que a persoa ou entidade solicitante se fai responsable da actuación e das súas consecuencias, é dicir, unha forma evidente de lavarse as mans e quedar ben ante os administrados.

Cono torrencial arrasado en 2021 con maquinaria no río. | // FOTOS: ANTONIO PRESAS

Cono torrencial arrasado en 2021 con maquinaria no río. | // FOTOS: ANTONIO PRESAS / Antonio Presas

De todas formas, o Concello de Lalín, non satisfeito pola actuación de xuño 2021, acaba de aprobar, na xunta de goberno do 9 de maio, a proposta do concelleiro de Medio Ambiente, unha premeditada forma de actuación para solicitar autorización de retirada de sedimentos acumulados no “abano aluvial” de Pozo do Boi, co inxenioso pretexto de que unha obra que se realiza nun medio natural, aínda que este se atope en plena Rede Natura 2000, ten prevalecencia sobre o propio medio, como se tratara de un dereito divino. A zona de baño de Pozo do Boi alterou as condicións físicas do lugar, tivo unha repercusión xeomorfolóxica evidente e alterou a circulación hidrolóxica do río, e todo iso queda subxugado ás normas que quere impoñer, de forma antinatura, o Concello de Lalín, por moito que se aprobe, por unanimidade, nunha comisión de goberno.

Vella areeira

En resumidas contas, o cono torrencial de Pozo do Boi leva varios centos de anos activo, en condicións moi parecidas ás actuais, e non foi obxecto de agresión polas actividades humanas ata a década dos anos 70, cando se instalou unha areeira, que estivo a funcionar durante uns cuantos anos, para extracción de gravillas, que se empregaron na elaboración de formigón. Esa actividade, permitida coa vella lexislación, pasou a ser “non permitida” desde a aprobación da Lei de Augas (1985) e regulamentos posteriores, polo que calquera actividade extractiva nun curso fluvial precisa de autorizacións específicas.

Pois ben, a extracción de áridos en Pozo do Boi foi unha actividade de carácter temporal e, unha vez interrumpida, a zona quedou bastante alterada (destrución parcial da ínsula formada por acumulacións aluvionares), pero as modificacións realizadas na canle, desde a década dos anos 90, polo Concello de Lalín, para transfromar esta zona en “praia fluvial” empregando formigón, en abundancia, e construindo muros laterais na marxe fluvial, alteraron de forma sustancial as condicións do lugar. O proceso sedimentario continuou activo e única forma manter o espazo de baño libre da invasión de arrastres foi o de “desfacer o que o río facía”, é dicir, actuar contra natura. Esta actuación contra natura foi considerada como a única forma posible para manter a zona de baño libre de sedimentos (areas, pelouriños, pelouros, etc.) e así se fixo ata o de agora, pero o que aprobou o goberno o 9 de maio chega ao colmo dos despropósitos, porque se recoñece que existiu un cono torrencial ata que se construiu a praia fluvial e que deixa de ser cono torrencial por causa desa construción, pero que voltará a selo se non se sacan os sedimentos. Non se pode rizar máis o rizo, para non demostrar nada.

Pozo do Boi debe voltar a ser o que sempre foi. Así que de cara o futuro non queda máis remedio que adoptar dúas posturas case antagónicas:

  • Continuar co programa de actuacións aprobado, que consiste en desfacer o que o río fai. Esta actuación, a maiores de ser un traballo antinatura, debido ao seu carácter cíclico, require actuacións constantes e frecuentes, tamén resulta costosa e polémica.
  • Restaurar Pozo do Boi, eliminando toda a “formigonada” que se meteu no río e reconvertelo ao seu estado orixinal. Para que esa zona manteña o seu uso como área recreativa fluvial habería que construir unha ou dúas piscinas laterais, separadas da canle fluvial, unha na parcela 199 (marxe dereita) e outra, de ser necesario, na parcela 179 (marxe esquerda), segundo a recente concentración da parroquia de Vilatuxe. Ao mesmo tempo, unha vez restaurado Pozo do Boi, continuaría a prestar a súa función como zona de baño natural, como fora habitual no pasado. Antes de realizar todo isto sería convinte contar coa opinión dalgún xeógrafo físico, hidrólogo, xeólogo... Actuando desta maneira recuperaríase a zona de Pozo do Boi, que pasaría a ser recoñecida como punto de interese xeolóxico e melloraríase, sustancialmente, a zona de servicio público. Nunha linguaxe pouco “ortodoxa” sería como matar dous paxaros cun só tiro.

Suscríbete para seguir leyendo