Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Serán das Letras Galegas de Lalín terá lugar o martes 17 na Carballeira do Rodo

O evento estrela da programación de maio inclúe obradoiros, xantar popular e actuacións de grupos tradicionais | Teatro, literatura, danza e música completan a oferta de Cultura

Actuación do Serán das Letras Galegas de Lalín no 2020 na Praza da Igrexa. | // BERNABÉ/ANA AGRA

A programación cultural do mes de maio en Lalín leva o lema de “Brindemos polas Letras Galegas” e foi presentada esta semana pola concelleira de Cultura Begoña Blanco e Xaime López, da empresa Urdime, organizadora do Serán das Letras Galegas de Lalín, o certame estrela da oferta municipal. A principal novidade con respecto a este evento será que por vez primeira vaise desenvolver o vindeiro martes, día 17, no enclave da Carballeira do Rodo. O Serán das Letras Galegas de Lalín está dividido en varias partes. A primera delas dará comezo ás 12.00 horas cun obradoiro de técnicas de castañetas no baile tradicional galego que será impartido por Xisco Feijoo e Carlos Quintá. De seguido, a partires das 13.30 horas chegaralle o turno á sesión vermú con Os D’Abaixo e un xantae popular na carballeira de 14.00 a 17.00 horas, onde a xente terá que levar as súas viandas. Ao remate do ágape popular terá lugar o serán propiamente dito, cunha festa coa participación de Ailola de Lalín, Ponte da Prata de Botos, Os Trasnos de Doade, Os Dezas de Moneixas, a Asociación Grupo de Gaitas Repenicando e Carballo da Manteiga.

Xaime López salienta que “é un cambio que hai que valorar, porque dá a sensación de que O Serán das Letras Galegas de Lalín colle outros matices, que é pasar o día en comunidade”. Para o integrante de Urdime o evento pón en valor o feito de que “os distintos grupos participantes convivan entre si e creo que ese é o espírito dun serán, de que os grupos se coñezan e que medren novos seráns e que deste xeito se disfrute da xornada”. López también afirma que “os espazo é inmellorable. O ano pasado xa se tentou facer alí pero choveu e este ano, aínda que non está encargado o bo tempo, pero creo que vai estar bo. E convidar a traer as viandas para que se poida pasar alí a tardiña en compañía”. Blanco tambén lembra que o serán está aberto “a todo aquel que queira participar ou levar a súa manta e sentarse na herba. Tamén faremos un video do día para poder colgalo nas redes sociais e resumir o que foi a xornada”.

Programa

A oferta cultural de Lalín complétase, onte, coa presentación dacolección de libros infantís “Os Balbinos”, as 20.00 horas, no hall do Concello. O domingo día 15, no mesmo recinto, a Banda de Vilatuxe ofrecerá o Concerto das Letras Galegas ás 13.00 horas, e as 12.00 e as 18.00 horas Máisquedanza celebrará o seu décimo cabodano. Xoán Curiel será o protagonista do luns día 16, as 11.00 horas, no Salón Teatro co espectáculo “Cantando as nosas letras”. Begoña Blanco tamén lembra que o día 18 con motivo do Día Internacional dos Museos ampliaránse os horarios dos museos municipais para facer visitas continuadas durante todo o día.

O teatro chegará a Lalín o día 21 coa compañía Ítaca e Formigas no Peto, ás20.30 horas no Salón Teatro. E o luns 23 terá lugar un obradoiro contra o machismo impartido por Carmen Ruiz Repullo tanto para rapaces como para os adultos. O mércores 25 haberá unha nova sesión da Escola de Familias vía online, e os días 28 e 29 será o turno para o concurso de Stars Dance Galicia no auditorio, o pavillón e o multiusos Lalín Arena cun xeito de campamento para todos os participantes deste evento artístico.

Comunidade para fomentar nos nenos á lectura

A Concellaría de Cultura de Lalín promove a creación dunha comunidade para fomentar o hábito lector e a normalización lingüística entre a cativada. O grupo denominado “Os e As Mirlotís” toma o seu nome do personaxe de Mirlotil, gnomo inventado por Laxeiro ao que atribuía a súa inspiración. O nova comunidade de pequenos lectores reunirase cada dúa semanas na Biblioteca Pública Varela Jácome, ás 18.00 horas. Os segundos venres de cada mes será o turno para os nenos de 4 a 7 anos, mentras que os cuartos venres de mes estará adicado a rapaces de 8 a 12 anos. Serán sesións participativas, nas que os asistentes seguirán unha “dinámica grupal”, tal e como sinala Blanco. Deste xeito, o 27 de maio será a presentación oficial de “Os e AsMirlotís”. De seguido, o 10 de xuño é a cita para os nenos de 4 a 7 anos, e o día 24 de xuño para os que teñan de 8 a 12 anos.

Seminarios e concertos no Orgullo de Lalín

O Orgullo de Lalín de 2022 está programado para os días 27 e 28 de maio. Aínda que están por coñecer os pormenores da súa programación, Begoña Blanco adianta que “haberá seminarios, concertos tanto na Rúa Rosalía de Castro como na Praza da Igrexa e tamén vai haber algún espectáculo infantil no Parque de Loriga. Vai estar o pobo decorado e ambientado, como se fixo no ano pasado e esperamos que funcione ben”. O venres no Salón Teatro, ás 10.30 horas, terá lugar o V Seminario de Educación Afectivo Sexual e Diversidade e ás 22.00 horas un concerto na Praza da Igrexa. O sábado, ás 13.30 horas o concerto será de novo na Praza de Igrexa, seguido dun espectáculo infantil ás 17.00 horas no Parque de Loriga, e dous actuacións musicais máis na Rúa Rosalía de Castro (19.00 horas) e na Praza da Igrexa (22.00 horas).

Axenda de novas municipais vía WhatsApp

O Concello de Lalín vén de poñer en marcha un grupo de WhatsApp nomeado “Novas da axenda de Lalín ou Axenda Cultural do Concello de Lalín”, tal e como explica Begoña Blanco. Trátase do número 616 275 802, que en realidade é unha lista de difusión donde para entrar hai que mandar a palabra “alta” a ese teléfono e automáticamente estase nunha lista de difusión na que aparecen as programacións do Concello de Lalín. A concelleira de Cultura manifesta que a lista está pensada para que “a xente se entere do que hai en Lalín porque as veces temos un problema para poder chegar a todo o mundo dunha maneira máis sinxela, e sobre todo accesible porque co móbil andamos a diario”. A responsable de Cultura tamén adianta que no verán programarase o certame “Nin Arre nin Xo” para os cativos, o Titirideza e o Lalín Rock nunha fin de semana con grupos locais. Tamén está previsto o “Lalín con ritmo” con grupos “ochenteros e tamén cubanos”. O Clarinet Fest repite e haberá unha Feira do Libro para outubro, entre outros eventos.

Compartir el artículo

stats