Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Remata a recuperación da capela de Santo Adrao do Monte Carrio

Entre os achádegos destacan unha peza de cerámica e dúas moedas, claves para datar a súa construcción | Árbore Arqueoloxía fai unha visita guiada o domingo

Arriba, traballos durante a escavación. Na toma aérea vese a planta da capela unha vez rematada a intervención, aprécianse os muros remodelados eo primeiro recinto na parte superior da imaxe.Abaixo, reconstrución da ola cerámica e detalles das moedas encontradas.

A pasada semana rematou a intervención arqueolóxica na coñecida como Capela de San Adrao, situada no monte do Carrio, dentro dos terreos da Comunidade de Montes (CC MM) de Bermés e outros lugares. A campaña de escavación arqueolóxica foi promovida polo Concello de Lalín, con cargo á subvención para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra, e vén a continuar unha primeira escavación financiada polos comuneiros de Bermés.

Remata a recuperación da capela de Santo Adrao do Monte Carrio REDACCIÓN

O obxectivo principal dos traballos deste ano era a descuberta da planta completa da construción, de xeito que quedase visible na súa totalidade, axudando non só á mellor comprensión do xacemento, senón tamén á creación dun recurso patrimonial nun entorno que xa de por si conta cun rico patrimonio histórico e cultural. Polo que se sabía froito da primeira campaña, a capela correspondíase cunha construción da baixa Idade Media, ou principios da Idade Moderna (séculos XV e XVI), e estaba formada por unha pequena edificación de planta rectangular, con orientación Leste-Oeste, que contaba cunha porta lateral na súa parte Sur e un enlousado interior de grandes laxes de granito. Segundo avanzaron os traballos veuse que a capela de San Adrao agochaba unha complexidade moito maior da agardada, e segundo o equipo que realizou os traballos, podería contar con ata tres fases ou momentos construtivos diferentes.

Remata a recuperación da capela de Santo Adrao do Monte Carrio

Tras a presente campaña semella que a orixe da construción que se observa agora foi un recinto moito máis pequeno, que logo se foi ampliando e modificando en momentos sucesivos, polo menos en tres ocasións. Estas remodelacións e cambios estruturais poden verse en lugares como o enlousado interior que conta con tres niveis diferentes de laxes de granito superpostas. Os cambios afectaron moito ós muros, sobre todo nos laterais Oeste e Norte, e tamén á que tería que ser a porta principal, que non foi localizada, porque seguramente foi selada nunha última fase.

Remata a recuperación da capela de Santo Adrao do Monte Carrio

Semella tamén que a construción podería ter maior entidade da agardada, xa que hai varias estruturas (muros) que saen cara ao exterior da escavación, o que significaría que hai estruturas que aínda están por escavar, facendo un conxunto máis grande e complexo do esperado inicialmente.

Entre as preguntas que quedan por responder, e para o que sería preciso unha nova intervención, están os momentos exactos desas remodelacións, así como se a función de capela se mantivo no tempo, ou se a construción puido ter vidas diferentes.

Semella que a orixe foi un recinto máis pequeno ampliado ata en tres ocasións

decoration

Ademais desta sorpresa, entre os achados destacan dúas moedas, que cando sexan sometidas aos traballos de restauración poderían axudar coas datacións, e unha peza cerámica que apareceu fragmentada pero que conserva gran parte dos fragmentos, e que puido ser reconstruída en gran parte.

A intervención queda completa coa consolidación e posta en valor dos restos, tapando os niveis arqueolóxicos máis fráxiles por motivos de conservación, e agardando que futuros traballos axuden a resolver os segredos que aínda agardan en San Adrao.

Como punto final desta campaña, o vindeiro domingo día 26 realizarase unha visita guiada ao lugar, a cargo do equipo de Árbore Arqueoloxía, que foron os encargados de realizar a escavación, e que responderán ás preguntas dos visitantes e interesados. O punto de reunión é o campo da festa de Bermés, ás 11.30.

Compartir el artículo

stats