Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Juan Collazo | Membro de Odaiko Percusión

“En Europa, é o curso de percusión máis importante”

“O Merza Percusión é o único festival español que se celebra este ano”

Un instante do concerto de Odaiko na pasada edición do Festival de Percusión de Merza. | // BERANBÉ/ANA AGRA

Agolada acollerá a próxima semana a 16ª edición do curso Merza Percusión. O evento, organizado polo grupo Odaiko, traerá á vila algúns profesionais do mundo da percusión, que impartirán clase nas dúas modalidades que presenta o festival este ano.

–Cantos alumnos e alumnas vai acoller este ano o Merza Percusión?

–Esta edición vamos andar polos 100 percusionistas en total, cun 40% deles de fóra de Galicia, sobre todo no curso Merza Avanzado. Hai 48 prazas para a modalidade de Merza Percusión, para aqueles que cursen estudos de percusión en escolas de música ou conservatorios en grao elemental e profesional. Logo, o Merza Avanzado acollerá 28 percusionistas que se atopen en 6º de grao profesional, grao superior e máster, así como aqueles que rematasen os estudos. por último, contaremos tamén con 25 profesores, profesionais que veñen de orquestas prestixiosas de Europa. Vai vir unha solista francesa moi recoñecida, ademais doutros percusionistas de nivel de orquestas españolas.

–Precisamente esta edición engadiu unha nova modalidade chamada Merza Avanzado.

–Si, este ano hai un nivel avanzado especial para profesionais. Tivémolo en anos anteriores como unha sección independente dentro do mes da percusión, pero non tiña nome propio. Este ano desligouse do mes da percusión e fíxose este novo apartado de Merza Avanzado, que é profesional.

–Aínda que o emprazamento habitual do curso é Agolada, o ano pasado desprazouse a Merza. Cal foi o motivo para voltar á vila agoladesa?

–Hai dúas razóns polas cales volvemos á Agolada. Por unha banda, o Concello volveu tender a man para poder seguir facendo o curso alí e por outra, en Merza soamente dispoñiamos dunha instalación, que era o colexio. O consello escolar delimitounos os espazos e non nos chegaban. Entón, ata que se arranxe iso, Merza Percusión non pode volver para alí.

–O Campus de Batucada organizado por Latexo Percusión, no contexto do festival, foi suspendido.

–Si. Dadas as novas restriccións tiveron que suspendelo. Había un total de 60 alumnos e alumnas, chegados de diferentes puntos da península, ademais de moitas actividades abertas, con moita interacción. Onte sería o primeiro día pero decidiron suspendelo, era a actividade que ía quedar en Merza.

–Como foi o proceso de organización do curso?

–Obviamente é difícil porque chegan algunhas novas con pouco tempo de antelación, pero se tés un pouco de capacidade de improvisación, todo se pode arranxar. De feito, os concertos, que ían ser no auditorio municipal, teñen que desprazarse polas novas restriccións cara ao exterior, para a Praza do Concello. Aínda así, vai ser un festival 100% seguro. Temos que pensar en que hai que ser prudentes, pero non hai que anulalo. Haberá clases pola mañá, actividades pola tarde e concertos pola noite, coma sempre. O alumnado quedará no colexio, con espazos separados e organizados por idades e por grupos de clase.

–Que relevancia ten o Merza Percusión?

–É o curso máis importante de Europa a nivel de festivais de percusión. Só hai un festival máis grande, en Eslovenia, pero non é un curso docente, son simplemente concertos. De feito, na rede que temos de festivais de percusión de España é o único que se fai este ano. Aquí, como traballamos en poboacións pequenas e máis ou menos illadas, decidimos facelo, ao igual que o ano pasado. Temos que ir convivindo con isto porque ao final é o que nos toca.

–O próximo domingo arranca o Festival Internacional de Percusión 2021 precisamente cun concerto de Odaiko.

–Si. Trátase dun espectáculo patrocinado pola Deputación de Pontevedra, que se presenta ese mesmo día baixo o título “Orixes”. É unha estrea, fíxose hai cinco meses e é o primeiro concerto que se ofrece. Explora un pouco os mundos nos que Odaiko se criou. Tamén actuará con nós a cantante Xiana Lastra, da agrupación A Banda da Loba.

Compartir el artículo

stats