Paulo Vicente Monteagudo | Presidente Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo

“Esta besta é das máis salvaxes que se puideron aloitar no curro nunca”

Sabucedo vive hoxe o Encontro Burla Verde na defensa da terra contra os eólicos e minas

Paulo Vicente, onte, no curro do Campo do Medio.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Paulo Vicente, onte, no curro do Campo do Medio. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Paulo Vicente Monteagudo lembra unha viñeta que circulou estes días polas redes sociais. Nela, un avó sinala para que os seus netos dirixan a mirada ao horizonte. “Esta terra que vedes algún día non será vosa”, di. O presidente da asociación Rapa das Bestas apóiase nesta sinxela reflexión para resumir o que está pasando na terra, en xeral, e en Sabucedo, en particular. Hoxe esta parroquia da Estrada vive o seu primeiro curro do ano. Non haberá cabalos, pero si moita música e encontros para defender o hábitat libre da cabana do Santo.

–Sabucedo “aloita” hoxe con música para defender o monte que habita a cabana de San Lourenzo do impacto de varios parques eólicos e, despois, pensa facelo no xulgado.

–É ao que imos ir de cabeza. Agora poñemos un recurso de alzada e despois virá á vía xudicial, que é onde tentaremos paralo. Polo menos que se paralicen as obras porque se empezan a meter máquinas, cementar e demais, aínda que despois llo boten abaixo, o mal xa está feito. A suspensión cautelar é moi importante.

–Traballan cunha data límite na cabeza: 25 de xullo.

–Si. 25 de xullo de 2025. As obras teñen que estar acabadas nesa data, entón terán que poñerse a traballar e se se fai a cimentación, se esnaquizan o monte, se fan camiños...pouco poderemos facer para reverter todo iso.

–Cinco colectivos organizan a xornada reivindicativa de hoxe, pero 50 están detrás apoiando...

–Si.Nós non falamos só de nós. Nós temos bestas en Campo Lameiro, en Cuntis... que vai todo plagado de muíños e non son territorios que pertenzan ao Concello da Estrada. E despois tamén somos solidarios co resto de xente que protesta que non quere parques, máis aló de se teñen bestas ou non. Cremos que se debe repensar este modelo eólico, pero mañá [por hoxe] aquí tamén se vai protestar por outras cousas, como as minas ou as inxerencias na propia terra. Vai más alá. Quérese xuntar aquí á xente de toda Galicia para que xente que ten esta problemática podamos conversar e aprender uns dos outros.

–Póñalle un titular ao impacto que podería ter a construción destes parques para a Rapa das Bestas.

–Un titular básico sería que pode ser que acabe coa Rapa das Bestas como tradición. Son moitas as frontes abertas que ten a Rapa e esta é a gota que colma o vaso. Para nós é moi importante que non se fagan esas pistas porque a xente vai poder acceder ao monte e as bestas van estar acostumadas aos vehículos, á xente e vai haber máquinas que o van esnaquizar. Haberá moito máis paso para os cuatreros, para que rouben... É todo. Unha supergota que nos desfai. É mirar ao monte e velo sen nada, que xa bastante ten cos eucaliptos, e isto é ir máis aló. E outra cousa que é fundamental: nós o outro día fomos co periodista de The Times ao monte e fómoslle ensinando plantas carnívoras que non están metidas nas declaracións de impacto ambiental, turbeiras e petróglifos que non están tampouco nas declaracións...Quero dicir: é un erro de base que as declaracións de impacto ambiental as fagan empresas contratadas polas propias empresas. Tería que ser a administración propiamente a que as faga. O que non é de sentido común é que esa empresa contratada pola empresa que quere facer o parque lle vaia a dicir que hai cousas polas que non o pode facer. No: miran para outro lado. E aí está a trampa do sistema.

–Os muíños son, entón, só a punta de iceberg. O verdadeiro problema é o que hai debaixo e que non é tan visible.

–Exactamente. É o que dicimos sempre: ninguén está en contra das renovables, pero podían valorar outros xeitos como o repotenciamento de parques que xa existen e nos que as terras xa está machacada e non o valoran porque non lle interesa, porque aquí partiron o pastel a moita xente e machacan o territorio porque precisan darlle privilexios a moitas empresas.

–Que sinte a xente de Sabucedo que traballa todo o ano pola Rapa cando ve as imaxes promocionais de parques eólicos que presentan, dun xeito marcadamente bucólico, aos cabalos correndo por debaixo dos muíños de vento?

–É o de sempre. Imos ser serios: pon a túa casa debaixo dun eólico de 200 metros. Gustaríache vivir aí? E que non hai nada máis que razonar nese sentido. É a base de todo. As bestas viven aí e non vai ser agradable para elas, por moito que queiran vender o bucolismo, que queiran vender que lles fai sombra no verán...que vendan o que queiran. É unha perspectiva non sei se enganosa, perversa ou non sei, pero non ten nin pés nin cabeza. Se fora tan bonito, agora virían os políticos a vender que van facer sete parques eólicos. Aparecen? Non. Se non aparecen é porque isto non é bonito, non é positivo para a xente.

–Mentres loitan contra os parques eólicos, tentan que a Rapa das Bestas sea declarada Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial. Como vai o proceso?

–Vai. Vai moito máis lento do que a nós nos gustaría, pero parece que vai. Nós tentaremos que se apore o máis posible. Necesitaremos a compañía das administracións.

–Aínda que sen cabalos, hoxe vén sendo o primeiro curro do ano en Sabucedo...

–E aquí fan falta aloitadores dos bos, porque a besta é das máis salvaxes que se puideron aloitar no curro nunca, no sentido da agresividade e da non comprensión.

[object Object]

O Encontro Burla Verde prolongarase durante todo o día de hoxe no curro do Campo do Medio. Ás 12.00 horas arrancará a programación co pregón, seguido da Misa Romaxe.Unha hora despois chegará a sesión vermú con música e contadas. De 16.00 a 20.00 haberá actividades no espazo para os cativos e, de 17.00 a 19.00, unha mesa redonda. En paralelo, de 18.00 a 21.00 haberá tamén concertos e, xa de 21.30 a 23.30 será o chamado Curro Cabaré (a única actividade de pago). En conxunto, o cartel está composto por con Aldoalado, Anxo Moure, Atenea García e Alba de Vales, Carlos Santiago, Celso Sanmartín, Cou, Davide Salvado, García MC, Gabi Reboredo, High Paw, Iria Pinheiro, Loita amada (acústico), Mounquq, O Leo de Matamá, O Rabelo, Pajarito, Peter Punk, Rosa Cedrón, Sheila Patricia, Susana S. Arins, Tarka, Toma de Terra, Tonita, Uxía, Xan Solo, Xoán Curiel e Xurxo Souto.

Suscríbete para seguir leyendo