Zoa tristeiro o vento de Elsinor mais na estrada da vida o Sol, capitán redondo, quenta alá arriba no Ceo.

Fóisenos Francisco Pillado Maior, un dos intelectuais fundamentais da cultura galega contemporánea. Toda unha vida de loita, re(existencia), esperanza, liberdade e memoria.

O neno que ficou ferido para sempre pola beleza lorquiana, “por el cielo va la luna con un niño de la mano”. O home que gustaba de recuncar, unha e outra vez, nos clásicos. Que non acreditaba nas emocións “prefabricadas”, nin nas “bombas intelixentes”, nin nos “bombardeos humanitarios”, nin nos “danos colaterais”. O melómano que gustaba do divino Beethoven. O intelectual que sempre optou por “popularizar o elitismo” e por combater a vulgaridade. O humanista que sempre nos lembraba que “debemos ser realistas e pedir o imposíbel”. O home que sempre subliñaba que o seu principal patrimonio é a súa paisaxe sentimental e afectiva. Sen dúbida, unha das mentes máis lúcidas do país.

Toda unha sinfonía vital, ética e estética en perfecta harmonía. Sensíbel e brillante, erudito e sinxelo, exquisitamente educado e valente(mente) crítico. Todo un poema humano. O sol, capitán redondo, quenta, alá arriba no ceo// e nunca, xamais, nos queimou// porque o seu maior segredo// é que quenta con amor//. Pancho Pillado, toda unha lección de vida que non esqueceremos xamais.