O neno que quixo ser alcalde

Os candidatos á alcaldía da Estrada comparten as súas memorias da infancia e revelan os motivos detrás da súa andaina política

De esquerda a dereita: José López cando tiña 7 anos; Luiz López Bueno de rapaz, xogando na súa casa; Mar Blanco con 11 anos, nun verán coa familia; e Xoán Reices traballando na horta da súa casa.

De esquerda a dereita: José López cando tiña 7 anos; Luiz López Bueno de rapaz, xogando na súa casa; Mar Blanco con 11 anos, nun verán coa familia; e Xoán Reices traballando na horta da súa casa. / FdV

Achéganse as eleccións municipais e os catro candidatos á Alcaldía de A Estrada, José López Campos (PP), Luis López Bueno (PSOE), Mar Blanco Casais (Móvete) e Xoán Reices Villar (BNG), amosan nunha conversa con FARO o seu lado máis persoal falando de anécdotas da infancia, o que os levou a meterse en política e sobre todo, como conquistarían o voto deses cativos que un día foron.

"Quero completar o noso particular 4x4, aínda quedan ideas por executar"

José López Campos

— Candidato do Partido Popular

O actual alcalde de A Estrada e candidato para as municipais deste 28 de maio, José López, escolleu esta foto de cando era cativo polos recordos que lle trae da infancia. “Se non lembro mal, debía ter sete anos e nesa época estudaba no colexio do Foxo, onde meu pai daba clase, e vivía na Avenida de Pontevedra. Os recordos que teño son de ser un neno absolutamente feliz, xogando todo o día na rúa con outros nenos da Avenida de Santiago e da contorna do ambulatorio vello”, di.

O cabeza de lista do PP confesa que decidiu presentar a súa candidatura unha vez más “porque como di o lema da campaña, quero completar o noso particular ciclo 4x4” afirma. “É dicir, catro mandatos de catro anos para acabar de desenvolver o proxecto de transformación e modernización da Estrada que comezamos en 2011” aclara. Continúa explicando: “penso que nestes tres mandatos anteriores xa conseguimos darlle un pulo importante ao concello, tanto no núcleo urbano como no rural, pero aínda nos quedan proxectos por finalizar e ideas novas por executar”. Para ilustrar, algunhas das propostas que espera levar a cabo de continuar no goberno unha lexislatura máis, sinala: “aí están a autovía ata O Rollo, a ampliación do Polígono de Toedo, as pistas de atletismo, o novo edificio xudicial...etc”. En xeral, Campos prevé que “en 2021 A Estrada vai estar aínda bastante mellor que agora”.

Nestas semanas toca convencer a moita xente, mais, que se diría a si mesmo como neno para ganarse o seu voto? “pediríalle que me diga dende a súa perspectiva que bota en falta na Estrada. Ás veces, da sinceridade sen filtros dos nenos saen grandes ideas. E, en todo caso, que lle pregunte a seu pai ou súa nai e que lles faga caso”, declara o candidato do PP á reelección.

"Para nós un neno como o fun eu é unha prioridade, mentres que para o PP non"

Luis López Bueno

— Candidato do Partido Socialista

Luis López Bueno repite candidatura co PSOE para a Alcaldía da Estrada, sendo estes os segundos comicios aos que se enfronta como portavoz e cabeza de lista do partido. Falando de por que decidiu escoller esta instantánea da súa infancia, responde : “é unha foto que gardo con moito cariño”. “Estaba xogando co meu irmán, como todos os días, pero nesa ocasión tiñamos un xoguete novo. A foto sacáraa miña nai, que traballaba na casa para un taller da Estrada. Daquela viviamos na Avenida de Pontevedra e cando meus pais colleron a taberna de San Miguel de Castro, xa xogabamos fóra todo o tempo. Tiven unha infancia moi normal, como calquera neno que medrou na aldea”, lembra.

