Teatro da Ramboia trae á Bandeira o sábado a aclamada obra “O meu mundo non é deste reino”

Esta parodia da dictadura franquista atesoura dous premios María Casares

REDACCIÓN

A programación cultural de Silleda continúa co teatro como protagonista. Grazas ao programa Tornar ás Táboas, da Deputación de Pontevedra, chega ao Auditorio Municipal Manuel Dopazo da Bandeira este sábado, día 10, O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, adaptación libre da Farsa de Bululú, de Manuel María, parodia da dictadura franquista. Recomendada para o público a partir de 14 anos, comezará ás 20 horas con entrada libre.

Os experimentados actores Anxo García e Fran Lareu dan vida sobre o escenario a Camilo e Tomás, os dous feirantes que levan o mesmo espectáculo, unha e outra vez, polas vilas do país. Escrita por María Peinado, a recuperación do título orixinal serve para proxectar o laio silenciado no seu día, extrapolando a situación aos totalitarismos que seguen a repetirse. Cun cógido de denuncia social, con aire de farsa negra, esta obra foi a flamante gañadora do primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, ademais de lograr dous premios María Casares: á mellor adaptación e mellor dirección.