Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Socios de A Nosa Galiza de Xenebra, nunha comida de confraternización. | // ANA AGRA

Acento dezao en Xenebra

A Nosa Galiza organiza eventos gastronómicos e ten desde 1981 un grupo de baile

En febreiro de 1967 un grupo de emigrantes galegos fundaba na cidade suíza de Xenebra o colectivo A Nosa Galiza de Xenebra, que nos seus mellores tempos chegou a ter 520 socios. Hoxe, case seis décadas despois, rexistra 150 membros, entre os que destacan os oriundos de comarcas como as de Deza, Tabeirós-Montes ou Melide, de onde é o secretario xeral deste colectivo, Antonio Sánchez.

Premiados durante o torneo de tute que organizou o colectivo a pasada fin de semana. | // ANA AGRA

“Nos últimos anos, varios emigrantes decidiron voltar á súa terra”, explica Sánchez, e de aí a reducción de membros de A Nosa Galiza. Pero isto non lle impide a esta sociedade cultural e deportiva seguir realizando actividades coas que seguir vencellada á súa entidade. A máis veterana é unha formación de música e baile tradicional, o Grupo A Nosa Galiza, que se fundou a comezos da década dos anos 80 “e no que hai relevo, porque a xente nova segue interesándose por el”.

Neste grupo intégranse varias persoas con raíces tanto na Estrada como na Bandeira, e xa teñen actuado en varios eventos e festas non só deste colectivo de emigrantes, senón noutros actos de Xenebra e incluso en municipios veciños, para amenizar o fin de curso. “Tamén forman parte, moitas veces, de actuacións xunto a outros grupos de música tradicional noutros cantóns de Suíza, e ademais teñen estado en certames de Holanda e Barcelona”. Na capital catalá actuaron en 2007, e incluso Grupo A Nosa Galiza participou nunha edición do festival Folk de Raíz, de Callobre, na Estrada.

O grupo folclórico A Nosa Galiza de Xenebra, durante un ensaio.

Actuación en Santiago

E non sería a primeira vez que o grupo visitara a terra dos seus devanceiros. Está previsto que no verán participe en Santiago de Compostela nos actos relacionados co Dia da Galicia Exterior, o 9 de xullo. Por iso, días atrás a formación musical estivo grabando un vídeo para remitirllo á Xunta.

Máis preto no calendario, con motivo do Día das Letras Galegas, A Nosa Galiza de Xenebra acollerá unha conferencia sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, o escritor a quen se homenaxea este ano. Será o 21 de maio outro escritor e ademais columnista de FARO DE VIGO, José Ramón Pena Sánchez, quen aborde o legado do literato valdeorrés na cidade suíza.

Anos atrás, o colectivo de emigrados en Xenebra tamén organizara clases de lingua galega, pero por motivos laborais os alumnos e alumnas tiñan que acudir ata en domingo para cubrir as horas, e para obter o certificado do Celga era imprescindible desprazarse ata Compostela e realizar aquí o exame. Neste cursos chegou a haber 30 inscritos, case o dobre dos 17 que marca a Xunta para enviar un docente que imparta as clases.

Cocidos e empanadas

Como vemos, A Nosa Galiza mantén viva a lingua e literatura galegas no país suízo, pero tamén as tradicións gastronómicas das vilas onde naceron os membros do colectivo. Durante os fins de semana e dende 2019, pode empregar as instalacións do local Brasserie Restaurant Arcoop, onde festexa o Entroido con dous inseparables compañeiros: un Cocido ao estilo de Lalín e filloas dignas da festa de Lestedo. Ao longo do ano, tamén elabora empanadas, e celebra festas gastronómicas en lembranza ás de latitudes próximas ao Deza, como a do Pulpo do Carballiño. Pero tamén quere combinar a tradición dos países de procedencia dos emigrados coas da terra que os leva acollendo desde hai anos. “Aquí é festivo o primeiro xoves de setembro. Ese día facemos unha sardiñada nunha carballeira, para todos os socios da Nosa Galiza”, apunta Antonio Sánchez.

E mentres non chegan as datas das grandes celebracións esta sociedade cultural e deportiva vai recuperando, pouco a pouco, actividades, como está facendo calquera colectivo despois da pandemia sanitaria. A pasada fin de semana puxo en marcha un torneo de tute, no que participaron 14 parellas. “Son cousas que facemos unha ou dúas veces ao mes, o tute ou competicións ciclistas”. como unha volta ao Lago Lemán, o máis grande da Europa Occidental. Tras esta competición, duns 120 kilómetros, as familias disfrutan en comunidade dunha comida campestre. Para recuperar forzas e sobrelevar ese sentimento tan galego de morriña.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.