Ascender ó cumio do Monte Farelo, limite natural entre as terras de Antas de Ulla, Rodeiro e Agolada, cos seus 952 metros de altitude, e a súa singular silueta que o fai un dos cumios santo e seña desta serra dorsal que separa e divide as terras de Lemos e as do Deza, camiñando dende Aldea do Monte, ou dende Ludeiro en Antas de Ulla, é someterse a un exercicio de reflexión interior, no que os teus sentidos alcanzan esa tan necesaria calma ao tempo que te sentes pequeno, moi pequeno ante a grandiosidade da naturaleza, e a obra dos deuses, que un día si e outro tamén os homes nos encargamos de forma inconsciente de ir estragando sen remedio.

O mirador do Farelo. | // Á.U.B.

O Monte Farelo, fronteira natural do interior de Galiza, onde podemos atopar o centro xeográfico do país, por certo no seu cumio existe un vértice xeodésico, do que hai anos desapareceu a súa placa de identificación, algúns contan que roubada polos xitanos porque estaba feita de cobre e ben xeneroso en rochas graníticas, moitas delas hoxe en dia aínda destinadas as construcións e edificacións de edificios, vivendas e muros das aldeas e vilas do noso Concello e sen dubida permite unha visión nítida e profunda das terras de Abeancos e a Ulloa, os dominios dende o Val do Carrio, no veciño Concello de Vila de Cruces, ata a impoñente sombra recortada sobre o horizonte dos cumios da Serra do Candán. As Penas Gundín, Maior, o Castro Marcelín e o monte Coitemil de Agolada, por suposto a Serra do Faro, entre Chantada e Rodeiro, lugar de paso obrigado para os peregrinos e viaxeiros que viñan polo Camiño de Inverno, escapando das neves do Cebreiro, e tomaban esta variante alá en Ponferrada, (A Ponte Ferrato dos romanos), dende O Farelo hoxe resulta o grande descoñecido desta dorsal do país, e quen sabe cantos misterios agocha no seu interior e canto nos falta por descubrir e coñecer do que foi o cumio sagrado para os nosos ancestros durante o esplendor da cultura castrexa. Dende aquí aguzando a vista podemos descubrir as chemineas de Meirama, e dende logo a característica forma do Pico Sacro camiño a Compostela, tan especial, como mítico e cargado de lendas e historia.

Panorámica desde o monte Farelo | // Á.U.B.

Este lugar foi hai séculos sagrado, lugar de culto e adoración no que os restos da cultura castrexa resultan mais que evidentes nos castros que atopamos en Agolada, (Ventosa, Trabancas, Tras castro, Ermida, Borraxeiros, como pola parte da Ulloa e Rodeiro, así como a abundancia de petroglifos, mámoas e outros restos arqueolóxicos nas varias laxes atopadas en Somozas, Bellos, San Fiz e outros lugares.

Vértice xeodésico. | // Á.U.B.

Aquí xusto aos seus pés, nas brañas enlamadas de Aian, por onde corren as augas dos varios regos e regatos que van formar o río Ferreiroa, ata rematar o seu curto transitar polas nosas terras entregándose nás frías augas do Arnego, ó redor dunha daquelas feiras, atopamos o berce de Agolada, que pouco a pouco ía trasladarse máis arriba buscando mellor acomodo, nese rueiro de camiños, onde as postas paraban para descanso dos viaxeiros e cambiar as cabalarias, das dilixencias e carrozas que ían camiño a Compostela, onde levantaron os Pendellos, como recinto feiral e acubillo de homes e bestas.

