Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ISABEL GARCÍA VÁZQUEZ | Autora de “Paxariños piadores”

“Os beneficios desta guía de paxaros irán para Greenpeace”

“Esta iniciativa axudoume moito durante o confinamento porque pasei horas sacando fotos desde a ventá”, explica

Isabel García amosa un dos exemplares do seu libro na carballeira do Montserrat. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Dende hoxe, a librería Alvarellos ten á venda a guía Paxariños piadores. O volume é o resultado dun traballo conxunto entre a lalinense Isabel García Vázquez e a súa amiga barcelonesa Gema Fernández García. Cada exemplar custa 15 euros.

–É a primera vez que vostede publica un libro, e o certo é que nun inicio non estaba planeado.

–Así é. O certo é que a min sempre me gustou a natureza e sacar fotografías. Vivo nun piso pola zona da estación de autobuses de Lalín e, cando comezou o confinamento, arrancaba tamén a primavera. Así que desde a ventá puiden sacarlles fotos a moitos paxaros. As fotos deron paso, semanas despois, a dúas exposicións, ‘Dende a miña xanela’, no Casino e no Espazo Xove de Lalín. Despois, a miña amiga, que ten dous fillos, animoume a facer un libro ou guía de paxaros, pero para os nenos da casa.

–Esa primeira versión non se editou aquí.

–Non. Era unha guía con 25 fotos sobre outras tantos paxaros diferentes, cunha ficha sobre as súas características ou o tipo de niño que constrúen. Cada ficha vai acompañada dunha poesía en galego. O certo é que sacamos moita información de internet. Esa primeira edición fíxose no Reino Unido, con exemplares en tapa dura e só para os familiares. Na edición que agora sae á venda, son exemplares de tapa blanda, editados por unha imprenta de Barcelona. Os beneficios irán destinados a Greenpeace España.

–Canto tempo precisaba para sacar unha boa foto?

–Máis que o tempo ou a espera, o complicado en realidade era que non tiña moita marxe para variar ángulos desde a ventá.Pero tamén teño que dicilo, esta actividade axudoume moito durante o confinamento, porque pasei horas tirando fotos. Despois, unha vez que se levantou o confinamento e se foron aliviando as restriccións, xa puiden facer fotos en espazos abertos, pero hai que ter en conta que no campo ás veces tamén resulta difícil retratar, porque entre que enfocas e non, ao mellor o paxaro xa marchou. Nesta guía, polo tanto, aparecen fotos feitas tanto desde a miña ventá como noutros escenarios. E coincidiu que xusto no confinamento estaban moi activos e preparando os niños.

–Xa dominaba a ornitoloxía, ou era un campo totalmente novo para vostede?

–Lembro que de nena, cando ía co meu pai levar as vacas, el explicábame cómo era cada paxaro ou qué tipo de niño construía. Despois emigrei fóra de España e o certo é que perdín contacto con ese ámbito. Por iso creo que é necesaria unha guía destas para as xeracións máis novas que viven nas cidades, e que só poden ver pombas, gorrións ou cotorras. é unha maneira de que saiban distinguir outros tipos de aves.

“O picapeixes foi o máis exótico que vin en Lalín”

–Cal foi o tipo máis estraño de paxaro que podemos atopar recollido nesta guía?

–Pois quizais o picapeixes, pois eu nunca o vira e haino no paseo fluvial do Pontiñas. Foi unha auténtica casualidade poder fotografalo, porque seica é un paxaro ao que non lle gostan os ríos con moita auga, e por riba é moi rápido. O certo é que resultou moi emocionante poder velo e que ese día estivese polas aguas do noso río.

–E xa para rematar, góstalle facer calquer tipo de fotografía ou decántase só por retratar aves?

–Pois a verdade é que prefiro facer sobre todo aves e paisaxes.Hai un tempo que teño unha cámara semiprofesional e cun teleobxectivo éme moito máis doado poder retratar paxaros. Teño moitas fotografías sacadas bo paseo do Pontiñas porque adoito ir coa cámara na man e saco o que pille. A dicir verdade, non me gostaba nada sacarlle fotografías, digamos, de pose, ás persoas.

Compartir el artículo

stats