“¿Por que se presenta ás eleccións?”

O CEIP de Piloño entrevista no seu programa de radio escolar aos candidatos á alcaldía, agás o actual rexedor, que delega en Julio López | Os políticos expoñen as súas medidas para arranxar o centro ou reorientar o de Merza

Julio López, Manuel Souto, María Manteiga, Jesús Otero e Álex Fiuza, durante a mesa redonda que moderaron os docentes Manuel Casares e Lorenzo Pérez, despois das entrevistas que lles fixeron os estudantes a cada político.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Julio López, Manuel Souto, María Manteiga, Jesús Otero e Álex Fiuza, durante a mesa redonda que moderaron os docentes Manuel Casares e Lorenzo Pérez, despois das entrevistas que lles fixeron os estudantes a cada político. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / salomé soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Unha ducia de preguntas sobre o programa electoral, un test centrado en afeccións persoais e unha mesa redonda na que abordar as iniciativas para fixar poboación en Cruces, as posibilidades dun goberno de coaliación ou as reformas que precisan os dous centros educativos do municipio. Este era o contido do programa de “Radio Cerdeiriñas”, un proxecto escolar do CEIP de Piloño que onte tivo como protagonistas a cinco políticos cruceños, pero tamén a cinco nenos e dúas nenas de quinto e sexto cursos de Primaria, encargados de elaborar o cuestionario e de entrevistar, por parellas, aos catro candidatos e máis a Julio López, que acudiu ao centro na ausencia do líder de Xuntos e actual alcalde, Luis Taboada.

Por iso, as preguntas variaban segundo o entrevistado. Así, Hugo Riádigos e Uxía Varela preguntáronlle ao candidato do BNG, Álex Fiuza, por qué comezou na política. “Cando eu era novo había poucas saídas para a xente moza” , explicou, pero tamén tivo que aclarar que, antes de mercarlle camisetas ao equipo de Santomé de Obra, esta formación tería que quedar conformada de xeito oficial.

Uxía tamén se encargou, con Senén Domato, de falar con María Manteiga, que se estrea na política. A candidata socialista explicou que para incrementar o uso do local social de Camanzo de Arriba, permitiría que fose empregado por xente maior pero tamén por asociacións, para impartir distintos cursos.

Julio López foi entrevistado por Martín Veiga e Noa Pereira.

Julio López foi entrevistado por Martín Veiga e Noa Pereira. / BERNABE/JAVIER LALIN

Mentres tanto, Julio López respondía ao cuestionario de Noa Pereira e Martín Veiga, que despois falarían con Jesús Otero, o candidato do PP. López apuntou que consideraba que Xuntos debería gañar estas eleccions polo traballo feito á fronte do goberno nestes 4 anos e, en caso de que o seu partido perdese, “ireime igual de contento e de orgulloso que cando entrei". ¿E por que se presentou Julio López ás eleccións? “Pois porque podía axudar ao Concello en cuestións sobre todo vinculadas á cultura”, engadiu.

Sobre a perda duns comicios tamén falou Jesús Otero, xa que lembrou que pese a ser a listamáis votada, “xuntáronse outros partidos” que conformaron goberno en 2019.En caso de que gañe “temos proxectos de futuro, e seguiremos pelexando por máis infraestructuras”. Pola súa banda, o líder de Nova Alternativa, Manuel Souto, avanzou que, se chega á Alcaldía, “faremos un percorrido por todo o municipio para saber as necesidades de cada parroquia” e, á hora de acometer os tan demandados arranxos deste centro educativo, “tentaría falar coa ANPA e a dirección do centro”, para coñecer todas as deficiencias.

Jesús Otero respostou ao cuestionario na biblioteca.