Estamos moito máis preto do ceo, ollando dende este adefesio miradoiro que alguén tivo a ocorrencia de facer innecesariamente aquí arriba, porque para ver tan so fai falla saber mirar, e non se precisan plataformas de ferro e cemento para quedar abraiado diante de tanta impresionante fermosura. Por certo que unha nova vítima desta barbarie, moda dos nosos tempos, nos que os modernos bárbaros danse en arrasar todo o que atopan. Dende estas rochas, saltando entre toxos e xestas, pedras e penedos pensamos no mal trato que inxustamente ten soportado esta terrible atalaia natural. Canteiras que arrasaron impunemente restos arqueolóxicos. Tarabelas de desproporcionado tamaño, como modernos muíños, auténticos parques eólicos, que debuxan pistas e pistas, feridas e fendas máis ben nesta terra mal tratada, explotacións forestais de eucaliptos, agora ata a base mesma do monte modificando substancialmente a silueta e o contorno deste lugar nos que os camiños naturais foron desaparecendo por mor dun progreso que non entende de respecto o medio no que a toponimia nos da pistas do que foron estes lugares; Curro de eguas, chao dos mouros, Pena da Virxe, a Torre Vella ou a Torre nova, a Pena das Huchas, etc.

No cumio do Monte Farelo, segundo contan as lendas hai un burato que leva directamente ata a fortaleza do Castelo de Amarante. Deste burato coñecido como A Cova dos Mouros, hai anos saíu mais repoludo que nada un galo, que soltaran na lareira da cociña do pazo, polo que verdade, conto ou lenda, a tradición oral recolle como certo o feito anecdótico da existencia, aínda que nunca comprobado de tal furado, pasadizo de escape u fuxida en caso de perigo polos moradores da mencionada fortaleza do Castro de Amarante, levantada no século XIII posiblemente sobre os restos do castro que inicialmente construiran os seus moradores. O burato evidentemente existe, pero non hai probas de que transite por baixo do Monte Farelo como un pasadizo segredo para fuxir da fortaleza en caso de asedio.

Capela de Aldea do Monte

Deixando de lado a lenda, o que si é un feito comprobado e real, é a existencia no máis alto do Farelo, dos restos do que foi a Ermida de San Silvestre, hoxe venerada na capela de Aldea do Monte, onde os veciños de Ventosa, levaban en andas cara arriba en romaría, polas vellas congostras de Vilar ata a Aldea do Monte, e dende alí o cumio do monte, no día da Virxe do Faro. Por certo que na nova capeliña de Aldea do Monte, o moderno San Silvestre, preside o altar, custodiado a esquerda pola pequena talla da virxe do Carmen, e a dereita, pola de a Virxe dos Milagres, que foi doada por unha vella mestra que hai anos se ocupaba dos nenos e nenas da escola da aldea, este moderno San Silvestre suplanta o lugar daquela outra talla, a vella, a que fáltalle un brazo e que se garda no fallado da mesma capela.Alí podemos atopar os restos do que era coñecido como o “curro de eguas”, así como as dúas torres, quen sabe se atalaias, ou torres defensivas, ou fortaleza, ou castelo, e que na toponimia do lugar se recollen como A Torre vella e a Torre Nova.

Decidido a desvelar o misterio do burato, cova ou mina dunha vez por todas, hai tempo fun da man do noso bo amigo e veciño de Aldea do Monte, o sr. Claudio, a visitar e fotografar esta coñecida como a Cova dos Mouros, do conto, que evidentemente non leva ata a cociña do castro de Amarante, nin farrapos de gaitas, pero que certamente resulta un lugar perfecto para permanecer agochado, polo que non podo descartar que durante e despois da Guerra Civil, guerrilleiros, maquis e fuxidos atoparon agocho no seu interior, tal e como a tradición popular recolle no caso da Cova do coto dos Mouros de As Trabancas, onde din os mais vellos do lugar se refuxiaba o Foucellas, fuxindo da Garda Civil. A cova ten aproximadamente un diámetro de entre cinco seis metros, con dúas entradas, colídante e orientadas cara ao sur, xa que a cuberta está formada por unha única rocha granítica impoñente, que no medio quedou afundida, impedindo o paso libremente entre os dous habitáculos que actualmente a forman, e cunha profundidade de dous metros, non mais. O chan de terra, limosa de cor verde, posiblemente sedimentos, acumulados o longo do tempo, e no que podemos apreciar restos de excrementos de animais, coellos principalmente. O acceso unicamente é posible arrastrándose cara o fondo do burato, xa que a súa altura non permite estar nin sequera sentado, unicamente deitados é posible ver que o seu orixe é sen dubida natural polo asentamento rochoso destas enormes laxes unhas sobre outras, e o efecto natural dos elementos sobre elas.

