Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN | Cronista oficial de Lalín

“Tiven relación con moitos medios pero, para min FARO foi como a miña casa”

“A miña relación coa prensa e o meu interese por coñecer a historia do municipio comezou a raíz dun encargo para facer un artigo versando sobre Lalín”

Daniel González Alén, na Praza de Galicia de Lalín. | // BERNABÉ/ BÁRBARA CUÍÑA

Daniel González Alén (Lalín, 1951) é desde este venres o cronista oficial de Lalín, tras levar varias décadas colaborando con diversos medios de comunicación. Ademais, na súa traxectoria profesional destaca por ser un dos pioneiros do cine en Galicia, xa que xunto ao seu pai e o seu irmán Jesús creou nos anos 70 Deza Cinema Galego. Asimesmo, é autor de máis dunha docena de libros de carácter histórico sobre a comarca de Deza.

–¿Cómo xurdiu a súa relación como colaborador nos medios de comunicación?

–Este mes de setembro cúmprense cincuenta anos que escribín o primeiro artigo que se titulaba Lalín en apretada síntesis. Era en castelán, e case me cabía nun folio todo o que se sabía do municipio, porque había pouco escrito. Existían libros e documentos que facían pequenas referencias pero estaban ciscados. Daquelas, foi un encargo que me fixo o dramaturgo Varela Buxán para que fixese un artigo versando sobre Lalín. Foi así como comezou a miña relación coa prensa e o meu interese por coñecer a historia do municipio. A parte de todo o que atopei sobre a zona, tiven a axuda dos meus mestres e dos veciños da comarca que me achegaron moitos documentos e me apoiaron a ir descubrindo canto de interese histórico e patrimonial tiñamos aquí e todo o recabado o publicaba en todos os medios que podía.

–Ten colaborado con diversos medios, ¿hai algún que lle sorprendera ou que pensara que nunca chegaría a traballar con él?

–Empezo dicindo que para min o Faro de Vigo é a miña casa en certo modo. Eu fun delegado e correspondente do FARO DE VIGO durante máis dunha década en Lalín, pero o traballo tiñao que compaxinar co de directivo no BBVA e coa familia. Polo que tiven que terminar deixandoo porque requería moita dedicación, eran moitas páxinas a cubrir e vinme incapaz. Terminei facendo solo os deportes aínda que cando comencei facía de todo, porque non me vía con tempo para facer máis. Tiven relación con moitos medios, cuns máis e outros menos pero o Faro foi como a miña casa durante moitos anos e teño moi boas lembranzas. Co resto de medios nunca tiven ningún problema, nuns casos ofrecéronse eles e noutros eu porque parecíame conveniente que a nosa comarca tivese presencia en cantos máis medios mellor.

–Paralelamente traballou para a banca, ¿cómo foi para vostede combinar os números coas letras?

–En realidade eu ía para mariño mercante, era estudante de naútica na Coruña e cando tiven que embarcar pensei que eu era en realidade un mariñeiro en terra. Empecei a traballar na banca no ano 1977, viña a ser un pouco, un poeta que traballaba no banco, porque tamén tiña a súa poesía, xa que en ocasións podías tratar con xente que me axudaba co que eu escribía e, tamén podías prestar cartos para alentar iniciativas. Era un negocio agradecido, onde tratabas de compaxinar os intereses dos clientes cos do banco. Creo que o fixen ben porque cando me xubilei recoñecéronme que fixera un bo labor. A partir de entón puiden dedicarme enteiramente a miña vida, que a parte da familia, eu vivo para escribir cousas da comarca. Todo o que fixen na vida, e en concreto na escrita foi a base de traballar moito e para o que eu fago non vale especular coma nas novelas, hai que ir cos feitos e procurar fundamentalos.

“Os premios non son importantes para o ego persoal, senón para que se valore o que un fai”

–A súa pasión pola historia local, ¿é algo que sempre tivo presente ou foi desenrolándolo co tempo?

