Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha historia de Nadal

De como un desexo a Papá Noel se fixo realidade por partida triple

Carmen Sánchez posa coas súas tres fillas o pasado día de Nadal.

Estes días andamos tristeiros pola casa, pois un dos nosos deixounos a principios de mes. Sempre doe, claro está, pero máis cando unha circunstancia tan dura ocorre na época do ano na que case é obrigatorio ser feliz e estar contento. Tamén hai que diferenciar entre un concepto e outro, pois se ben a felicidade parece que fai referencia a un estado que perdura no tempo, o de estar contentos é algo máis efémero. Podemos dicir, logo, que nestas festas non o estamos tanto coma outros anos. Aínda así, e tratando de calmar a dor do peito, temos a sorte de poder celebrar este mes cousas bonitas. E aquí pasan a ser protagonistas os desexos que todos manifestamos –ou non– para tempos posteriores.

Así andaba eu, alá polo ano 2005, nunca escola de Boiro á que, de cando en vez, aínda lle vou facer unha visita no verán cando me achego por alí. Tiña 10 alumnos misturados de tres idades diferentes. Tamén tiña moitas ilusións e desexos por cumprir. Considérome afortunada, pois todo foi chegando sen contratempos. Soñaba con aprobar a oposición e tamén con ser nai. Se ben sempre prioricei os estudos e o traballo, chegou un momento no que o instinto maternal cobrou moita importancia. E fun dándome conta pouco a pouco. Ao traballar con nenos e nenas comecei a valorar máis ca nunca o sentimento de cariño que me profesaban e ao que eu, naturalmente, lles correspondía. A verdade é que botaba moito de menos vivir esta experiencia.

O ano estaba a piques de rematar e Papá Noel foi onda nós para anotar no seu listado especial o que queriamos que nos trouxera. Alá foron os nenos e nenas, un por un, a dicirlle case en segredo o que desexaban para o Nadal. E eu non puiden resistirme a ser menos. Antes de que marchara manifesteille o meu desexo de ser mamá. Non sei se a miña petición lle sorprendeu por non referirme a algo material. O caso é que, anos despois, concretamente o 25 de decembro de 2013 naceu a miña terceira filla, Irene. Pero antes, despois da cea de Noiteboa coa familia, procedín ao ritual que facía tódolos anos nestas datas: vestirme de Papá Noel para repartir os agasallos entre os da miña casa. Cando rematei marchamos para o hospital. Non podía recibir nada máis valioso que a maternidade das miñas fillas, unha das cales foi o mellor agasallo de Nadal, outra o do meu cumpreanos e outra máis o do Día dos Namorados.

Hoxe Irene cumpriu oito anos. Aínda que estes días teñamos un sabor agridoce na boca, seguiremos tendo datas felices para celebrar. Celebraremos, si, a vida de todos os que estamos.

*Mestra e veciña da Estrada

Compartir el artículo

stats