Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sabela Maceira Mato Educadora social e sexóloga

“Segue habendo moito tabú co sexo e a sexualidade, son temas dos que nos custa falar”

“Vexo moitos xóvenes con dificultades para relacionarse porque non se ven ben co seu corpo, hai falta de autoestima”

Sabela Maceira Mato, onte, na Estrada. Bernabé

Sabela Maceira é unha estradense de 30 anos, natural de Arnois, graduada en Educación Sexual e Sexoloxía. Onte, o clube de Cine Debate organizado pola asociación Mulleres da Estrada, contou coa súa participación para orientar unha conversa en torno ao visionado do filme Buena suerte, Leo Grande. Ademais, tivo a ben contestar unhas preguntas a este medio, para coñecela a ela e ao seu traballo un pouco mellor.

–Como xurdiu a idea da súa participación no Cine Debate desta semana? .

–Pois Kim, a quen xa coñecera hai un ano cando dera unhas charlas para a Asociación de Mulleres de Arnois sobre sexualidade ao longo da vida, contactou comigo e ofreceume participar nestas xornadas. Para min é un pracer colaborar con eles e botarlle unha man.

–Pensa que en un contexto social como é o da Estrada, sendo un pobo pequeno e máis ben rural, a sexualidade segue sendo tabú?

–Si, pero en xeral a sociedade segue tendo moito tabú con este tema, independentemente do lugar de residencia ou a idade. Hai moitas cousas das que nos segue costando falar. Tamén é frecuente que se fale de sexo dende un punto de vista moi estereotipado. Falamos das cousas boas ou das que pensamos que son valoradas a nivel social, pero non das dificultades ou os medos. Isto tamén leva a que as conversacións que se producen sexan moi similares e, moitas veces, que non sexan a realidade.

–Cree que as mulleres teñen máis problemas á hora de ser abertas para tratar estes temas?

–Non me gusta demasiado caer en xeneralizacións do que as mulleres e os homes fan. Pero diría que ese non é o caso, senón ó contrario. Penso que ás mulleres cústalles menos falar de algún problema que puidese ter nese ámbito, mentres que é menos probable que un home o manifeste, porque podería pensar que se admite ter problemas co sexo, se está cuestionando a súa masculinidade. Hai moita presión, é un tema máis complexo do que parece.

–En Galicia, e por suposto na Estrada tamén, existe un importante contexto católico. Como inflúe a relixión á hora de poder tratar estes temas, ou mesmo de vivir a propia sexualidade?

–Evidentemente, influencia ten. En Galicia hai moitas zonas rurais onde existen numerosas costumes tradicionais moi arraigadas. De todos xeitos, sempre se trata dun cúmulo de factores. En canto a como afecta, diría que hai dúas cuestións principais: a culpa e a vergoña. A xente preocúpase moito de que como vai ser vista, dende diversas perspectivas.

–Fáleme agora de vostede, en que consiste o seu traballo? .

–Pois formo parte dun centro de sexoloxía afincado en Santiago, chamado Con mucho gusto. O noso equipo está formado por unha persoa que leva o tema administrativo, tres psicosexólogas, que se dedican maioritariamente a terapia sexual e de parella, e despois estou eu, que son a educadora social e sexóloga, que me dedico máis ben a charlas informativas en diferentes ámbitos. Tamén facemos labores de divulgación en redes, e un pouco o que nos vaian demandando.

–Cales son os retos máis grandes que asume o voso centro?

–Podo falar dende a miña experiencia, en colexios, por exemplo, dificultades á hora de relacionarnos porque non nos sentimos ben cos nosos corpos. Hoxe en día son moi habituais os problemas de autoestima, que inflúen directamente nas nosas experiencias sociais e interpersoais, posto que non nos ensinan a querernos nin a coñecernos nin a relacionarnos de xeito saudable. Seguemos tendo carencias coa educación sexual, que sería moi importante tela dende que somos pequenos, por iso seguimos reproducindo certos estereotipos. Ao final, se non temos unha educación sexual consciente, o que facemos é que se eduquen a través de outros medios que poden ser perxudiciais.

–Falando disto, en xeral pénsase na infancia como nunha etapa libre de exploración corporal e de sexualidade. Existe unha idade para espertar nestes temas?

–Esa é unha das cousas que deberíamos de cambiar. Moitas veces cando pensamos en sexo pensamos na erótica, cando o sexo está para desfrutar co noso corpo. Adoitamos a pensar na exploración do noso corpo, ou nas prácticas sexuais, como algo turbio, cando en realidade dende bebés buscamos recoñecelo e respondemos aos estímulos. É moi frecuente na infancia que se explore a zona xenital, non ten nada que ver coa erótica nin coa visión que temos nós do sexo. Pasa que, cando isto acontece, aos adultos soen saltarnos todas as alarmas. É unha das consultas máis frecuentes de familias no noso centro. É algo do que hai que falar.

–Mencionaba antes a importancia de educar ben no ámbito sexual. Podería isto ter que ver o acceso en idades temperás á pornografía? Como afecta esta á relación co sexo? .

–É un problema moi grande. Dende que son peques, por un lado non reciben a información adecuada sobre estes temas, e polo outro estalles chegando, moitas veces sen buscalo, contido deste tipo. Como vai responder o cativo vai depender das ferramentas que nós lle teñamos dadas. Non podemos pretender meter ao rapaces nunha burbulla esperando que se manteñan alleos a este ámbito, só podemos preparalos para que cando lles chegue, saiban procesalo. Iso é o que temos que ter claro.

–É vostede optimista respecto ao futuro?

–Dende logo, temos que selo. Hoxe en día xa existe máis compromiso por parte dos centros educativos e de outras institucións para ofrecer a información necesaria aos cativos no relativo a estas cuestión.

Compartir el artículo

stats