Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha estrela no país do Sol Nacente

O estradense Pla Vinseiro vén de realizar ca súa banda Crisix unha exitosa xira por varios países de Centroeuropa, co gallo de presentar un novo disco que verá a luz o 15 de abril

Pla Vinseiro, nunha das súas últimas actuacións no verán do ano pasado.

Plácido García Vicente, conocido no mundo da música como Pla Vinseiro, é un dos artistas estradenses máis internacionais da actualidade. Aínda que sempre está traballando en varios proxectos e colabora con diferentes grupos (de feito, vén de producir o novo EP dos estradenses Pants Off), Pla asegura estar “totalmente centrado” en Crisix, a súa “banda principal”, que ten as súas orixes en Barcelona e está sendo moi recoñecida dentro do ámbito do metal en todo o planeta. Vinseiro é o seu baixista, ademais de realizar labores de composición e coprodución con eles.

Crisix finalizou a semana pasada unha xira de varios meses por un bo número de países centroeuropeos. Esta viaxe dividiuse en varias partes, debido ó gran número de cidades que pensaban visitar. Comezárona en setembro, retomárona en novembro e durante as últimas dúas semanas afrontaron a última parte da xira. Realizaron este tour acompañados por outra banda austríaca que actuaba como teloneira, nos concertos que Crisix realizou en países como Alemaña, Bélxica, Holanda ou Austria, entre outros. Pla mostrouse “moi contento” da acollida que tiveron nestes diferentes puntos da xeografía centroeuropea, e sinalou que tiveron que “traballar moitísimo” para poder ser “das primeiras bandas en facer xiras deste tipo” despois da pandemia. O músico estradense engadíu que “foron case os primeiros” en saír de tour, o que manifesta “o brutal crecemento” que está esperimentando Crisix nos últimos tempos, unha banda que nesta ocasión, ata contou cun grupo de fieis que os seguiron por varios países, “como sucedía nos 70”.

Despois deste periplo por Centroeuropa, Pla Vinseiro e Crisix teñen outras datas marcadas en vermello no calendario. As citas máis importantes que os esperan desenvolveranse en Francia, unha terra na que son moi recoñecidos. Primeiro efectuarán unha xira polo país e despois irán ao Hellfest, o festival máis grande de Europa deste xénero. Grazas ao tour, tocarán en salas míticas como a Bataclán. Por outro lado, o festival francés Hellfest é unha oportunidade de “moito nivel”. Por contextualizar, tocarán no mesmo escenario que Metallica, o día que o fagan Megadeth e Alice Cooper.

Pla Vinseiro (dereita), co resto de integrantes de Crisix en Xapón.

Toda unha vida adicada ó mundo da música

Vinseiro tivo os seus primeiros contactos coa música sendo un neno, na academia Eco Música da Estrada. Uns anos despois, mentres cursaba os seus estudos de piano no conservatorio estradense, comezou a tocar a guitarra eléctrica de maneira autodidacta e formou Mutant Squad, a súa primeira banda de metal. Coa formación da Estrada, Pla Vinseiro obtivo un recoñecemento importante a nivel nacional dentro do seu estilo, e percorreu toda a Península Ibérica, tocando en festivais moi importantes como o Resurrection Fest ou o Vagos Open Air de Portugal, cando aínda era, practicamente, un adolescente. Despois do instituto, graduouse en Historia e Ciencias da Música pola Universidad Autónoma de Madrid, antes de regresar a Galicia para impartir clases en varias escolas de música moderna. Nós últimos anos, Pla Vinseiro seguíu formándose e traballando como músico de sesión, arreglista e produtor para un sinfín de bandas e tamén para algún programa televisivo, como o Land Rober.

Pla coñeceu a Crisix arredor do ano 2008, cando se fundou a propia banda. Vinseiro tocaba daquela en Mutant Squad e as dúas bandas comezaron a manter relación, porque eran das poucas que se integraban dentro do xénero thrash metal en España. Vinseiro recoñece que Crisix “petouno moito” dende o primeiro disco, e co paso do tempo acabou colaborando con eles. No ano 2018 realizou unha xira con eles e acabou formando parte do grupo. Actualmente, Crisix é o seu “proxecto principal” e permitiulle acumular vivencias como as súas viaxes aos Estados Unidos ou ao Xapón, país no que o sorprendeu gratamente que “a xente sabía os nomes” de todos os integrantes da banda. Despois da pandemia, Pla espera seguir acumulando vivencias.

Compartir el artículo

stats