O XVI Premio ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez 2022 deu a coñecer onte as súas gañadoras: Laura Galego Vázquez, pola empresa Laura Galego Clínica Dental, na categoría de Xove Empresaria; o equipo de dirección Supernova Asistencias SLA na de Empresaria Innovadoras; Luisa Rodríguez Rodríguez, de Taberna Penalta, no apartado de Toda unha Vida; e Marta Varela Fernández, primera árbitra de rugby galega en rexional, no de Mulleres en Movemento.

Este galardón está promovido polo Concello de Lalín a través das súas concellerías de Igualdade e Comercio con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Con este recoñecemento quere distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e profesional das mulleres lalinenses. Os premios serán entregados este martes, día 8, ás 20.30 horas, nun acto público no Museo Municipal. O xurado estivo integrado polas concelleiras de Política Social e Comercio; o edil de Emprego, a psicóloga do CIM; a técnica de Emprego; o axente de Igualdade;a secretaria técnica da AED e o axente de Igualdade.

Laura Galego, na súa clínica. BERNABE/JAVIER LALIN

“Foi unha sorpresa recibir este galardón, non o contaba para nada”

Todas as galardoadas coinciden na súa sorpresa e agradecemento por seren as escollidas para recibir estes recoñecementos.. Laura Galego Vázquez (Agolada, 1987) abriu o ano pasado a súa clínica dental na rúa Vidal Abascal, en plena pandemia. E o balance deste primeiro ano de funcionamento “é moi bo”. Agora mesmo conta cunha hixienista e unha cirurxiá.Non descarta ampliar servizos a medio prazo. Laura Galego formouse na USC e realizou máster de ortodoncia e ortopedia dentofacial en Madrid, así como de ortodoncia invisible en Barcelona.

O equipo de dirección de Supernova. BERNABE/JAVIER LALIN

“Temos centros por toda España e neles apostamos polas mulleres”

Dende Supernova Asistencias SLU Sira Covelo Núñez quere transmirtir o agradecemento de todo o equipo de dirección por este premio como Empresaria Innovadora. Conforman dito equipo Iria López Borrazás; Begoña Salgueiro Brea; Mayre López González; Ana Seco González e Beatriz Ulloa Loño.A firma leva en marcha desde 2009 e aposta pola xestión de persoas á frente de distintos servizos, abarcando campos como a consultoría a empresas e organizacións, o apoio administrativo a entidades públicas, o ocio educativo e a dinamización cultural.

Tén centros de traballo por toda España, nos que apostan polas mulleres dado que situar persoal feminino en postos de decisión é altamente rendible e positivo. A empresa, ademais, ten claro nas suas estratexias a conveniencia dunha nova organización social na que homes e mulleres non só teñan igualdade de oportunidades, senón que ademais poidan enriquecerse mutuamente aportando experiencias e propostas.

Luisa Rodríguez, na taberna que abriu en Madriñán en 1969. BERNABE/JAVIER LALIN

Medio século compaxinando a taberna coa crianza das fillas

Fronte á innovación,a experiencia que dan os anos. A categoría Toda unha Vida recae en Luisa Rodríguez Rodríguez, de 75 anos de idade. Primeiro puxo en marca co seu marido (finado hai 8 anos) unha xastrería na que facían roupa a medida, e en 1969 abriron en Madriñán a Taberna de Penalta, que ademais era ultramarinos.

Luisa estivo 50 anos atendendo o negocio, que non pechaba nunca salvo durante algunhas horas se había algunha celebración familiar. Xubilouse en 2019, pero iso non supuxo levar unha vida máis tranquila. A súa filla Mari explica que agora se encarga de preparar as comidas para os seus seis netos. Iso si, saca tempo para disfrutar das excursións para persoas xubiladas, engade. A taberna segue aberta e atendida polas dúas fillas. Foi Mari, xunto a unha amiga, a que a propuxo para o galardón.

MARTA VARELA, nunha imaxe de arquivo.

MARTA VARELA, nunha imaxe de arquivo. Cedida

“Ser árbitra dá poder interpretativo, ver qué fan ou non 30 persoas”

Por último, este martes Marta Varela Fernández recollerá o galardón Mulleres en Movemento. Naceu e vive en Delaparte, e non é a primeira vez que acode aos galardóns Maruja Gutiérrez. En 2018 o seu equipo de rugby, Abellonas-Clube Rugby Coreti Lalín xa recibiu o mesmo galardón plo seu labor social, pola promoción deste deporte e dos seus valores cara a igualdade. Foi o mesmo ano en que ganaran a liga galega.

Marta Varela decidiu cursar a formación de arbitraxe, o que lle permitiu “coñecer as regras, e iso sempre che axuda a ser mellor como xogadora”. Despois, veu a oportunidade de arbitrar categorías inferiores (ela está en senior feminino) “e descubrín que me gostaba. Cando estás arbitrando, eres como unha espectadora, tés que ver qué fan ou non fan 30 persoas. Hai moito poder interpretativo”

Tras ese curso de 2018 marchou a Portugal, onde estivo xogando durante dous anos no Rugby Agraria en Coimba. Xa de volta, segue sendo a primeira árbitra de rugby galega en rexional, ainda que si hai máis en nacional ou noutras ligas rexionais. Quere destacar, nesta etapa, o bo acollemento. “Volvín nesta tempada e fun moi ben recibida” e destaca, sobre todo, o apoio de Santi Castro, árbitro nacional.

Rachar con esterotipos

Cabe destacar que os premios Maruja Gutiérrez se puxeron en marcha para difundir as achegas das mulleres lalinense á sociedade, promovendo a transformación de estereotipos sexistas e rachando coas situacións de discriminación por razón de xénero. Tamén quere recoñecer o esforzo de veciñas, ano tras ano, na igualdade de oportunidades, para que sirvan de exemplo á sociedade e sobre todo de referente para as novas xeracións de mulleres.