–Desde pequeno sempre fun unha persoa curiosa, que preguntaba por todo e quería saber. Eu crieime aos pés da estatua de Loriga e me preguntaba constantemente quen sería ese personaxe do que todos falaban. Xa empecei a ter interese pola historia a partir de ese persoeiro, que foi o protagonista do primer libro que escribín. A historia e a literatura eran a miña pasión, a primeira é coma un puzzle onde vas encaixando pezas e canto máis sabes máis te das conta de que en realidade menos cousas coñeces.

–Recibiu varias condecoracións pola súa labor de divulgación da historia da comarca de Deza, ¿esperaba acadar algo así?

–Non mo esperaba, pero non me sorprende. Lalín é un pobo moi agradecido, é un sitio onde aos seus tense unha estima especial, é recoñecido con quen fai algo. En Lalín non se perde o tempo cando se traballa a prol desta vila. Noto que cada vez que vou a un sitio inda que non me coñezan, valoran o que fago. Os premios non son importantes para o ego persoal, senón para que se valore o que un fai e que facilite as cousas cando vas aos sitios.

–O venres convertiuse no cronista oficial de Lalín, ¿cómo se sinte ao respecto?

–Eu sempre escapaba un pouco del, porque é un pouco unha obrigación, ahora terei que facer máis, e se cadra mellor. E terei que deixar de facer algunas cousas porque ao mellor non teñen o nivel que se espera. O alcalde José Crespo, tiña esa teima, sempre me dicía que Lalín precisaba dun cronista e eu xa o estaba facendo e se me recoñecía xa como tal, aínda que non o era. Ao final, insistindo, terminei por dicir que sí, porque eu nunca dixen que non a ningunha cousa que se me plantexase por e para Lalín. Ademáis agradezo que nunca se me chamou a atención nin se me cuestionara nunca por parte dos alcaldes, o cal para min significa que quizais non o faría mal de todo e mesa liña quero seguir.

“Nunca me neguei a todo o que se me pediu”

–Leva publicados máis dunha docena de libros de carácter histórico, ¿cómo xurdiu a idea de plasmar todos os seus coñecementos en diferentes obras?

–Eu nos libros sempre traballei case por encargo e antes era máis complicado escribir porque tiñas que botar man das fontes, eran físicas, non como hoxe que está internet. Ademais, a verdade é que con tanto encargo non me daban tempo nin para pensar se eu quería facer algunha outra cousa. A ver se agora teño 5 ou 6 anos e a coa axuda do meu irmán podemos ampliar o libro da comarca do Deza, do que temos centos de apartados e fotos cos que podemos facer ata cinco tomos.

–Na súa traxectoria profesional tamén traballou como director e guionista de cine, ¿de onde lle nace o interese por este arte?

–Nun momento dado tamén o tiven que deixar por falta de tempo e de medios, porque xa me vía incapaz de mellorar o que estaba a facer. Aspiraba a máis e tiña que dar un salto ao cine grande, porque este era miúdo e non me atrevín a dar o paso. Fixemos en total 15 películas, entre documentais, reportaxes e filmes con argumento entre 1976 ata 1981.

–Vostede foi correspondente do Museo de Pontevedra e membro do Padroado Cultural de Lalín e do Seminario de Estudos de Deza, vendo o seu currículo, ¿qué lle queda por facer?

–Fixen bastantes cousas e ao mellor, a veces fun máis aló do que debera, pero eu nunca me neguei a todo aquilo que se me pediu. Isto supuso un verdadeiro esforzo porque non é sinxelo compaxinar todas estas facetas, e como dicía meu avó, “o que fai moitas cousas, non é bo en ningunha”, entón nunca puiden afondar moito. A min interésame case todo o que sea historia, patrimonio, pasado e tamén presente. Do futuro non me atrevo a escribir porque o vexo moi escuro pero do pasado e do presente sí e vouno seguir facendo ata con certa obriga porque ese é o cometido dun cronista.

Compartir el artículo

stats