Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Inventario de Pombais en Cerdedo (II)

O Pombal de San Lourenzo.

Baixo unha chuvia persistente, o pasado domingo membros do colectivo Capitán Gosende proseguimos o noso inventario de pombais cerdedeses. Nesta xornada, a inclemente meteoroloxía só permitiu ocuparnos do pombal do San Lourenzo do Serrapio, aldea que en 1897 fora desagregada da parroquia de Santo Isidro de Montes (Campo Lameiro) para pasar a formar parte da de Pedre (Cerdedo). Na vindeira entrega daremos conta do pombal da aldea vella de Vichocuntín, casarío abandonado adscrito tamén á parroquia de Pedre.

Pombal do San Lourenzo

Construción situada na aldea do Serrapio, pertencente á parroquia cerdedesa de Pedre. O pombal, restaurado hai uns anos, érguese na ladeira leste do cotarelo do San Lourenzo, en cuxo cume se erixiu, no século XVIII, unha capela na honra do santo martirizado na grella. O pombal (coordenadas.- X: 545.846; Y: 4.709.477) arrédase, cara ao sueste, uns 25 metros da capela, e a canda tres cruces e cruceiros configuran un conxunto etnográfico e moito mérito. O pombal foi propiedade particular, porén, na actualidade, permanece no limbo dos inmóbeis expropiados por Fenosa nos anos 80, a raíz do proxecto non materializado do encoro de Dorna. Así e todo, a casa das pombas figura consignada no PXOM de Cerdedo.

O pombal do San Lourenzo é unha construción de planta circular e paramento de cachotaría, xacando revocada con barro e cal. O picoto rochoso do San Lourenzo válelle de rexa cimentación. A anchura dos muros é duns 50 cm. O pombal acada uns 3’45 m de altura, dende o chan até as sopenas. Encol das sopenas armouse en tempos unha cuberta cónica (trabe medial, cangos e ripas). Sobre as ripas imbricábase a tella país. O beirado afástase das sopenas uns 34 cm. Nesta franxa, ábrense, cara ao leste, os biolos das pombas. Na actualidade, apenas cinco biolos permitirían o acceso das aves. O espazo interior atinxe os 2 m de diámetro. O piso é de terra e nun recuncho aínda se conservan algunhas tellas canle da antiga cubrición. O diámetro da construción é de 3 m, e o perímetro acada os 10 m. O pombal ocupa, daquela, uns 7 m2 de superficie. O van da porta ábrese cara ao norte. O oco presenta unhas dimensións de 112 cm de alto, 72/53 cm de largo (van abucinado) e 50 cm de fondo. Na face interior do paramento dispóñense hoxe uns 67 aniñadoiros. A fileira inferior de niñais sitúase a uns 90 cm do chan. As celas teñen unhas dimensións de 20x15x30-40 cm de fondo.

Restauración polo Concello

Como xa dixemos, hai unha década o pombal foi obxecto de restauración por parte do Concello. Segundo nos informou un veciño, o traballo foilles encomendado a uns operarios municipais que, pouco habelenciosos, acabaron facendo unha chambonada. Antes da restauración, o cume da cuberta rematábase cunha pequena moa de muíño. No ollo da moa axustábase un tubo cerrado de latón que erguía un catavento no que xiraba unha pomba.

Tras a restauración, as tellas que por ben debían case solapar os penais, ficaron moi recuadas, desbotouse o viraventos e o ollo da moa foi tapado cunha pedra. No pombal do Serrapio chove dentro coma fóra, e as novas madeiras xa evidencian podremia. No interior, a metade dos biolos de acceso e moitos dos aniñadoiros foron cegados con rebos e pegotes de cemento. Como engadiu o noso informante: “Os do auntamento nunca tiveron xente con arte”.

Un ferreiro de Bugarín chamado Manuel foi quen, a finais do século XIX, contratou a feitura do pombal, o depósito de auga e a casa de ao pé da estrada PO-230, na encrucillada de cara a Bugarín (Cerdedo) e Fornelos (Campo Lameiro). As pombas do pombal do San Lourenzo non tiveron máis fin ca o puramente ornamental.

Campaíña litúrxica

Por desgraza, a nosa visita ao Serrapio tamén serviu para ficar sabedores da desaparición da campaíña litúrxica do San Lourenzo, obxecto de bronce que fotografei en 2012, cadrando coa descuberta naquela aldea da pedra antropomorfa denominada Xacente do Coto das Insuas.

A campaíña litúrxica.

Aproveito o penúltimo parágrafo da segunda entrega da serie “Pombais cerdedeses” para, valéndome das plumas e das perdas patrimoniais como fío condutor, facer referencia a unha magnífica plumiña do debuxante Grato Amor Moreno (Vigo, 1949). No debuxo de Amor Moreno descubrimos, cal cata arqueolóxica, as vivendas que naquel Serrapio preexpropiado se situaban á beira do camiño da Pontapedre e que as padexadoras de Fenosa levaron por diante. Penso che un sogno così non ritorni mai più ... Volare oh, oh!, cantaba Domenico Modugno.

E para dar a despedida, deixamos constancia así mesmo da existencia dunha curiosa cabeza antropomorfa que, a xeito de cantacuco ou lampión, enfeita as sopenas do pinche dunha casa do Serrapio, no mesmo núcleo do San Lourenzo. A testa oriéntase cara ao suroeste, arrostrando estoicamente o vendaval. Segundo contan os veciños, a providencial cabeza gardou a casa do tornado que, en abril de 2013, se desatou na aldea e que arrincou árbores vedrañas, levantou tellados e causou non poucos sobresaltos. Para os incrédulos, temos constancia fotográfica das consecuencias daquel fenómeno. Poi d’improvviso venivo dal vento rapito, e incominciavo a volare nel cielo infinito... Volare oh, oh! Chova que vente, Capitán Gosende!

Continuará...

Compartir el artículo

stats