Los Sauces, unha discoteca con moita arte

Daniel González Alén inicia unha investigación para descubrir a autoría de cinco murais pintados na sala de festas antes da súa demolición a fin de preservalos e podelos colocar no futuro parque a modo de lembranza

Tres das pinturas están nunha mesma parede, unha delas dividida por un muro de bloques.

Tres das pinturas están nunha mesma parede, unha delas dividida por un muro de bloques. / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín tivo unha sala de festas con moita arte, e non so pola música que soaba entre as súas paredes, senón tamén polo que sobre elas foi pintado. Los Sauces, que pronto será demolida para a urbanización da mazá comprendida entre as rúas Melide e Monte Faro, conserva cinco murais. Con independencia do valor artístico que poidan ter, está fóra de toda dúbida o valor sentimental que atesouran para varias xeracións de lalinenses, polo que sería unha mágoa que se perdesen. Así o cre Daniel González Alén, que emprendeu unha investigación para pescudar a autoría das pinturas e plantexa a posibilidade de retiralas do inmoble en ruinas para colocalas como lembranza no futuro parque público que se construirá no centro da parcela.

Mural dunha banda de músicos.

Mural dunha banda de músicos. / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

O cronista oficial de Lalín visitou en días pasados, xunto ao concelleiro de Medio Ambiente, César Reboredo, a edificación adquirida polo Concello. Concebida como granxa por Alfonso Rodríguez O Meiriña, non chegou a funcionar coma tal debido á oposición que desatou a súa proximidade ás vivendas. Así que o seu propietario, animado pola moda da época, creou unha sala de festas na década de 1960, na que chegaron a actuar Rocío Dúrcal, Basilio ou Los Diablos, amén da Orquesta Caracas, de Lalín, que era unha habitual. Nos 80 transformouse en discoteca e tivo un epílogo en 1995 cunha reforma que non conseguiu relanzala.

Obra que mostra a un intérprete de percusión.

Obra que mostra a un intérprete de percusión. / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Músicos, familia e parella con cura

Desde entón permanece abandonada e cos cinco murais bastante ben conservados, malia o paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. Tres deles son de músicos: nun vese a una banda e nos outros dous, intérpretes individuais; outra pintura mostra a unha familia e na última –cortada por un tabique de bloques– vese a unha parella e un cura con sotana detrás.

A pista de baile coa barra ao fondo.

A pista de baile coa barra ao fondo. / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

¿Sucasas? ¿Lamazares?

Agora Alén solicita axuda para sacalos do anonimato e evitar a súa destrución, polo que agradece “calquera apuntamento ou documento gráfico que da sala se puidera conservar”. Pensou que podían ser de Damián Paio; o pintor e técnico municipal de Cultura díxolle que non, pero que quen os pintou tiña oficio. Que poden ser obra de Sucasas, que por eses anos andaba xa por Lalín e tiña amizade co Meiriña e coa sociedade que entón explotaba a sala, formada por Celso Cacheda, do Bar Paraíso, e o seu cuñado Manolo Gómez, do Café Español, todos eles xa falecidos”. Algúns informantes cren ver nos murais a man doutro artista de renome, Antón Lamazares, con quen intentará contactar para corroboralo.

César Reboredo na porta de acceso ao edificio.

César Reboredo na porta de acceso ao edificio. / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Orquesta Caracas

A través do Padroado Cultural, o cronista trasladou ao alcalde, José Crespo, unha petición para rescatar as cinco pinturas antes do derrubamento do edificio. A súa idea é crear con elas un muro dedicado á época dourada das salas de festas no futuro parque público da zona, que propón bautizar como Los Sauces. Alí habería sitio tamén para homenaxear á Orquesta Caracas.