Jesús Otero respostou ao cuestionario na biblioteca. / BERNABE/JAVIER LALIN

Ovos con patacas fritidas

Para preguntas curtas, nada mellor que as respostas rápidas. Así presentaron os sete locutores e locutoras o test a que someteron aos cinco políticos cruceños. Así, puidemos saber que a comida favorita tanto de Jesús Otero como de Julio López son os ovos con patacas fritidas, mentres que Álex Fiuza prefire un cocido; que a materia favorita de Manuel Souto é a Bioloxía, que María Manteiga escoita ás Tanxugueiras e que Otero, de non ser político, tería sido cura. O exalcalde coincide tamén con Julio López na súa cor favorita, a azul, mentres que a de Manuel Souto é a verde.

Tralas preguntas dos sete estudantes, o director do centro, Manuel Casares, e o profesor de Música, Lorenzo Pérez, moderaron unha mesa redonda na que os cinco políticos expuxeron os seus puntos de vista de cara a ser a lista máis votada e sobre a posibilidade de pactos. Mentres o líder do PP insistía en que os gobernos de coalición funcionan en poucos municipios, e en Cruces non o fixo., o BNG afirmou que quedara “escarmentado” do pacto deste mandato con Xuntos, mentres que tanto este partido como o PSOE dubidan de que algún partido quite maioría absoluta no 28-M. Souto fixo mención ao nome do seu partido para recalcar que cómpre “unha nova alternativa” e pediu un avance sostible e apartado das grandes inversións “que no tempo non se dan sostido”.

Adrián Collazo e Dani Cochón conversaron con Manuel Souto.

Adrián Collazo e Dani Cochón conversaron con Manuel Souto. / BERNABE/JAVIER LALIN

Gañar poboación

Era unha crítica velada á xestión do PP, partido ao que pertenceu ata hai semanas. Pero houbo máis reproches entre os políticos: Julio López agradeceu que Otero asumise que os dous centros educativos das Cruces precisan (xa no anterior amandato do PP) unha reforma integral e Álex Fiuza lamentou que o actual goberno apenas protestase cando pechou o CEIP de Merza, o pasado curso. Por certo, os candidatos tamén propuxeron qué facer co centro: María Manteiga considera que pode ser empregado pola Artística de Merza para ensaios, pero tamen podería ter un uso interxeracional, en verbas de Álex Fiuza. Otero, como exrexedor, lembrou que cando se mercaron os terreos un dos requisitos era un uso educativo, e tanto López como Souto apelaron a que esa reorientación das instalacións se tome en consenso entre toda a corporación que saia do 28-M.

Decíamos que o CEIP de Piloño, con máis de medio século, precisa intervencións xa nos aseos e no ximnasio, sobre todo. Tamén son necesarias readaptacións no da Piedade. Todos os políticos se comprometeron a demandalas ante Educación pero, como apuntou Souto, antes é preciso determinar cáles son as máis importantes e cánto custan.

Os cinco políticos sacaron unha foto de familia cos nenos e nenas que protagonizaron o programa de radio.

Os cinco políticos sacaron unha foto de familia cos nenos e nenas que protagonizaron o programa de radio. / BERNABE/JAVIER LALIN

Houbo tempo tamén para falar sobre cómo frear a despoboación do municipio, que hoxe ten a metade de poboación quenos anos 90. “Hai que dotar ao pobo de servizos para ter unha calidade de vida semellante á do casco urbano e ter chan industrial”, propón o líder de Nova Alternativa. María Manteiga asegura que fomentando o emprego, aséntase poboación, porque “se traballas noutro concello, acabarás mudándote a el e levando aos fillos a outro colexio”. Bota en falta un servizo de psiquiatría e un transporte público eficiente.

Otero incidiu no impacto da posta en marcha do parque agroforestal de Aguillós ou na proposta popular de axudas á rehabilitación de vivenda para a xente moza. Pero ese parque “leva anos así, nunca se chegou a acadar”, lembrou Fiuza, quen prevé un Rexistro Municipal de Bens para a xente que busque vivenda ou terras que traballar. A pesar de que “cada día se empadroan dúas, tres ou catro persoas, non é suficiente” para frear a mortalidade e o éxodo do municipio, lembrou Julio López.

Durante o debate, María Manteiga propuxo celebrar outro, pero aberto a toda a poboación. Queda por saber se os candidatos dos outros catro partidos aceptan.