Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os veciños de Bermés volveron á capela do Carrio

Medio cento de persoas participa nunha visita guiada para coñecer as escavacións

Os veciños de Bermés, na visita as ruinas da capela do Carrio. | // D.G.A.

Case un ano despois da primeira visita guiada ás ruínas da capela do Santo Adrao do Carrio, medio cento de veciños da parroquia lalinense de Bermés e a súa contorna volveron ao histórico enclave convocados pola “Comunidade de Montes de Bermés e outros lugares”, para ver o resultado das últimas escavacións realizadas pola empresa Árbore e Arqueoloxía coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A arqueóloga Elena Taboada Durán, que participou nos traballos de escavación, foi a encargada de dar cumprida conta do labor realizado e dos achádegos que saíron a luz no coñecido como Coto da Capela, un dos cotarelos rochosos da Serra do Carrio.

Sobre estas liñas, a arqueóloga Elena Taboada dá conta das escavacións realizadas. Á esquerda, algúns dos obxectos atopados e unha curiosa pedra con buratos. | // FOTOS: D.G.A.

A polo de agora última escavación deixou de manifesto a maior amplitude da capela do santo, que debeu ser primeiramente un eremitorio, onde poida que vivira no século VIII o anacoreta Luisón que refire a lenda da fundación do Santuario do Corpiño, para logo ser ampliada nos séculos XIV ou XV, época a que pertencen a totalidade dos achádegos que se localizaron nas escavacións: tres moedas de cobre, parte dunha vasilla de varro, restos de cerámica e tellas e un par de cruces gravadas nas pedras que forman as parades laterais. De difícil interpretación é unha pedra de granito que presenta unha ducia de buratos que aparece deitada na cimentación da capela, que semella proceder do primitivo eremitorio onde podería soster uns barrotes de madeira a modo de ventá ou soportar o teito nalgún punto.

Os veciños de Bermés volveron á capela do Carrio

Os presentes fixeron numerosas preguntas e tamén algúns apuntamentos sobre a tradición oral e detalles que lembraban deste enclave, así como da desaparecida fonte do Santo Adrao, existente non lonxe da capela, onde se ameazaba con mergullar ao santo para pedir que chovera en tempo de seca,sendo salvado in extremis por algún veciño piadoso que o avalaba poñendo unha fianza que non recuperaba, chovera ou non. Tamén contaron como vai para 50 anos houbo no Carrio unhas manobras do Exército que fixeron buratos neste punto, estragando a tarima de lousas e parte dos muros que quedaban en pé, dabondo estragados xa polos carrexos de pedra que os veciños da zona fixeran durante anos para artillar as súas casas, dependencias e valados.

Compartir el artículo

stats