En canto ás razóns que o levaron a presentar unha vez máis a súa proposta estima que o PSOE ten “un proxecto que ofrecerlle aos veciños e veciñas”. “Agora mesmo o PP deixa un Concello que perde poboación, que perde peso económico, mais non fixeron nada para resolvelo. Nós temos un plan para poñer a andar á Estrada e temos o mellor equipo para levalo adiante, mentres que os populares nos deixan uns datos moi negativos e non ofrecen nada ilusionante para o futuro”, di. Para Bueno “é necesario cambiar, xa son moitos anos do mesmo”. Neste sentido, afirma: “nós queremos un polígono industrial que sexa referencia do norte de Pontevedra, queremos que se poida construír nas parroquias, que haxa máis servizos e ter un rural do século XXI. Ese é o noso proxecto e ímolo levar adiante contra vento e marea”.

Que lle diría o candidato socialista a un neno como foi el para pedirlle o seu voto? “Para nós ese neno é unha prioridade, mentres que para goberno actual, só hai que mirar a precariedade dos parques infantís e das zonas de xogo”.

"Estou en política para traballar por unha A Estrada próspera, con oportunidades"

Mar Blanco Casais

— Candidata de Móvete

Mar Blanco Casais encabeza a lista de Móvete para as eleccións do 28-M e ten as súas razóns: “Quero dar solucións ás principais problemáticas que ten a veciñanza; os veciños e veciñas precisan políticos que dean resposta ás necesidades reais, non que se escuden con excusas de mal pagador. Estou nisto para traballar para que A Estrada sexa un Concello máis próspero, con máis oportunidades, e para incrementar o benestar social dos e das estradenses a través da creación de servizos públicos, como por exemplo sería a construcción dunha residencia municipal”, sinala.

Blanco confesa que se decantou por esta foto da infancia porque non ten moitas e esta recórdalle aos veráns de cando era nena. “Tiña once anos e fíxoma un primo que vive en Barcelona e que todos os veráns viña cos meus tíos de vacacións á Estrada. A min encantábame que viñeran, porque me levaban con eles a visitar lugares da localidade aos que meus pais non me soían levar”, lembra. “Recorriamos os xardíns do Pazo de Oca, visitabamos a Torre de Guimarei, a ponte colgante de Couso... tamén nos xuntabamos co resto da familia e faciamos comidas de domingo todos xuntos na Caballeira”, relata.

En este sentido, Mar non esquece o que é ser unha nena e pensa que, se tivese que gañar o voto desa cativa de 11 anos, faríalle saber que está a o seu carón.“Diríalle que me ten para escoitala, para comprendela e para poñerme ao seu servizo, para axudala a ter as necesidades básicas cubertas, máis alá de vivir nun fogar digno e do dereito á educación pública, pode contar comigo para colaborar dende o Concello nunha formación complementaria que teña por obxectivo vivir nunha sociedade máis xusta”.

"Preséntome porque quero que a xente recupere as ganas de quedarse aquí"

Xoán Reices Villar

— Candidato do BNG

Xoán Reices Villar estréase este ano nas eleccións e faino como candidato de Bloque Nacionalista Galego. O motivo que o levou a dar un paso á fronte e presentarse á Alcaldía é, segundo indica, que quere “mellorar a situación do noso concello, que a día de hoxe é crítica, e así axudar á xente a estar como se merece”. Nese sentido, comparte que desexa ser alcalde “porque é unha pena que con todas as cousas boas que temos aquí, cada día sexamos menos e con peores servizos”. “Quero que a xente recupere as ganas de quedarse aquí e facer cousas na Estrada, que non se vexa na necesidade de marchar para desenvolverse persoal ou profesionalmente”, sostén.

En canto á foto que escolleu para esta reportaxe, Reices explica: “está sacada na eira da miña casa, mentres faciamos as presas de rego para a horta. Crieime no rural e sempre fun unha persoa con sentido do humor. Ambas cousas penso que están ben representadas nesta imaxe. Ademais, coa camiseta da festa do escalo, representando unha das cousas que máis me marcou na miña vida: a xente de Couso”.

Finalmente, o candidato do BNG ten claro o xeito de gañar o voto dun rapaz como o desta foto: “diríalle que mire ao seu arredor e que pense se é posible facer mellor as cousas; que faga un esforzo por non deixarse enganar, porque van tentar facelo, e que esté atento, que escoite a todos, pois niso consiste ter unha visión crítica. Por último, que se sinta moi orgulloso do seu e respecte o dos demais”, sentenciando así que “seguramente, despois de facer isto, xa se convenza el só”.

Suscríbete para seguir leyendo