Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha antefixa romana convertida en pía en Bermés

Catro capiteis románicos, procedentes da primitiva igrexa e logo de anos chantados nun valado, están no Museo de Pontevedra

Un capitel retratouno Risco nun valo hai cen anos. | // FUNDACIÓN V. RISCO

A igrexa románica da parroquia de Bermés, de conservarse integramente, poida que fora un dos exemplares máis sobranceiros desta arte na comarca de Deza, pero a ampliación e as reformas que sufriu en distintas épocas fixeron que perdera moitas das ben labradas pezas que a adornaban dende o século XII e que agora se atopan en museos e casas particulares ou en paradoiro descoñecido, como as que coa axuda de veciños e informantes vimos de localizar recentemente.

Antefixa semellante á de Bermés no adro de Erbo. | // D.G.A.

Unha das pezas desaparecidas da igrexa foi a antefixa románica ou Agnus Dei, que en tempos coroaba o cume do tellado da capela maior, como acontece na maior parte das igrexas románicas da nosa comarca. Do paradoiro desta peza dounos conta o veciño Manuel Crespo, que a ten na súa casa non lonxe da igrexa, a onde a trouxeron os seus antepasados logo de atopala xa sen a cruz que tiña chantada no lombo, nun dos valados preto da casa reitoral. Para darlle utilidade a esta peza de pedra de gra, os vellos da casa aumentáronlle o buraco que tiña man da cruz e privárona da cabeza e das pernas, para convertela en pía para comeren as galiñas, uso que tivo por moitos anos ata que se puxo de chanzo na entrada posterior da casa. Alí estaba este Agnus Dei cando días pasados fomos velo na compaña da profesora nativa de Bermés Margarita Fernández Crespo e do arqueólogo Álvaro Arizaga. Coa axuda do propietario, e valéndonos dun pau ferro, logramos desenterrala e facerlle unhas fotos que o amigo Álex Negreira puxo en serie para ilustrar esta reportaxe.

Montaxe fotográfica do “Agnus Dei” que saíu da igrexa parroquial de Bermés. | // FOTOS: ÁLEX NEGREIRA / DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Temos ollado antefixas facendo de chanzo para un hórreo en Catasós, nun portelo onda a igrexa de Cangas, onda a pía bautismal de igrexa de Palmou e ata un par delas no valado da igrexa de Erbo, agardando que alguén as devolva ao cume da ábsida, pero é a primeira vez que ollamos unha antefixa convertida en pía. Manuel dinos que non ten inconvinte en que se leve para gardar na igrexa, de onde saíra hai anos, se así o estiman os veciños.

Os restos da antefixa románica están na casa do veciño Manuel Crespo.

Os capiteis

Catro fermosos capiteis románicos da primitiva igrexa foron parar a mediados do pasado século ao Museo de Pontevedra, logo de que estiveran chantados nos muros que rodean a reitoral. Un deles retratouno alí o erudito ourensán Vicente Risco, identificando nós hai pouco a foto entre as que se conservan na súa casa museo de Allariz, das moitas que foran feitas nas xeiras que os integrantes do Seminario de Estudos Galegos realizaran polas terras de Deza vai agora para cen anos.

Unha pía da auga bendita, tamén románica, foi parar no ano 1957 á casa señorial que teñen os Teijeiro en Carragoso de Abaixo, preto da vila de Lalín, logo de que lle fora agasallada polo párroco Fernández ao entón xefe local de Sindicatos, Siro García Guitián, por aqueles anos valedor da Banda de Música Popular de Bermés. E tamén desapareceu a antiga pía bautismal , vendida a un anticuario, segundo nos contaron os veciños.

Non sabemos que foi da fachada e porta románica da igrexa, nin da espadana, nin das pezas da ábsida, nin outras do templo prerrománico que disque a precedeu, pero a igrexa actual, refeita no estilo barroco imperante no século XVIII, conserva aínda fermosos canzorros románicos, metopas e rosetóns baixo o beirado. Fermosos son tamén os dous retablos barrocos das capelas laterais e aínda o máis novo, que fixo hai case cen anos Cumplido de Cadrón, nos que se mostran imaxes de certo mérito e antigüidade.

Desta parroquia de Bermés escribiu recentemente un libro o noso colega Armando Vázquez, no que se ofrecen multitude de detalles e apuntamentos desta senlleira igrexa, que pide a berros unha axeitada rehabilitación que endereite os seus muros que ameazan con derrubarse e que a libere das uralitas do tellado e das filtracións e humidades, que fan podrecer os seus retablos e imaxes.

Compartir el artículo

stats