LV Feira do Cocido

Sello gaña por quinta edición consecutiva o concurso de carrozas con seus ‘zoqueiros’

Enchen o podio o proceso do pan da Cooperativa de Botos e o ‘balneario’ de Cercio

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Sello afianza o seu reinado no concurso de carrozas da Feira do Cocido de Lalín. Por quinto ano consecutivo, esta parroquia presentou a mellor proposta a xuízo do xurado, composto por cinco representantes dos medios de comunicación. A súa recreación do oficio dos zoqueiros mereceu 115 puntos, polos 112 concedidos á Cooperativa de Botos, que mostraba o proceso de elaboración do pan, e os 100 da Asociación de Música e Baile Tradicional A Carballeira de Cercio, coa recuperación do balneario de Vilariño. Obtiveron premios de 2.000, 1.500 e 1.000 euros, respectivamente.

Disputa polas terras entre irmáns, na carroza da Carqueixa.

Disputa polas terras entre irmáns, na carroza da Carqueixa. / Bernabé

Tamén tiveron recompensa en metálico a cuarta carroza, A Carqueixa da Veiga, que colleitou 89 puntos e 500 euros pola escenificación dunha pelexa entre irmáns por lindes de fincas mentres o resto da familia facía os chourizos; e maila quinta, Cabaleiros de Lalín, co oficio dos arrieiros, que lle valeu 86 puntos e 300 euros. A debutante parroquia de Bendoiro e o seu castriño ficaron en 83 puntos.

O porco Queitano pechou o desfile canda o seu dono.

O porco Queitano pechou o desfile canda o seu dono. / Bernabé

Un porco abreu o desfile e outro pechouno. Don Cocho, personaxe creado por Luchi Iglesias, e os seus cabezudos deambulaban ao ritmo do Carballo da Manteiga. Intercaladas coas carrozas, marcharon as comparsas Os da Caña de Marín, Os Vellaróns de Riós, Cor Café –con integrantes de diferentes localidades da provincia de Pontevedra, que causou sensación coa súa proposta de terror gótico–, Os Remolóns de Sobradelo, Os Miúdos de Arcade, a Feira do Pontiñas ou Luces de Tomiño, a máis grande, con 96 participantes. O pechacancelas foi Queitano, o bacoriño máis famoso de Lalín que, con 17 meses, xa bota 250 quilos, segundo confesou o seu inseparable Manolo.

Suscríbete para seguir leyendo