Outro cantar é no que respecta os comentarios de Antonio Presas, da existencia de buratos o covas no Farelo, nun dos seu artigo publicados por FARO DE VIGO en Agosto do 2018. A existencia de covas en dominios graníticos, como o Monte Farelo, é coñecida, aquí en Galicia, desde hai pouco máis dunha década. É o caso das covas de “A Trapa”, na Serra do Galiñeiro, posiblemente a maior de España, que foi descuberta no ano 2007 a partires da existencia dunha lenda e tamén porque os paisanos da zona coñecían gretas e o gando perdíase con bastante frecuencia no monte. As covas do “Folón” teñen, ase mesmo, unha gran importancia, porque nelas atopáronse restos de utensilios do Neolítico.

Tendo en conta todo isto e as referencias dalgúns veciños da aldea de Monte (Agolada) é moi posible que no Monte Farelo existan covas naturais de lonxitude e profundidade indeterminadas, que ben puideron ser a base da lenda aquí referida. Se observamos o mapa xeolóxico desta zona apreciamos a existencia de varias fendas, fracturas e fallas de dirección SO-NL, que poden servir de liñas de dislocación da masa granítica e polas que é posible que se formaran covas, de momento descoñecidas. O seu descubrimento e estudo serían de gran importancia xeolóxica.

A verdade é que descoñecemos a súa existencia, e aínda que si se sabe da existencia de minas de auga, e pozos, mesmo algún deles usado para dar servizo as casas da veciña Aldea do Monte, nunca ninguén atopou buratos nin covas, do tipo que apunta o mestre e xeólogo Presas no seu artigo, a non ser o lugar de a coñecida como A Pena Lobeira, no que hai anos atoparon seis crías de lobo, pero cuxa profundidade tampouco e significativa salvo como acubillo destes antes animais, que foron perseguidos e practicamente aniquilados, non moi afastado desta pena Lobeira, existen restos do que debeu ser un foxo de lobos. Típica construción popular na que se levaba obrigados os lobos ata un pozo ou foxo onde eran sacrificados a pedradas e paus.

De calquera xeito, o Farelo, como cumio sagrado, agocha aínda segredos por descubrir, e algúns restos desaparecidos co paso do tempo entre a maleza, e a forza imparable da naturaliza, das xestas, uces, toxos, e outras vexetación que pouco a pouco cobren os restos dos muros da capela de San Silvestre, os do curro de Eguas, ou mesmo as coñecidas como Torre Vella e Torre Nova, quen sabe se outeiro de vixía e control, castrexo, sen esquecer a transformación sufrida polo monte por mor dos parques eólicos e a proliferación de tarabelas, e canteiras que sen dubida deberon estragar boa cantidade de restos arqueolóxicos e patrimonio cultural dos nosos ancestros, chama a atención a enorme cantidade de restos arqueolóxicos, en forma de petróglifos e mámoas que se coñecen na vertente Norte, do Farelo, precisamente a do Concello de Antas de Ulla, e nos aquí, no lado Sur e Oeste do noso monte non podemos presumir nin amosar unha soa laxe ou restos do noso pasado, lamentablemente. O percorrido propiamente dito, con infinidade de variantes e posibilidades de irmos achegando a un ou outro lugar, vai permitirnos visitar aldeas e lugares dunha singular beleza.

Nos peores días de inverno non resulta nada difícil ollar para o Monte Farelo e velo co seu característico pucho, do que din os vellos que mais saben de isto; Cando o Farelo ten o pucho posto, auga de certo.