Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Severino Gómez, onte, na sede da Cambadela en Lagartóns co traxe de loita. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Severino Gómez Neira nnficha personal | Adestrador de Loita Tradicional Galega

“Isto non é so un deporte, é una parte importante da nosa cultura”

O estradense leva 37 anos recuperando e difundindo a Loita Tradicional Galega | O club A Cambadela da Estrada é o único que practica esta modalidade en Galicia

–Cando comezou esta aventura coa Loita Tradicional Galega?

–Foi no ano 86, cando varios clubs de Galicia nos reunimos en Ourense. Estábamos alí por outros motivos pero xurdiu o tema das diferentes loitas en Galicia. Éramos sete ou oito pero a maioría vírono como un tema económico mentres que nós enfocámolo dende un punto de vista cultural. Desde a súa perspectiva era algo imposible de soster. Foron pouco a pouco abandonando e ao final quedamos soamente nós, A Cambadela. Está Moisés Iglesias que agora é o presidente do club, Jorge Mato, que é o tesoureiro, e máis eu.

–Por onde arrancaron?

–O primeiro foi poñer en marcha unha investigación, que custou moito. Fomos por moitos sitios preguntando pola loita tradicional galega, pero ninguén nos sabía dicir nada. Pensamos que ía ser imposible ata que nos demos conta de que esta tradición recibía nomes moi diferentes. Nalgúns sitios se lle chamaba botar loitas, noutros ir a Cambadela, noutros ir ás tumbas ou a tumbadelas, as abarcas... case en cada sitio tiña un nome diferente pero na forma eran moi parecidas. O concepto era o mesmo. Logo houbo que conxuntar todo iso, facendo un estudo das técnicas. Despois as cousas xa foron máis fáciles e comezamos a atopar máis información, incluso na biblioteca mundial do deporte ou en libros de Rosalía ou de Pardo Bazán. Había moitas referencias á loita como tradición que recollemos durante moitos anos. Realmente diría que aínda seguimos recompilando datos pero debemos estar ata 2005 saíndo todos os fins de semana.

–Como acabaron formando parte da federación galega de loita?

–Nós queriamos formar a nosa propia federación de clubs del oita tradicional, enfocado desde un punto de vista tradicional. Iso sen embargo era imposible, porque necesitas ter un club recoñecido oficialmente, así que tiñas que pasar por una federación. Había un compañeiro que se levaba moi ben co presidente da federación de loita, así que falamos con el e entramos na federación. Fará uns 18 ou 19 anos. Estamos encantados porque son xente moi colaboradora. Xente fabulosa. Xa non nos plantexamos irnos de aí.

–Iso permitiulles tamén poder competir.

–Si. Ao principio empezamos a ir a competicións de deporte base e este ano xa con campionatos máis en serio e saíu ben. Lograron un outro e un bronce na primeira competición e o outro día prata e bronce. Os nosos rapaces xa tiñan unha idade e necesitaban algo máis que competir en deporte base, onde hai técnicas que non podes facer porque son perigosas. Agora dous deles van ir convocados ao Campionato de España con Galicia. Para ser o primeiro ano en serio, está ben.

“A federación está tratando que se publique un libro que fixemos onde se recolle todo o noso traballo”

–Como explicaría o que é a loita tradicional galega?

–As loitas tradicionais en xeral diferéncianse das loitas olímpicas,a libre e a grecorromana, pola súa parte cultural. Levan por exemplo un regulamento que vai acorde coa vestimenta dos participantes. A que se usaba por exemplo nas zonas rurais de interior era diferente a das zonas mariñeiras. Despois, na parte deportiva, xa se ve que nós tamén competimos nas loitas olímpicas. Na parte técnica son similares. A base é a mesma, unha base física de desequilibrio e control. Cambian os regulamentos pero as técnicas son similares.

–Unha vez lograron confeccionar ese compendio de variantes do que é a loita tradicional galega, chegaría o momento de difundila. Como lles foi?

–A verdade é que aínda seguimos recollendo cousas que nos aportan. Unha vez xa tivemos moito estudado mirouse de recoller toda a parte técnica e de crear un regulamento deportivo. Iso tamén levou moito tempo, especialmente á hora de poder facelo como antigamente, sen perder a esencia, pero adaptado a hoxe. Unha vez tivemos todo o programa, démoslle todo á federación, quedando como representantes desde tipo de loita. Tamén creamos unha unidade didáctica e fixemos exhibicións en moitos colexios de Galicia onde se explicaban as partes máis básicas. O que queriamos era transmitir que este non é un deporte máis, é una parte importante da nosa cultura e do noso pasado. Tampouco atopamos moita colaboración por parte das institucións, así que quedou un pouco parado. Agora creamos un libro onde se recolle todo o noso traballo e xa o intentamos publicar en varias ocasións. Sen embargo tes que pagar para facelo e as economías non están para iso. A federación está traballando para que se publique e que iso quede aí para sempre.

–Cantos rapaces adestran na Cambadela?

–Temos un grupo de once rapaces. Tampouco queremos moitos máis. Non buscamos gañar cartos con isto. A miña esperanza é que isto non se acabe comigo, Moisés e Jorge, que somos as caras máis visibles e os que temos título nacional de loita. Estes rapaces son os que van a seguir con isto para diante. Seguro.

“Era un xogo para despois das tarefas do campo”

–Neses primeiros anos difundindo este deporte chegou a chamárselle erroneamente loita celta.

–É certo. Cando empezamos viñeron de moitos medios de comunicación e incluso fixemos exhibicións nalgunhas canles de televisión. Sen embargo, a pesar de darlles todos os datos algúns empezaron a falar de loita celta. Iso é mentira. Para nos seguramente sería moito máis cómodo e vendible chamarlle así pero non hai ningunha proba de que teña algo que ver cos celtas ou cos castrexos. O que si que sabemos é que as loitas de Galicia teñen moito que ver coas loitas doutros países como a Bretaña francesa, Uzbekistan, Irlanda... hai lugares que teñen loitas similares e cos que xa fixemos algunha concentración. Tamén temos moi bo trato coas loitas canarias e aragonesas, tamén está a loita en Cantabria ou o balto en Asturias. Incluso estivemos con xente de Ghana, que tamén ten unha loita moi semellante, aínda que un pouco máis espiritual. Era unha actividade que servía para que os homes estivesen en forma de cara as guerras ou simplemente para estar activos. Aquí en Galicia se celebraba como un xogo para despois das tarefas no campo que se practicaba ata non fai moitos anos. Eles non o vían como un deporte, senón como algo lúdico. Tamén pasaba o mesmos nas zonas de costa cos mariñeiros.

–Hai máis clubs a maiores da Cambadela onde se practica esta modalidade de loita?

–Como club propiamente dito so estamos nós. Dimos sen embargo varios cursos a monitores que están preparados para ensinar loita tradicional galega. Hai en Vigo, en Cruces, en Vilalba... xente que xa coñecía a parte técnica, así que lles foi fácil. Poderiamos ter competicións pero o problema está na vestimenta, que habería que adquirir.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.