Nesta semana quedaron totalmente rematadas as obras contidas no proxecto de Aldea Singular da parroquia de Doade, que eran as seguintes: Cubrición e acondicionamento da Fonte de Barreiro, situada no centro da parroquia. Limpeza, canalización e acondicionamento fachada da Fonte de San Pedro. Construción e colocación de 10 taboleiros de madeira, que servirán de soporte para a colocación de anuncios para os veciños da totalidade dos lugares da parroquia. E Limpeza e mantemento da ruta homologada de sendeirismo PR-G210 (Ruta do Castro de Doade).

Dende a Asociación de Amigos da Casa do Patrón, Entidade promotora deste proxecto queremos facer constar publicamente o noso máis profundo agradecemento, en primeiro lugar ao xurado e ao Concello de Lalín pola concesión deste galardón no seu día, que simboliza o recoñecemento do noso pobo ao continuado traballo que vimos desenvolvendo a prol da recuperación, conservación e promoción da cultura, da natureza e da actividade social na parroquia durante os últimos 26 anos. Igualmente á actual Corporación do Concello de Lalín, pola correcta e completa adxudicación e control da totalidade das obras antes indicadas, e tamén a Empresa “Contrucciones Luís Miguel”, adxudicataria do proxecto, polo seu impecable e puntual cumprimento na execución dos traballos encomendados. Finalmente, a todos os veciños de Doade, pola súa total colaboración, facilitando en todo momento a axilidade e a comodidade na realización dos traballos.

Consideramos que obras como esta constitúen un verdadeiro exemplo de normalidade institucional e de transición democrática, ademais dunha actividade comunitaria de colaboración público-privada, da que estamos tan necesitados, que debería estenderse a todos os ámbitos da sociedade actual.

Reiteramos a nosa gratitude a todos pola colaboración prestada, que sen dúbida se converte para nós nun enorme estímulo para seguir traballando con ánimos renovados pola constante mellora das condicións de vida do noso rural, ese verdadeiro xardín do Edén, no que temos a sorte de vivir e que rara vez sabemos valorar..

*Presidente do Museo Etnográfico Casa do Patrón.