Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Naranxo inaugura a mostra Colectiva Algarabía

Será unha exposición de agradecemento aos artistas participantes da pasada edición

Un intre da inauguración da exposición da Algarabía na Galería Colón o ano pasado. | // BERNABÉ/ANA AGRA

Unha lingua árabe, calquera cousa dita ou escrita dunha maneira intelixible ou unha confusión ruidosa de voces e berros. Son as tres acepcións que recolle a Real Academia Galega para explicar o que é a algarabía. Con todo, para a veciñanza de Lalín o termo algarabía ten que ver coa cultura, coa festa e coa xuntanza dun pobo. A iniciativa xorde da Asociación Cultural O Naranxo, que dende 1986 leva a cabo un importante traballo de difusión e defensa da cultura. Sen levar xa conta dos anos que se leva celebrando a fin de semana da Algarabía, a pandemia dificultou o seu habitual desenvolvemento. Pese a isto, a asociación puxo en marcha unha exposición baixo o nome “Colectiva Algarabía” que pretende reunir pezas de todas as creadoras que participaron na mostra do ano pasado. A inauguración da mesma levarase a cabo mañá ás 20:00 horas no Museo Ramón María Aller Ulloa. Deste xeito, a entidade busca agradecer o esforzo das artistas a pesar da situación presente.

Por outra banda e coincidindo coa propia Algarabía, a primeira fin de semana de setembro está previsto continuar coas mostras de diferentes persoas, tendo cada unha delas un lugar expositivo cos seus traballos. Estas zonas ubícanse nos distintos locais de Lalín, que colaboran de boa maneira coa asociación. Ademais, na Galería de Colón tamén se prepará unha exposición que contará cunha obra de cada artista, para presentar de xeito breve a súa creación e indicar onde está aloxada a colección ao completo. As demais actividades culturais, xogos e concertos que adoitaban celebrarse en edicións anteriores aínda están por determinar, posto que dependen en certa medida das restriccións vixentes. De tódolos xeitos, dende O Naranxo apuntan que teñen intención de realizar algún acto máis, cumprindo coa distancia de seguridade e as medidas de protección necesarias.

Mozos e mozas participando en xogos e actividades da Algarabía no ano 2019. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Evolución do colectivo

Co paso dos anos, a asociación foise adaptando aos tempos chegados. Nun principio, a Algarabía comezou a festexarse debido a que, a finais dos 80 e principios dos 90, as agrupacións musicais de Lalín non tiñan onde tocar. A celebración servía de escaparate para que os grupos fosen quen de mostrar o seu traballo e reivindicar dalgún xeito a importancia da cultura, con xogos e outras actividades. O festival foi cambiando dados os relevos xeracionais, mesmo vivindo paróns e volvendo a retomarse agora, con máis forza. Despois dese auxe que viviu o arte e que quedou perdido, as exposicións pretenden volver a darlle pulo e protagonismo. “A Algarabía é algo vivo, que depende ao completo da xente que o traballa”, afirmaba Jimi, membro da asociación. Todo é susceptible de modificación sempre e cando así o consideren os membos, podendo incorporar tamén ideas que vaian xurdindo a medida que van chegando persoas novas.

O Naranxo é sobre todo unha asociación cultural, pero que tamén se implica na difusión do galego e da cultura de Galicia. Durante bastante tempo, dedicouse tamén á defensa do patrimonio. Desta actividade xurdiron proxectos como a colaboración con Carmen Buxán na publicación Guía dos Castros de Lalín no 1989. O Entroido tamén representa unha parte importante do seu quefacer. Entre a procesión do Santo Torrisco e as súas coplas repasando a actualidad da vila e a Queima do Meco, destaca nos últimos anos o chamado Vermú das Señoritas. Todos os sábados, dous veciños de Lalín, Luis Senande e Pepe Mondelo, aproveitaban o Entroido para vestirse de mulleres. Para continuar coa tradición e como homenaxe a estes personaxes, a asociación cultural leva 11 anos organizando este evento, no que os veciños e veciñas de Lalín saen a tomar o vermú baixo as indumentarias asociadas ao outro xénero.

Á marxe das actividades culturais, a asociación e os propios membros son conscientes da realidade na que viven e non dubidan en defender os dereitos humanos cando é necesario. Dende as súas redes sociais, reivindicaron cuestións como o asasinato homófobo de Samuel na Coruña ou o xenocidio de Palestina. “Entendemos que a defensa dos dereitos humanos é algo lóxico,que debería facer todo o mundo e por suposto, dende a asociación defendemos a liberdade da xente a ser quen é”, sinala Jimi.

Pese a complexa situación, a intención sempre é saír adiante. Á espera de volver coller impulso, arrancarán con esta exposición e coa edición da Algarabía, mirando tamén cara o Vermú das Señoritas do ano que vén.

Compartir el artículo

stats