Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Natalí González con políticos e promotores dunha visita guiada.

Deza

“Os maiores descoñecedores da nosa historia somos os veciños”

“Unha das persoas que máis nos impulsou e axudou foi Xosé Neira Vilas, era un grandísimo versado da historia da nosa zona”

Traballa como enfermeira, pero unha boa parte do seu tempo libre invísteo na Asociación Amigos da Ponte de Ponteledesma. Tras unha andaina que comeza no 2015, o proxecto atópase agora en pausa con motivo da situación sanitaria que sufrimos.

–Como xurdiu a Asociación Amigos da Ponte?

–Naceu porque as que fomarmamos parte da iniciativa, que somos tres, Alejandra, Araceli e eu, estabamos na asociación de veciños. Estaban buscando xente máis nova e fomos parte das que entraron na directiva, aínda que había máis persoas. Nós entendiamos a asociación de veciños como un núcleo de difusión cultural, centrámonos sobre todo nesa cuestión: organizar charlas, achar un pouco a historia da nosa aldea... Cando saímos da asociación, foi cando decidimos poñer en marcha Amigos da Ponte de Ponteledesma.

–Recibiron apoios á hora de iniciar o proxecto?

–Si. Unha das persoas que máis nos impulsou e axudou foi Xosé Neira Vilas. Era un grandísimo divulgador e coñecedor da historia da nosa zona. A él doíalle moito que unha gran parte dos veciños non coñecesen a historia do que temos aquí ao carón. Non soamente apoiaba cos seus coñecementos, senón que nos achegaba contactos de persoas que nos podían facilitar información sobre eventos e historias que aconteceron aquí. A súa axuda foi vital para o desenvolvemento da asociación.

–Foron sinxelos os comezos?

–Nós somos unha asociación non oficial, por así dicilo, un pouco desastre nese sentido. Ningunha das tres estamos vinculadas co mundo da cultura ou do turismo directamente. Non estudamos historia ou outras carreiras coas que quizais si se podería relacionar mellor ese interese por mergullar na historia da zona. Cando conformamos a asociación, tiñamos claras dúas cuestións. En primeiro lugar, que lle iamos dedicar o tempo que puidésemos, xa que cada unha de nós ten as súas ocupacións laboirais. E segundo, que non nos agradaba manexar diñeiro, danos un pouco de alerxia.

–Que tipo de actividades se adoitan levar a cabo?

–O que organizamos sobre todo son actividades que non supoñen ningún custo económico. Antes da pandemia, faciamos bastantes rutas de sendeirismo por aquí explicándolle á xente os acontecementos máis relevantes do lugar. Valíanos calquera motivo. Tamén fixemos visitas guiadas con Suso Martínez. Para estas ocasións si que contabamos coa colaboración dos concellos de Boqueixón e Vila de Cruces. Pero sobre todo, sempre tentabamos difundilo entre os veciños. Os maiores descoñecedores da nosa historia somos os propios veciños. En ocasións atópaste con sorpresas. Recordo unha rapaza que estivera por aquí nun evento e coa cal puiden dialogar un anaco. Era historiadora e contoume que aquí en Gres houbo unha cárcere de mulleres entre finais do século XIX e comezos do XX, algo que nós descoñecíamos por completo mentres que unha persoa foránea si que o sabía.

–Por que é tan significativa esta ponte?

–Aquí tiveron lugar moitos feitos relacionados coa Guerra de Independencia, a Guerra Carlista... Ademais, era un enclave para os comerciantes. Non hai moito descubrín que os Altamira, unha grande familia de Galicia, tiñan moitas propiedades pola comarca do Ulla. Pois parece ser que houbo unha época na historia na que eran os que tiñan dereito a cobrar a portaxe da ponte. Por aquí pasaban, por exemplo, os comerciantes do viño do Ribeiro e os do aceite de Quiroga para levalo ata Santiago. A eles cobrábaselle por empregar a ponte, aos veciños non. Por iso a veces te sorprende o feito de que ti, que levas vivindo aquí toda a vida –porque eu nunca da miña parroquia saín salvo para ir de vacacións– non coñezas feitos históricos que ocorreron a carón da túa propia casa.

–Como está afectando a situación pandémica?

–Polo momento temos todo paralizado. Eu son enfermeira, vivín nas miñas carnes moitos desastres e non me atrevo a asumir esa responsabilidade. Pola nosa configuración, resulta complexo cubrir calquera incidente que poida ocorrer. Parécenos un pouco arriscado no momento no que estamos organizar eventos. O que facemos é, por exemplo, cando o Instituto Galego do Territorio e a Federación Galega de Ciclismo buscaban opcións para rutas ciclistas, mandamos as nosas propostas. Ou se se nos ocorre algo, comentámosllo ao Concello, pero nós mesmas non nos atrevemos a poñer en marcha ningunha actividade.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.