Pérez Tilve presenta en Silleda o seu libro sobre mariscadoras

O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle a posta de largo de “Mulleres de rocha e area” | O evento está aberto ao público

A mestra Teresa Pérez Tilve. |

A mestra Teresa Pérez Tilve. | / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle este venres, ás 20.30 horas, a presentación do libro de Teresa Pérez Tilve, Mulleres de rocha e area, publicado por Edicións Fervenza. Este libro, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello de Silleda e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada por Juan Liñares, membro da directiva da Asociación Cultural Vista Alegre, e a concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González.

Mulleres de rocha e area é unha obra xerminada pola curiosidade que espertaba para a autora unha profesión tan antiga como a de mariscadora, máis sendo unha muller de interior. Por iso, cando comezou a pasar longas tempadas en Vilanova de Arousa empezou a valorar a importancia da acuicultura e o esforzo das persoas que dela viven. Foi así como nace esta nova obra, Mulleres de rocha e area, na que a través das súas protagonistas nos fará participes da vida a pé de praia. As protagonistas, Amelia e Verónica, levan una vida despreocupada, vivindo a conta das súas respectivas parellas, ata que un día deciden procurar emprego nunha agrupación de marisqueo a pé, primeiro en Vilanova de Arousa e despois en Carril. A partir dese momento terán ocasión de coñecer a realidade do traballo das persoas que exercen este oficio, maiormente mulleres

María Teresa Pérez Tilve (Xeve, Pontevedra, 1945) é mestra de Ensinanza Primaria e Licenciada en Filoloxía Xermánica pola USC. Conta así mesmo co “Certificate of Proficiency in English”, da Universidade de Cambridge e o Diploma de Estudos Avanzados da USC. Desenvolveu a súa actividade docente durante corenta anos. Primeiro, como mestra de Primaria, en aldeas de Ponte Caldelas, Mondariz e, durante moitos anos, na Escola Padroado SFN, do Colexio María Inmaculada de Silleda. Como profesora de secundaria, ensinou nos IES Ramón María Aller de Lalín e Pintor Colmeiro de Silleda, do que foi directora ata a súa xubilación.

Unha vez xubilada, volveu á universidade, e en 2014 acadou o grao de Doutora en Filoloxía Inglesa pola USC coa tese Reshaping Mirrors: Mothers and Daughters in Contemporary Irish and Galician Women’s Poetry. Este traballo analiza as relacións entre nais e fillas na poesía dalgunhas escritoras irlandesas e galegas contemporáneas.